UNHA VOLTA POLA AROUSA E OS SEUS PIORNOS.

Fai uns meses xa dabamos conta neste mesmo espacio da gran particularidade dos piornos da Arousa. Naquela ocasión, falando de Pedraserrada, reparábamos na presenza de gran cantidade de piornos situados na beira do mar, algo que non é demasiado corrente, agás en Combarro e pouco máis. Pero non remata aí as historias dos piornos na Arousa, máis ben empezan, porque aínda que sexa tan grande a cantidade que hai, de seguro que hai unha historia por cada un deles. A parte dos de Pedraserrada, temos un exemplo de piorno costeiro na zona da Salga, moi preto do Campo.

Piorno costeiro situado na zona da Salga.

Piorno costeiro situado na zona da Salga.

Neste artigo tentamos recopilar algúns piornos que nos pareceron interesantes e que nos despertaron a curiosidade, o que non quere dicir que sexan os únicos, nin moito menos.

Os piornos son unhas contrucións que xa en sí están cargadas de misterio, pois a súa orixe é descoñecida ou difusa. Porqué ese deseño en concreto? Porqué só existen en Galicia? É certo que tamén os hai en Asturias e outras zonas cercanas, pero as súas diferencias cós galegos son máis que notables.

A nosa amiga Sandra, guía turística da zona do Salnés, comentounos en certa ocasión que uns turistas, estando observando un piorno, lle preguntaron se nesa construción se metían os mortos. Pero, a qué viría esa macabra suposición? Á presenza de cruces nos tellados do piornos, quizáis? Porque ben certo é que pouco se pode comprender a presenza de elementos relixiosos nun lugar onde se garda o millo e as patacas.

Polo demáis, unha especie de rodas no alto da súas patas é un exemplo máis do elocuente enxeño galego, xa que sirven para que os ratos non gabeen por elas e estraguen a colleita gardada.

Piorno no Santo en memoria de Manolo Lojo.

Piorno no Santo en memoria de Manolo Lojo.

Có paso dos anos, os piornos viviron situacións comprometidas ó caer en desuso. En moitos casos foron derrubados, xa que as familias necesitaban os espacio e sacrificaban o piorno que xa facía anos que non usaban. En moitos casos foron cambiados de sitio. Creemos que este é o caso do piorno que está no Santo e que é en homenaxe a Manolo Lojo. Este piorno puido estar no seu inicio fronte a casa do cura, pero non puidemos corroboralo.

Piorno situado nas galerías de Goday.

Piorno situado nas galerías de Goday.

Hoxe en día os piornos son moi valorados como construcións tradicionais e son protexidos por Patrimonio Galego, polo que nin sequera os propietarios poden derrubalos. Pero en cambio danse outras situacións un tanto extrañas, como que os piornos aparezan como “atrapados” case en calquera parte. Un exemplo pode ser o piorno que está fronte as galerías de Goday, que actúa como un elemento decorativo do pasado que acompaña ás actuais galerías.

Piorno da zona do naval tapado con pedra na súa parte inferior.

Piorno da zona do naval tapado con pedra na súa parte inferior.

Pero non son poucos os piornos un tanto particulares que podemos atopar dando un paseo pola Arousa. No Naval, por exemplo, hai un piorno que antes críamos que é único en toda Galicia. E é que a súa parte inferior está tapiada, cerrada con pedra. Por suposto, descoñecemos qué propósito tiña facer algo así, polo que rogamos que si entre os nosos lectores alguén sabe algo, que non dubide en dicírnolo. Gracias a un amigo de Aguamorta, Lis Outeda, a quen lle agradecemos fondamente a información facilitada, sabemos agora que este piorno non é único na súa especie, xa que na casa do cura e no barrio da Torre hai outros dous piornos igualmente fechados na súa parte inferior.

Piorno inclinado no Cantiño.

Piorno inclinado no Cantiño.

E como en cada cidade e pobo que se precie debe haber unha torre de Pisa, pois aquí temos nos a nosa. Como vemos, a inclinación da que presume este piorno non é ningunha parvada.

A "Rúa do Piorno" e o piorno que lle da nome.

A “Rúa do Piorno” e o piorno que lle da nome.

E aquí temos outro piorno moi especial. A simple vista, non semella ter ningunha particularidade, agás da propia construción en si, que xa bastante é. Pero entón reparamos no nome da rúa e este é “Rúa do Piorno”. Polo tanto, estamos ó mellor, diante dun dos máis antigos piornos da Arousa?

Piorno de oito pés. Foto extraída dun artigo do ano 1935.

Piorno de oito pés. Foto extraída dun artigo do ano 1935.

Por último, remitímonos unha vez máis, non será a última, ó artigo sobre a Arousa publicado polo xornal “Estampa” de Madrid en marzo de 1935. Neste artigo aparece un piorno de oito pés, e que está apoiado nun muro. Cando antes nos referiamos a que, cando se necesitaba o sitio derrubábase o piorno, temémonos que iso foi o que lle aconteceu a este. O xornalista de “Estampa” pasou unha tarde na Arousa e, polo que conta no artigo, os lugares que visitou non foron máis aló do Chufre e do Campo, polo que este piorno debeu estar nalgunha destas zonas no seu día.

Piorno situado na Rúa Outeiro da Vila, que data do ano 1896. Imaxe: Lis Outeda.

Piorno situado na Rúa Outeiro da Vila, que data do ano 1896. Imaxe: Lis Outeda.

Non víamos problable a existencia de máis piornos de oito pés na Arousa, pero novamente gracias a Lis Outeda coñecemos a existencia de, nada máis e nada menos, catro piornos dese tipo, que tamén son chamados de “tres claros”. Están situados no Muíño de Auga, na rúa Paradela, no Con do Forno e, por último, un piorno moi especial situado na rúa Outeiro da Vila, que destaca polo seu excelente estado de conservación, sobre todo tendo en conta que data, nada máis e nada menos, do ano 1896. O propio Lis non descarta a existencia de máis piornos deste tipo.

O BARRIO MARIÑEIRO DE PEDRASERRADA

pedra7

lanchas (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Non hai vila ou cidade que non teña o seu propio barrio mariñeiro, coma no caso do Berbés en Vigo ou Santo Tomé en Cambados. Este último, incluso, era unha poboación propia que acabou uníndose á vila natal de Ramón Cabanillas.

pedra6

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Claro que, falar dun barrio mariñeiro na Illa de Arousa pode resultar un tanto raro, pois toda ela é mariñeira. Pero hai algo diferenciador na zona de Pedraserrada, algo que pode entroncar con outros clásicos barrios mariñeiros. Pedraserrada foi uns dos primeiros barrios da Arousa, algo que ven demostrado pola presenza de casiñas de pedra antigas, nunha concentración máis alta que no resto da Arousa. Moitas destas casas foron restauradas, pero tamén é certo que é unha zona que vive unha gran degradación, sobre todo na súa parte costeira.

pedra5

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Pedraserrada constrúese a base dun enmarañado de rúas estreitas e pedregosas, con laxes asomándose no chan e nos camiños. Fai non moitos anos eran habituais alí as tabernas, como “a de Monchita”, moi recordada entre os veciños. Unha circunstancia que reforza, e moito, a súa condición mariñeira.

pedra4

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Outro dos seus elementos diferenciadores é a presenza de piornos. Estas construcións tipicamente galegas eran, e seguen sendo, moi habituais en toda a Arousa. A principios de século dicíase que había un en cada casa. A particularidade dos de Pedraserrada é que moitos deles se atopan á beira do mar, unha circunstancia esta pola que é coñecido e admirado o fermoso pobo de Combarro, no que si se levou a cabo unha remodelación e restauración dos seus elementos arquitectónicos. Non é doado en xeral pescudar a data de construción dun piorno, pero segundo nos conta un veciño, e poñendo como referencia ó pai e ó avó, podemos dicir que no último cuarto do século XIX o piorno da súa casa xa estaba en pé.

pedra3

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

E xa achegándonos á costa, vemos unha paisaxe en Pedraserrada onde os piornos se asoman ó mar e conviven con embarcacións amarradas a uns ganchos que ateigan os cons. Ó ser zona de traballo, vemos tamén unha gran acumulación de lixo derivado dos traballos do mar. Algo que agocha en moitos aspectos a gran xoia patrimonial que existe en Pedraserrada, unha das zonas máis emblemáticas da Arousa.

pedra2

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

pedra1

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

TEMPOS DO MUÍÑO DE VENTO

Emprazado no alto dun outeiro, no coñecido como o monte de Predouzos, atópase o muíño de vento. Malia ser de propiedade privada, polo que non é posible acceder ó edificio directamente, non deixa de ser unha visita e un fermoso paseo, no que se pode gozar dunhas incribles miraxes da Arousa, así como unhas máxicas postas de sol, coa inestimable compaña do muíño,  elemento fundamental do noso patrimonio.

muíñodevento_003

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Nembargantes, e ó contrario do que ocorre có de mareas, pouco se sabe deste muíño. Non se coñece a data da súa construción e, ademáis de que a súa actividade nunca foi moita, leva xa moitas décadas en desuso. Malia todo, a súa primeira referencia histórica podería ser a propia introdución do millo en Galicia, nos albores do século XVII. Pero a pescuda máis concreta está  no “Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal”, de Sebastián de Miñano, obra que data dos anos 1826-29. Aquí falásenos da existencia dun muíño de vento na Arousa que era “… muy útil para los pueblos del Grove y de la parte oriental de la ría”. E é que un dos principais usos do muíño, máis que o uso particular, foi o fornecemento de barcos, sobre todo en épocas conflitivas.

muíñodevento_002

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Non podemos obviar a existencia de, polo menos, outro muíño de vento, como se nos conta na “Historia da Illa de Arousa”. Este muíño, que tamén estaría situado na zona das Aceñas, desapareceu por completo en 1936, cando se utilizaron as súas pedras para outras construcións. E dicimos “polo menos”, porque non se descarta a existencia de máis, aínda que semella que foi o muíño de mareas das Aceñas o que sempre gozou de máis actividade, deixando en segundo plano ós de vento.

Desta maneira, podería ser moi útil unha ollada á toponimia Arousá na cal, así como atopamos o topónimo Aceñas como referente á actividade da moenda, atopamos tamén a zona chamada “Semuíño”, que inevitablemente fai que na revista Dorna (nº12, xullo 2010) se pregunten se algo terá que ver coa pasada existencia dun muíño naquel lugar. A conclusión é que simplemente se trata dun nome propio, sin ningunha relación coa moenda do millo, debido á inexistencia de documentación que acredite algo diferente.

muíñodevento_001

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

De uso público nun principio, o muíño de vento foi adquirido posteriormente por un particular. Como dicíamos antes, leva unha morea de décadas sen actividade, aínda que en algunha ocasión sirveu incluso como vivenda. De planta circular, o muíño de vento aparece ben conservado nos nosos días. Pero ás ameazas ás que tivo que facer fronte ó longo destes anos non foron poucas. A más dura, sen dúbida, os terribles incendios do verán de 2006, cando as lapas case chegan até o edificio, ben protexido, por sorte, polo muro de pedra que o rodea. Na actualidade, sete anos e medio despois, pódese comprobar que a vexetación dos arredores está bastante recuperada.

O LAVADOIRO DE PALMEIRA, RECANTO DUN PASADO RECENTE

Os lavadoiros son construcións típicamente galegas que foron aparecendo a comezos do século XX. Eran lugares públicos moi necesarios, en épocas nas que non existía a lavadora, que facían un pouco máis cómoda a dura actividade de lavar a roupa. Con razón as nosas avoas din que a lavadora é o mellor invento da historia. Imaxínense o enorme traballo que había de ser acarretar a roupa ó lavadoiro, fregala contra a lousa inclinada sen descanso, e levala despois de volta para a casa.

palmeira_01

Para a construción dos lavadoiros aproveitábase a existencia dunha fonte. E, na Arousa precisamente, será por fontes. Aquí coñecemos tres lavadoiros, o do Río, cuio rego foi desafortunadamente cuberto con cemento, malia o cal segue sendo un dos nosos currunchos máis especiais; o lavadoiro das Laxes, reformado polo obradorio Nordés en 2009; e o lavadoiro de Palmeira, sen dúbida, o mellor conservado.

E é que este lavadoiro é unha das pertenzas máis importantes do patrimonio arquitectónico da Arousa. Deberon de ser moitas as tardes de cantos, risas e contos, sempre entre murmurios, que nunca se sabe quén había de estar preto, que habían de ter transcorrido durante anos. Xa décadas despois, ía aparecer o mellor invento do século, que habían de amainar considerablemente as duras xornadas de traballo destas mulleres incansables.

palmeira_03

Paseniño, o lavadoiro de Palmeira foi deixando de ser frecuentada para o seu uso. Aínda ata finais da década dos 80 e principios dos 90, aínda había quen ía alí a lavar alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos. Si que tivo ata ben pouco un uso de fonte. Pois era de obriga para todos, pero sobre todo para os nenos e sobre todo no verán, desviarse un pouco do camiño acordado para parar a beber en Palmeira. Tamén eran moitos os veciños que ían esplícitamente para encher as súas botellas de auga, pois era dunha excelente calidade, sempre fresquiña, tanto no verán coma no inverno.

palmeira_02

Hoxe en día non se pode garantir nada diso, e un cartel indícanos que a auga non é potable e que non é apta para o consumo. Polo tanto, Palmeira perdeu xa toda a utilidade coa que se contaba no momento da súa construción. Claro que nin sequera o precisa, convertido xa o lavadoiro nun dos lugares máis emblemáticos e con máis encanto da Arousa, Palmeira é parte importante, como dicíamos, do noso patrimonio, con espírituo de servizo público dende os seus inicios e con visos do pasado recente escrito alí. Un deses lugares que tan escasos son e dos que tanto precisamos.

OS MUIÑOS DE ABALO, EN CATOIRA: UNHA CERCANA VISITA Ó PASADO.

IMG_5904

Imaxínense por un intre que se atopan nos finais do século XIX ou nos principios do XX. Pensen no sufrimento de carregar con quilos e quilos de millo enriba dun carro. Cómo de longas e frías habían de ser aquelas noites no muíño. Quizáis tanto, que pola capacidade de adaptación e supervivencia do ser humanos, foron capaces de inspirar esas cantigas que todos coñecemos, e que son capaces de ruborizarnos só con escoitalas.

IMG_5906

O de Abalo, en Catoira, é un conxunto de muíños único.  En primeiro lugar, porque os muíños de vento non eran moi comúns na nosa zona. Aínda que nós na Arousa temos o privilexio de contar con un, que é un dos elementos máis importantes dos que constituen o noso patrimonio. A boa conservación dos muíños de Abalo, son unha gran axuda para coñecer algo máis da arquitectura pasada do noso muíño de vento.

IMG_5908

O muíño “Monte Mesón” é o mellor conservado. Cómo podemos ver, aínda posúe as súas aspas ou abanos.

IMG_5909

Como era de  esperar, cando no val fai un día de calma e calor , no outeiro onde están os muíños un vento chirriante sopra con violencia. Non é de estrañar que sexan ata tres os muiños que alí se atopan, e de que os tres gozaran de gran actividade. Como se pode observar, o outeiro ofrece unhas espectaculares vistas á Ría.

IMG_5910

Ó igual que o muíño da Arousa, os muíños de Abalo son construcións moi sinxelas. Son de planta circular e están construídas de granito. As aspas e as portas eran de madeira, mentres que o tellado estaba cuberto de tellas e pedras, materiais pesados en todo caso, pensados para non sucumbir á acción do vento.

IMG_5911

Irónica imaxe na que podemos ver xuntos exemplos de muíños de vento de onte e de hoxe. Seguro que os irmáns modernos dos muíños de Abalo nunca contarán có mesmo aprecio có que hoxe conta este complexo.

IMG_5914

Aquí vemos o interior do muíño que está en peor estado de conservación. É o único que non xa non ten tellado, pero no seu interior, ainda que semella unha escombreira, pódense recoñecer elementos da antiga edificación.

IMG_5913

Os muíños foron restaurados fai 20 anos. É unha desas visitas esquecidas, pero imprescindibles, un exemplo máis de que non é necesario desplazarse moitos quilómetros para atopar fermosos recunchos con encanto. Iso sí, debemos insistir en que pode non tratarse dunha visita moi cómoda, pois a presencia do vento é constante alí, pois o vento é, como non podía ser doutra maneira, é o último morador dos muíños de Abalo.