Polo ano 2006, un pequeño e exótico pato aparecía coma se nada entre as ducias de patos alavancos reais que tan ben se adapataron ás costas arousanas. Non foron necesarias moitas pescudas para descubrir que se trata dun pato mandarín, especie orixinaria da China. Como podemos ver, trátase dun pato algo máis pequeño que os seus compañeiros de hábitat, os alavancos reais.
As súas intensas e chamativas cores indícannos que se trata dun macho adulto, posto que tanto as femias coma os inmaduros dos patos mandaríns son de cores cincentas apardazadas. Que o macho sexa máis espectacular que a femia é algo moi habitual entre os animais, pois é o deber dos machos chamar a atención da femia para o apareamento.
Malia súa procedencia chinesa, o pato mandarín pode vivir asilvestrado en países europeos como Inglaterra ou Suíza. Segundo os autores González e Carrión (2000), a súa presencia en Galicia é accidental, debido a exemplares escapados da catividade. Poden tratarse entón, de cimarróns procedentes de Inglaterra, Holanda e Suíza.
Logo dun tempo, o pato mudou de ubicación en varias ocasións, ata que deixou de ser avistado. Pero recentemente foi visto outra vez nas inmediacións da Salga. Descoñecemos si se trata do mesmo pato que o do 2006, ou si este tivo descendencia no seu momento. O que si sabemos é que está rexistrado, pois ten un anel nunha das súas patas. Así pois, axiña será posible coñecer un pouco máis sobre a vida e os comportamentos deste singular patiño.