PETROGLIFOS “OS MOUCHOS”, O LEGADO DO LEONARDO DA VINCI GALEGO.

Un momento da nosa visita.

Un momento da nosa visita.

A semana pasada, o conxunto arqueolóxico de petroglifos de “Os Mouchos”, situados na parroquia de Leiro, en Rianxo, saltaban ós medios de comunicación, ó ser víctimas dunha desagradable imaxe: a de ver manchas de pintura branca sobre eles. Na pasada fin de semana tivemos ocasión de visitar o conxunto cun guía de excepción: Juan Carlos Collazo, o brazo rianxeiro dos Pandulleiros. E, certamente, fomos sin facernos moitas expectativas, pois xa sabemos que os trazos da Historia non son moi dados a mostrarse con alegría.

Pero estábamos totalmente equivocados. O dos Mouchos é todo un museo ó aire libre, unha morea de obras de arte regaladas sobre a pedra que está na superficie, e seguramente tamén na que está soterrada. Aparecen alí gravadas sobre esceas de caza, de montura; diversos animais coma cervos, cans e cabalos, nalgún, có seu xinete ó lombo. O autor (ou autores), este xenio do Neolítico, era veciño noso. Sen ter as súas cualidades desenvolvidas como home primitivo que era, este mestre tiña un talento innato e inusual que o levou a traballar sen descanso nas súas obras, ata chegar incluso a dominar a perspectiva. Un talento que, de seguro, nin se pode comparar con alguén que esté vivo nos nosos días. Quizáis, poderíase pensar que estamos ante un Leonardo da Vinci rianxeiro da Idade do Ferro.

En todo caso, e o máis frustrante de todo isto, é presenciar o difícil que é que se valore o noso, ata o punto de sentirnos moitas veces incapaces de manter como se merece a obra dun xenio que viveu fai catro mil anos. E tamén o feito de darse o caso que, ante estas xeniais e únicas obras de arte que están ó lado da nosa casa, nin as coñezamos, nin as valoremos, nin as visitemos. E iso que seguro se nos fai imprescindible visitar lugares como a Cova de Altamira en canto temos oportunidade.

Por últimos, gustaríanos disculparnos pola mala calidade da imaxe. Prometemos fotos á altura dos nosos lectores nun futuro, a poder ser próximo.

A FOCA MONXE DO AREOSO

Cando algunha especie, tanto vexetal ou animal, chega ós nosos lugares, onda uns ollos que os miran con incredulidade, non se pode deixar de reflexionar sobre o inmensa e misteriosa que é a Terra. E o mellor é que cousas tan extraordinarias ocorreulles ós nosos veciños, aló pola primeira metade do segundo milenio. Por aquel entón é moi probable que o pequeno e fráxil Areoso formara parte da Illa de Arousa, e esta, á súa vez, estivera unida á península. Pero é no Areoso, debido á súa condición de insularidade e por ser un hábitat moi virxe, onde mellor se conservan as evidencias do pasado.

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Cantas máis sorpresas nos agardan baixo as areas do Areoso?

Gracias á excavación dos anos 88-90, dirixida por Manuel Rey, coñecemos moitos detalles do que puido ser a nosa vida cotiá na Prehistoria. E, de maneira ilustrativa, nos chama a atención a presenza dunha personaxe que xa leva camiño de ser un dos elementos máis curiosos de todos os elementos que confluían naquel prehistórico poboado. Trátase dunha foca monxe.

A excavación dos anos 80 está dividida en tres fases segundo a interpretación dos restos atopados. Da que hoxe falamos aquí é a segunda fase, que se corresponde cun momento avanzado da Idade de Bronce. Trátase dun periódo na que a ocupación no Areoso semella máis intensa e gracias ós restos sabemos que os nosos antepasados sabían coidarse moi ben.

De feito, apareceron restos de moitas variedades de marisco, aínda que con gran predominio de lapas, ostras e mexillóns. Tamén eran moi carnívoros, ó xulgar a presenza de animais como vacas, ovellas e porcos; algúns con claros indicios de ter sido cociñados. E en concordancia con isto está tamén a aparición de grandes vasixas con restos de ferruxe, polo que habían de ter sido utilizados para poñer no lume.

E, dentro desta vida cotiá, deste día a día no que podemos visualizar toda unha comunidade, aparecen os restos dunha foca monxe. Correspóndese cun exemplar aínda novo, que debeu morrer accidentalmente e que desa mesma maneira chegou á costa. Non tiña signos de ter sido manipulada, nin de ter feito grande cousa con ela. Pero o seu descobremento non debeu de ser pequeno para os arousáns prehistóricos.

A foca monxe hoxe está en perigo de extinción e, aínda que xa non habita na Península Ibérica, sí que o fai ó longo do mar Mediterráneo, así coma no norte das costas africanas. Sen dúbida, a presenza desta foca é tan só unha pequena anécdota dentro do gran libro que queda por ler no Areoso, pero son estas anécdotas as que nos gustan. E estamos seguros de que moitas máis historias coma esta nos irá regalando o Areoso.

ESTE VENRES, CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE O AREOSO NO CONCELLO.

Cartel anunciador.

Cartel anunciador.

Porque coñecer é a única maneira para opinar, este vindeiro venres estamos todos convidados a unhas charlas informativas sobre a situación do illote Areoso. Darán comenzo ás sete da tarde e terán lugar no salón de plenos do Concello. A celebración destas charlas nestas datas estivais non responde á casualidade, posto que se escolleu así, en pleno mes de agosto, debido á presenza de visitantes e de moita xente da Arousa que normalmente reside fora.

O obxectivo fundamental da xornada é a de dar toda a información posible sobre a situación do Areoso, unha das nosas xoias máis preciadas, que a cotío sofre de abandono e desamparo. O illote, quizáis polo seu pequeno tamaño ou pola súa condición de insularidade, estivo durante case toda a súa historia baixo un valeiro legal que acentuou a súa fraxilidade e propiciou a falta de normativa, malia súa enorma riqueza histórica, cultural, natural e económica.

No seu incansable camiño para revalorizar este fráxil territorio, a Asociación Pandulleiros e o Concello da Illa de Arousa poñen en marcha estas charlas có fin de divulgar e achegar a todo o mundo a realidade que sofre ese anaco de terreo que un día formou parte da Arousa. E para iso, farase dende dous importantes puntos de vista.

O primeiro deles é dende o punto de vista arqueolóxico, que contará coa intervención de Manolo Rey, arqueólogo director da excavación do Areoso dos anos 80. Naquela ocasión descobríronse tres estructuras funerarias, das que se excavaron dúas. Hoxe coñécese a existencia de seis, aínda que se cree moi probable que existan moitas máis.

Tamén intervirá Ignacio Vilaseco, arqueólogo da Xunta de Galicia e investigador especializado nos rituais funerarios do noroeste peninsular dende o Neolítico ata a Idade de Bronce.

O Areoso será tamén obxecto de análise dende o punto de vista da súa riqueza natural, e diso nos falarán o bioólogo e investigador Fernando Brea e o arousán Juan Poza, catedrático de bioloxía e xeoloxía, e mestre no Instituto de Vilanova.

FELIZ SOLSTICIO DE INVERNO DENDE QUILMA

Na Arousa as pedras falan, viven e observan. Por iso, cada ano, cando se produce o solsticio de inverno, homenaxeamos algún dos conxuntos máis característicos e impresionantes dos que dispoñemos, que non son poucos, para emular, dalgunha maneira ó Stonehenge. Comezamos o ano pasado có Con do Navío e nesta ocasión, o lugar ó que nos trasladamos foi Quilma, a ese especial monte e ó seu presunto menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Atopámolo nun lugar estratéxico. Por un lado, o muíño de auga e as praias de Carreirón en fronte. Por outro, o Areoso, na que seguramente é a perspectiva máis espectacular que se pode atopar do illote dende terra. Segundo os restos arqueolóxicos, Quilma formaría parte dunha liña que comenza cós restos funerarios do Areoso e que tería alí a súa continuación. De feito, en documentos antigos constátase a existencia do topónimo “Castro de Quilma”, algo que fai máis que probable a antiga existencia dun castro nesta zona.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Especial atención merece unha estructura de catro metros que se alza inclinado alí, o máis parecido a un menhir que podemos encontrar en moitos quilómetros á redonda. De feito, este con chamou a atención do biólogo e xeólogo arousán Juan Poza, que alertou ós expertos sobre isto. E non podía estar moi desencamiñado, pois dende un primeiro momento considerouse que era necesario someter a estudo a rocha. E é que a natureza é ben caprichosa e unha gran parte da súa obra escapa á máis grande imaxinación humana. Aínda así, demasiado perfecta e demasiado trazada semella. Claro que, polo momento, os estudos non chegaron a resultados concluínten do que para nós xa sempre será un menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

 

A EXCAVACIÓN DO AREOSO NOS ANOS 80

O noso pequeno illote do Areoso, por unhas razóns ou outras sempre está de actualidade. Pero aínda máis nestes días, cando numerosos medios de comunicación nos contan o interese de universidades e arqueólos polo que sucede neste pequeno terreo.

Pero lembremos que antes de todo iso, a finais dos anos 80, tivo lugar unha importante excavación levada a cabo por Manuel Rey. Quedou lonxe e case esquecida no tempo, pero aquela investigación xa presaxiaba a riqueza arqueolóxica do Areoso. Todo regresa ó día de hoxe gracias á labor do colectivo Pandulleiros, organizadores das charlas nas que Manuel Rey nos contou a súa experiencia no illote.

O arqueólogo falou da constancia da existencia de tres enterramentos naquela exacavación. Hoxe constátase a existencia de seis, pero Manuel Rey sospeita que todo o territorio está cheo deles.

Imaxe: La voz de Galicia

Imaxe: La voz de Galicia

Naquela investigación de 1988, dividíronse os resultados obtidos en tres fases temporais. A primeira fase correspóndese con restos descubertos pertencentes ó Neolítico Final. Lembremos que, moi seguramente, neste tempo o Areoso estaría unido á Arousa. Nesta etapa atopáronse, non cinco nin dez, senón 70 pezas de cerámica. Estaban moi ricamente decoradas e pertencen ó tipo de cerámica “incisometopada”. Moitas destas pezas apareceron a carón dun soterramento, polo que os investigadores creen que se trata dun enxoval funerario. Creen que séculos máis tarde a tumba foi saqueada e que os ladróns colleron os obxectos que consideraban de máis valor e que tiraron as pezas de cerámica, o que explicaría porqué apareceron desta maneira.

A segunda fase correspóndese  coa etapa de Bronce Antigo. Caracterízase pola violación dos monumentos funerarios e as pezas que aparecen son de carácter máis funcional e pouco decoradas, como cazolas e vaixelas. Aparecen restos de cunchas, osos e metais (os primeiros aparecidos no Noroeste). Aparecen restos de animais e moluscos: vacas, porcos, ovellas,… e ata dunha foca monxe, aínda que a súa presencia sería accidental. Evidénciase o uso de forxa e martillos, e tamén restos de moluscos, a maioría de ostras, mexilóns e lapas, dos que destacan o seu enorme tamaño.

Coa chegada da terceira fase, o Areoso, ata aquel entón un territorio tan intensamente ocupado, deixa case de súpeto de ter actividade antrópica. É unha fase de sedimentación, nos que os restos van sendo soterrados en varias capas de area. Nesta fase, aparecen restos de animais que morren alí de maneira accidental, así como cravos e outros materiais procedentes de naufraxios da Época Romana.

Logo de séculos de sedimentación, está chegando ó Areoso unha fase de erosión, no que os temporais e procesos meteorolóxicos en xeral, están descobrindo novos restos antes descoñecidos. Pode que moi pronto o noso pequeno Areoso nos relate novos detalles do noso pasado. Algo que será imposible sen a súa preservación.