Trátase dunha das praias máis fermosas e espectaculares da Arousa, un deses lugares que ergue ese tópico de “paraíso”. E é que a praia da Area da Secada é unha das preferidas tanto por turistas como nós, ademáis de redondear un conxunto no que se inclúe o Faro, o Campelo, Punta Cabalo, Punta Barbafeita e o piñeiral da Bouza. Dotada de bandeira azul, ó longo da Area da Secada sucédense as súas transparentes e frías augas e as súas brancas e finas areas.
Pero o que tamén chama a atención desta fermosa costa é, precisamente, o seu nome. Un topónimo que, por certo, xa ven de antigo, pois a praia xa aparece así nomeada no mapa de 1811, elaborado con motivo da Guerra da Independencia.
Así pois, o nome de “Area da Secada” é unha evolución de “Sacada”, unha antiga arte de pesca. A Sacada só podía practicarse en lugares extensos, como é o caso da praia que agora leva o seu nome. Coa axuda de dúas embarcacións estendíase unha enorme rede dunha punta a outra da praia. Posteriormente arrastrábase cara a terra coa forza de homes e de dous bois que empurraban en cada extremo. Con esta arte pescábanse sardiñas para fornecer ás fábricas de salgadura. Pero xunto con todas estas capturas remexíase ó mesmo tempo os fondos mariños, levando por diante todo có que se atopaba. Polo tanto, a Sacada levaba consigo un gran custo medioambiental, polo que deixou de practicarse a principios do século XX.
Claro que, hoxe en día, non é difícil imaxinarse, nesa praia con forma de cuncha, esa enorme rede extendida, o que foi de seguro, un dos primeiros usos económicos dunha das praias con máis potencial turístico da Arousa.