A LEI DE ACUICULTURA ARDE NO ENTERRO DO LIBORIO

O anteproxecto da Lei de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo e que é a triste protagonista da nosa actualidade recente, ocupou tamén o lugar máis destacado no enterro do liborio da Arousa, que cada ano organizan as mulleres das Rubas. O enterro foi suspendido no día de onte por temor ó mal tempo, que aínda que non prometía ser mellor no día de hoxe, optouse pola espera coa promesa de que hoxe ía saír o liborio “chovera ou ventara”.

liborio1

Finalmente a climatoloxía respectou o desfile da comitiva polas rúas da Arousa, se ben os asistentes non se libraron dalgunha que outra nevada unha vez que xa chegaran ó seu destino no Paseo do Naval.

As mulleres das Rubas substituiron nesta ocasión os seus traxes de viúvas desconsoladas por roupas de augas, xa que tanto os seus choros como as súas indumentarias foron este ano máis reinvindicativos que nunca. Unha vez desvelado que a identidade do liborio era a lei máis impopular en décadas, comezou o cortexo que culminou, como é habitual, no Naval.

liborio2

Unha representante das mulleres das Rubas leu un pequeno manifesto en verso que denunciaba a “espabilación” dos chinos pretendendo facerse coas nosas ameixas “para comelas con arroz”, así como a incomprensión por eses políticos que comparan o salmón coas numerosos e deliciosos mariscos da nosa ría.

E de aí, o liborio, e con el a lei, xa estaba listo para arder. Comezou entón unha fogueira que acabou por reducir a cinzas ó liborio, ó permex, ó botiquín e a todos cantos obstáculos se lle poñen á xente do mar para traballar, ó tempo que a noite nubrada era adornada con fogos artificiais.

E así se daba rematado de maneira oficial o Antroido na Illa de Arousa, con permiso do epílogo do sábado de carrozas, para o que esperamos, que xa o vamos merecendo, que o bo tempo por fin nos acompañe.

O ALMANAQUE DA COFRADÍA: A FOTO QUE ACOMPAÑA 2016.

almanaque

Almanaque da Cofradía 2016.

Existe un dos clásicos do Nadal da Arousa que chega nesas datas para quedarse. Trátase do xa tradicional almanaque da cofadría, que durante décadas ven ilustrando as mareas e as fases da lúa con diferentes imaxes. Este ano, tal e como pasou o ano pasado, o autor da fotografía é Dani Gondar Rial. De novo trátase dunha foto nocturna, pero esta vez da ponte retratada dende a praia. A parte da beleza en si mesma, a escena está cargada de interesantes detalles, como o cartel reinvindicativo e xa clásico da Arousa, o famoso “prohido mariscar”, que contrasta coa apariencia de noite tranquila na que a elegante curva da nosa ponte traza o seu percorrido. E tampouco falta un dos habituais pescadores que asiduamente ateigan a ponte, xa que ha de ser difícil atopar o noso viaducto sen algún deles. En todo caso, unha fermosa e representativa fotografía pola cal non podemos deixar de felicitar a Dani. Unha imaxe da que non nos chegará 2016 para aburrirnos dela.

TEMPORAIS DOUTROS TEMPOS

temporais2

Temporais. Fotografía de Antonio Gil.

A fotografía que hoxe traemos até aquí é unha desas imaxes que deixa plasmada toda unha época, xa que neste caso, semella toda unha homenaxe ós anos 80. É dicir, que tampouco fai tanto tempo, relativamente, dende que foi tomada, pero as diferencias coa actualidade son notables.

Si xa nos nosos días, cando hai temporal, non deixa de sorprender ata onde chegan as ondas e todas as algas, e o que cadre, que enchen o paseo marítimo do Campo, cómo había de ser aquilo cando non existía esa protección. Pois esta fotografía, tomada no momento xusto, é o que nos conta. Primeiramente, a liña entre a rúa e a praía era realmente moi fina, ata o punto de que os aparellos de traballo como os raños case que se amoreaban na rúa.

Nin por mencioar esa ondaxe salvaxe que empurraba a praia á porta das casas, unha imaxe que pouco vai sorprender ós nosos maiores, que a meirande parte da súa vida o viron así.

E cantos son os detalles de nolstalxia que nos deixa esta foto! Por un lado, dúas son as chemineas presentes na paisaxe, testemuña dun pasado conserveiro que aínda chegaba a aqueles anos; o modelo antigo de furgoneta de traballo, aparcando e aguantando como podía as embestidas da salitre; e o  mítico cartel da “Mirinda”, hoxe desaparecido dos bares.

Un cartel que, por certo, se debía á presencia do antigo “Café Moderno”, que non debía o seu nome a un capricho, senón porque era un café como os clásicos coñecidos con ese nome, cós seus grandes ventanais e o seu aspecto elegante. O café, ó contrario do que sucede có bar actual, non se atopaba no piso de abaixo, senón no segundo. Polo tanto, había que subir por unhas escaleiras para chegar a el, supoñendo unha gran incomodidade para os pais, xa que os nenos, antes ou despois, sempre acababan por baixar a xogar á rúa.

Volvendo ó valor visual desta fotografía, non podemos deixar de felicitar ó autor, Antonio Gil. Unha das copias da imaxe orixinal está no bar Saratoga e outra no despacho da Policía Local. Xa na era dixital, non temos máis que clicar todas as veces que faga falta, e aínda así, é doado que non logremos retratar a ondaxe na súa máxima expresión. Pero iso non ocorre nesta foto, xa que nun preciso segundo é capaz de falarnos de toda unha época.

A FOCA MONXE DO AREOSO

Cando algunha especie, tanto vexetal ou animal, chega ós nosos lugares, onda uns ollos que os miran con incredulidade, non se pode deixar de reflexionar sobre o inmensa e misteriosa que é a Terra. E o mellor é que cousas tan extraordinarias ocorreulles ós nosos veciños, aló pola primeira metade do segundo milenio. Por aquel entón é moi probable que o pequeno e fráxil Areoso formara parte da Illa de Arousa, e esta, á súa vez, estivera unida á península. Pero é no Areoso, debido á súa condición de insularidade e por ser un hábitat moi virxe, onde mellor se conservan as evidencias do pasado.

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Gracias á excavación dos anos 88-90, dirixida por Manuel Rey, coñecemos moitos detalles do que puido ser a nosa vida cotiá na Prehistoria. E, de maneira ilustrativa, nos chama a atención a presenza dunha personaxe que xa leva camiño de ser un dos elementos máis curiosos de todos os elementos que confluían naquel prehistórico poboado. Trátase dunha foca monxe.

A excavación dos anos 80 está dividida en tres fases segundo a interpretación dos restos atopados. Da que hoxe falamos aquí é a segunda fase, que se corresponde cun momento avanzado da Idade de Bronce. Trátase dun periódo na que a ocupación no Areoso semella máis intensa e gracias ós restos sabemos que os nosos antepasados sabían coidarse moi ben.

De feito, apareceron restos de moitas variedades de marisco, aínda que con gran predominio de lapas, ostras e mexillóns. Tamén eran moi carnívoros, ó xulgar a presenza de animais como vacas, ovellas e porcos; algúns con claros indicios de ter sido cociñados. E en concordancia con isto está tamén a aparición de grandes vasixas con restos de ferruxe, polo que habían de ter sido utilizados para poñer no lume.

E, dentro desta vida cotiá, deste día a día no que podemos visualizar toda unha comunidade, aparecen os restos dunha foca monxe. Correspóndese cun exemplar aínda novo, que debeu morrer accidentalmente e que desa mesma maneira chegou á costa. Non tiña signos de ter sido manipulada, nin de ter feito grande cousa con ela. Pero o seu descobremento non debeu de ser pequeno para os arousáns prehistóricos.

A foca monxe hoxe está en perigo de extinción e, aínda que xa non habita na Península Ibérica, sí que o fai ó longo do mar Mediterráneo, así coma no norte das costas africanas. Sen dúbida, a presenza desta foca é tan só unha pequena anécdota dentro do gran libro que queda por ler no Areoso, pero son estas anécdotas as que nos gustan. E estamos seguros de que moitas máis historias coma esta nos irá regalando o Areoso.

PRAIA DA AREA DA SECADA: A ORIXE DO SEU NOME.

Praia da Area da Secada. Imaxe: Marcos Cancelas.

Praia da Area da Secada. Imaxe: Marcos Cancelas.

Trátase dunha das praias máis fermosas e espectaculares da Arousa, un deses lugares que ergue ese tópico de “paraíso”. E é que a praia da Area da Secada é unha das preferidas tanto por turistas como nós, ademáis de redondear un conxunto no que se inclúe o Faro, o Campelo, Punta Cabalo, Punta Barbafeita e o piñeiral da Bouza. Dotada de bandeira azul, ó longo da Area da Secada sucédense as súas transparentes e frías augas e as súas brancas e finas areas.

Pero o que tamén chama a atención desta fermosa costa é, precisamente, o seu nome. Un topónimo que, por certo, xa ven de antigo, pois a praia xa aparece así nomeada no mapa de 1811, elaborado con motivo da Guerra da Independencia.

Detalle da parte norte do mapa da Arousa da Guerra da Independencia de 1811.

Detalle da parte norte do mapa da Arousa da Guerra da Independencia de 1811.

Así pois, o nome de “Area da Secada” é unha evolución de “Sacada”, unha antiga arte de pesca. A Sacada só podía practicarse en lugares extensos, como é o caso da praia que agora leva o seu nome. Coa axuda de dúas embarcacións estendíase unha enorme rede dunha punta a outra da praia. Posteriormente arrastrábase cara a terra coa forza de homes e de dous bois que empurraban en cada extremo. Con esta arte pescábanse sardiñas para fornecer ás fábricas de salgadura. Pero xunto con todas estas capturas remexíase ó mesmo tempo os fondos mariños, levando por diante todo có que se atopaba. Polo tanto, a Sacada levaba consigo un gran custo medioambiental, polo que deixou de practicarse a principios do século XX.

Claro que, hoxe en día, non é difícil imaxinarse, nesa praia con forma de cuncha, esa enorme rede extendida, o que foi de seguro, un dos primeiros usos económicos dunha das praias con máis potencial turístico da Arousa.