Durante os séculos XIX e XX as formas cadrangulares das fábricas de salagre eran moi habituais dentro dos verdes paisaxes da costa galega. Reconvertidas hoxe en vivendas e outros usos, ou simplemente derruidas, forman parte da memoria nostálxica dun pasado que tampouco é tan lonxano.
Un dos grandes exemplos de recuperación e restauracións destas fábricas atopámolo no concello de O Grove, que posúe un museo da salagre en Punta Moreiras. O Grove é todo un pioneiro en levar a cabo accións similares, algo que atrae a un turismo que adoita gostar de coñecer os tintes históricos dos lugares que visita.
Meses atrás, Punta Moreiras foi tamén o escenario dunha miniserie coproducida entre Galicia e Cataluña. De título “Salgadura”, a coprodución segue a estela de anteriores ficcións como “Mar libre” e promete ofrecer unha imaxe da vida cotiá das nosas costas nos séculos XVIII e XIX, có fondo histórico das fábricas de salagre.
As roupas de época, a ambientación e a recreación do funcionamento destas fábricas que se desenvolvían durante a rodaxe, foi a inspiración do Concello de O Grove para tratar de facer algo semellante no futuro. Trataríanse dunhas xornadas de exhaltación da salagre, que terían lugar unha vez ó ano. Nesta ocasión coincidiron coa popular Festa do Marisco da vila. Durante as xornadas, traballadoras vestidas de época mostrarían o proceso de elaboración da salagre, e tamén se degustarían as principais especies explotadas nas fábricas: os xurelos e as sardiñas.
Aínda que dirixida ó interese turístico, non se pode dubidar que se trata dunha fermosa iniciativa, pode que condicionada pola morriña que produce ese pasado que se nos escapa, do que canto máis tempo pasa, menos coñecemos. Por iso sempre son boas novas que se trate de achegar un anaco da Historia ó presente. As fábricas de salagre ben merecen esa oportunidade.