A FOCA MONXE DO AREOSO

Cando algunha especie, tanto vexetal ou animal, chega ós nosos lugares, onda uns ollos que os miran con incredulidade, non se pode deixar de reflexionar sobre o inmensa e misteriosa que é a Terra. E o mellor é que cousas tan extraordinarias ocorreulles ós nosos veciños, aló pola primeira metade do segundo milenio. Por aquel entón é moi probable que o pequeno e fráxil Areoso formara parte da Illa de Arousa, e esta, á súa vez, estivera unida á península. Pero é no Areoso, debido á súa condición de insularidade e por ser un hábitat moi virxe, onde mellor se conservan as evidencias do pasado.

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Gracias á excavación dos anos 88-90, dirixida por Manuel Rey, coñecemos moitos detalles do que puido ser a nosa vida cotiá na Prehistoria. E, de maneira ilustrativa, nos chama a atención a presenza dunha personaxe que xa leva camiño de ser un dos elementos máis curiosos de todos os elementos que confluían naquel prehistórico poboado. Trátase dunha foca monxe.

A excavación dos anos 80 está dividida en tres fases segundo a interpretación dos restos atopados. Da que hoxe falamos aquí é a segunda fase, que se corresponde cun momento avanzado da Idade de Bronce. Trátase dun periódo na que a ocupación no Areoso semella máis intensa e gracias ós restos sabemos que os nosos antepasados sabían coidarse moi ben.

De feito, apareceron restos de moitas variedades de marisco, aínda que con gran predominio de lapas, ostras e mexillóns. Tamén eran moi carnívoros, ó xulgar a presenza de animais como vacas, ovellas e porcos; algúns con claros indicios de ter sido cociñados. E en concordancia con isto está tamén a aparición de grandes vasixas con restos de ferruxe, polo que habían de ter sido utilizados para poñer no lume.

E, dentro desta vida cotiá, deste día a día no que podemos visualizar toda unha comunidade, aparecen os restos dunha foca monxe. Correspóndese cun exemplar aínda novo, que debeu morrer accidentalmente e que desa mesma maneira chegou á costa. Non tiña signos de ter sido manipulada, nin de ter feito grande cousa con ela. Pero o seu descobremento non debeu de ser pequeno para os arousáns prehistóricos.

A foca monxe hoxe está en perigo de extinción e, aínda que xa non habita na Península Ibérica, sí que o fai ó longo do mar Mediterráneo, así coma no norte das costas africanas. Sen dúbida, a presenza desta foca é tan só unha pequena anécdota dentro do gran libro que queda por ler no Areoso, pero son estas anécdotas as que nos gustan. E estamos seguros de que moitas máis historias coma esta nos irá regalando o Areoso.

ESTE VENRES, CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE O AREOSO NO CONCELLO.

Cartel anunciador.

Cartel anunciador.

Porque coñecer é a única maneira para opinar, este vindeiro venres estamos todos convidados a unhas charlas informativas sobre a situación do illote Areoso. Darán comenzo ás sete da tarde e terán lugar no salón de plenos do Concello. A celebración destas charlas nestas datas estivais non responde á casualidade, posto que se escolleu así, en pleno mes de agosto, debido á presenza de visitantes e de moita xente da Arousa que normalmente reside fora.

O obxectivo fundamental da xornada é a de dar toda a información posible sobre a situación do Areoso, unha das nosas xoias máis preciadas, que a cotío sofre de abandono e desamparo. O illote, quizáis polo seu pequeno tamaño ou pola súa condición de insularidade, estivo durante case toda a súa historia baixo un valeiro legal que acentuou a súa fraxilidade e propiciou a falta de normativa, malia súa enorma riqueza histórica, cultural, natural e económica.

No seu incansable camiño para revalorizar este fráxil territorio, a Asociación Pandulleiros e o Concello da Illa de Arousa poñen en marcha estas charlas có fin de divulgar e achegar a todo o mundo a realidade que sofre ese anaco de terreo que un día formou parte da Arousa. E para iso, farase dende dous importantes puntos de vista.

O primeiro deles é dende o punto de vista arqueolóxico, que contará coa intervención de Manolo Rey, arqueólogo director da excavación do Areoso dos anos 80. Naquela ocasión descobríronse tres estructuras funerarias, das que se excavaron dúas. Hoxe coñécese a existencia de seis, aínda que se cree moi probable que existan moitas máis.

Tamén intervirá Ignacio Vilaseco, arqueólogo da Xunta de Galicia e investigador especializado nos rituais funerarios do noroeste peninsular dende o Neolítico ata a Idade de Bronce.

O Areoso será tamén obxecto de análise dende o punto de vista da súa riqueza natural, e diso nos falarán o bioólogo e investigador Fernando Brea e o arousán Juan Poza, catedrático de bioloxía e xeoloxía, e mestre no Instituto de Vilanova.

TRAVESÍA POLO AREOSO.

Foi unha xornada única, imposible de esquecer. Claro que, se nada o impide, o acontecemento que tivo lugar o pasado domingo terá a súa edición anual en vindeiras ocasións. Sobre as dez e media da mañá embarcábamos no “Rei do Mar” en calidade de representación do colectivo “Pandulleiros” (toda unha honra). Iniciábamos a travesía en compañía do “Adelino Manuel” e da xeiteira, que debido á súa dependencia do vento, fixo o camiño un pouco por libre. Durante o traxecto non faltaron os golfiños, que moi preto de nos, se puxeron a facer as súas acrobacias. E nos, aínda que moi contentos de que se uniran á causa, non podemos perdoarlles que este ano nos deixaran sen xoubas. Chegados ás inmediacións da Praia de Espiñeiro, vimos ó lonxe a espectacular saída.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

O Areoso observaba nun discreto segundo plano ós participantes, que nin media hora lles fixo falta para chegar onda nos, que xa nos trasladáramos preto do Areoso. Non faltaron as confusións e houbo que sinalarlles ós nadadores por onde tiñan que subir ó barco. Algún estando na auga incluso levantaba a cabeza e nos preguntaba, “… por favor, para o Areoso?”. Por fin chegaron todos e subiron ó “Rei do Mar” e outros ó “Adelino Manuel”. Alí recibiron froita, zumes, barriñas,… para repoñer forzas. E alí foi onde vimos ben ós integrantes do Club de Natación e Salvamento de Vilagarcía: dende nenos e nenas, ata outros máis entrados en anos, pero igualmente cheos de xuventude. Algo que, no noso entender, aínda lle deu máis valor ó acto. Foi entón cando despregamos unha pancarta que dicía: “Salvemos o Areoso”. A continuación a concelleira Lola Folgar lía un manifesto no que se pedía o cumprimento da normativa e a elaboración de medidas de protección, entre outras cousas.

Nadadores subindo a bordo do "Adelino Manuel".

Nadadores subindo a bordo do “Adelino Manuel”.

Así culminaba unha xornada, ante todo festiva e reivindicativa para por en valor unha das maiores riquezas da nosa Arousa. Poucas veces atoparemos nun territorio tan pequeno tal concentración de valor natural, económico e histórico. E nada nos asegura que iso sempre vaia a ser así, de aí a importancia de preservar e protexer un Areoso para todos.

Pancarta e lectura do manifesto.

Pancarta e lectura do manifesto.