CRÓNICA DUNHA MÁXICA NOITE DE SAN XOÁN.

Semellaba que non ía ser unha noite tranquila meteorolóxicamente falando para a noite do 23 de xuño, xa que tanto partes televisivos como aplicacións de móviles auguraban unha noite de chuvia e tronada. Pero nada diso pasou, e noite de San Xoán de 2014 convertiuse nunha noite excepcional para churrascadas e sardiñadas. Iso si, coa debida precaución de manter a leña a salvo das choivas da tarde.

Non é de estrañar. Cunha orixe celta, esta festa sobreviveu a numerosos obstáculos durante milenios e incluso a día de hoxe, ás veces non resulta doada a súa celebración. Sen ir máis lonxe, este ano caeu un luns e ó día seguinte trabállase, coma un día normal. Pero todo iso non impediu a presenza das costumes e tradicións do San Xoán en tódalas casas.

san xoán2

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Xa polas 8 da tarde, comezaba a verse o primeiro fume nas paisaxes da Arousa. E, cómo non podía ser menos, ese fume foi a máis a medida que pasaban as horas, ata que unha enorme fumareda cubría a Arousa por zonas. Non debeu ser pequena a sorpresa que se había de levar algún despistado que chegara entón á Arousa e non lembrase a data na que estábamos.

Por tratarse do comezo da semana, en moitas casas optouse por cenas familiares con churrasco e sardiñas, ou máis churrasco e non tantas sardiñas, debido ó prezo e escaseza destas nestas datas. Iso si, sempre con algunha fogueira, aínda que sexa improvisada, que nunca está de máis espanta-las meigas e queimar todo de canto negativo houbo no ano.

A xente nova, pola súa parte, ateiga as praias. A maioría deles, cós compromisos académicos xa solventados e sin traballos ante os que responder ó día seguinte, poden vivir unha das festas das que, de seguro, máis bos recordos terán cando sexan adultos.

san xoán1

Outra das alternativas da noite foi a dos bares, como no caso do Con do Moucho, un pouco máis só este ano, ante o recente peche do Baka. Cun gran ambiente  nunha noite ideal para estar na terraza, o Con do Moucho ofreceu unhas tapas de luxo: xureliños e criollos. Tampouco faltou a fogueira nin tampouco, coma sempre, a boa compañía.

Ó día seguinte, é imprescindible lava-la cara coa auga de San Xoán, de receita libre en cada casa, pero que debe pasar a noite ó rocío. Así se comenza unha nova época, con novas enerxías e ánimos renovados. Así foi o San Xoán 2014 na Illa de Arousa. O vran queda oficialmente inaugurado.

 

50 ANOS DE LEMBRANZAS NO “GRUPO”

Qué tantos choros e disgustos causaba nos nenos a primeira vez que ían alí e qué nolstalxia causa anos despois aquel lugar que tanto nos marcou nas nosas vidas. A nosa escola, o Grupo, fai 50 anos. E para celebralo, estes días recréase unha aula moi semellante á de fai 50 anos, ademáis de haber tamén unha exposición que percorre todos aqueles anos a través dos seus estudantes, mediante fotos cedidas polos pais dos estudantes actuais.

Rapaces cós seu mestre, coa casa de Mascareñas detrás.

Rapaces cós seu mestre, coa casa de Mascareñas detrás.

A exposición está aberta para todo o mundo, iso si, recoméndase que acudan mellor polas tardes, para non distraer das súas leccións ós nenos. Por desgracia, temos que denunciar tamén dende aquí as mans largas dalgúns asistentes, que se levaron fotografías e deixaron con ocos valeiros gran parte da exposición. Lembren que son fotografías que ten moita xente, e que é doado conseguilas, sen necesidade de privar a ninguén de observalas.

congreso

Visita ó Congreso nos anos 80.

Con motivo do aniversario tamén se están dixitalizando vídeos  que se poden ver na canle do Youtube do colexio, onde seguramente moitos de vostedes poden atoparse. Gustaríanos lembrarnos de todos os mestres, que son moitos os que marcaron unha época, ou están marcando. Pero ante o risco de cometer imperdoables olvidos, non o imos facer. Sirva na súa representación a figura de Miguel, un mestre novo e estusiasta que chegou ó Grupo nos anos 80 e que agora é xa o máis veterano dos que están alí.

pabillón quinto

Unha clase posando diante do “Pabillón de 5º”

A exposición de fotografías lévanos a unha viaxe no tempo de 50 anos de duración. Imaxes de estudantes e mestres a través de distintas xeneracións. Tampouco falta, como non podía ser doutra forma, a presencia da mítica porteira Luísa, xubilada fai poucos anos. Aparece nos seus anos de estudante, aínda que estes non tiveron lugar no Grupo.

pasillos

Corredor da exposición.

Tampouco falta a presenza de moitos dos que nos deixaron antes de tempo, así como a querida Sor Aurora, ou a nosa entrañable Sor Riquiña, que entre as súas numerosas actividades, tamén estaba a de ser mestra no Grupo. Moitas son imaxes dos Antroidos, datas moi especiais e moi celebradas no colexio, e moitas son tamén de excursións e viaxes, como un mítico realizado nos 80 ó Congreso dos Deputados. Naquela ocasión tratábase dun premio gañado polos estudantes por un traballo realizado.

patio

Patio do “Grupo”

O Grupo tiña tamén a súa particular casa encantada, a casa de Mascareñas. Tratábase dunha casa que ficara dentro das instalacións escolares e que pertencera a un antigo médico chamado Mascareñas. Nas horas dos recreos aquela casa era unha gran atración para moitos rapaces, como escenario das súas aventuras. Có tempo chegou a estar ruinosa chegando a supoñer un grave perigo para os rapaces e un problema inabarcable para os mestres. Finalmente foi derruida para construir no seu lugar o actual Polideportivo.

porteira luísa

A porteira Luísa nos seus anos escolares.

E agora, 50 anos despois, é oda unha gran satisfación ver de novo a nosa escola, mellorada e gozando de gran saúde, e formando ás novas xeneracións de arousáns. Vémonos dentro doutros 50 anos… e máis o que queda.

sor aurora

A sempre querida e lembrada Sor Aurora tamén foi mestra no Grupo.

“QUILMA” DEBUTA Ó GRANDE

A banda de Rock Pop-gresivo, como eles mesmos se autodefinen, Quilma, realizou o seu agardado debut o pasado sábado pola noite. O lugar non podía ser outro que o Con do Moucho, xa que os seus responsables sempre se mostran encantados de apoiar iniciativas semellantes, polo que non é de estrañar que os grupos locais sempre a atopen a súa casa no xa mítico pub arousán.

Puxéronse á venta 80 entradas, que se esgotaron cando xa estaba a piques de comezar o concerto. E é que o público non defraudou e acudiu á chamada de Quilma para a súa primeira actuación.

A estrea de Quilma supuxo un gran show, nunha noite emotiva e cargada de sospresas. A primeira, unha “chapa” có logotipo da banda, coa que agasallaron a todos os asistentes. O concerto comezaba ben pasada a medianoite. Un dos seus integrantes, Xose Piñeiro, era o primeiro en pronunciarse para dedicar o concerto ós nosos veciños recentemente falecidos Maite e Tomás, de quenes dixo que eran “dúas persoas que nos deixaron demasiado pronto”, palabras que arrincaron fortes aplausos de todos os asistentes.

quilma1

Durante o concerto, puidemos descubrir (re descubrir) a todo un grandísimo mestre de cerimonas. O cantante da banda, Paulino, fixo de condutor nun espectáculo que ía máis aló da música. Con espectacularidade e gran sentido do humor, Paulino levou consigo ó público aló onde quixo, ó tempo que se sucedían os seus temas xa coñecidos, como “Chavaliño” ou “Alas de Xapón”, intercaladas con versións de outros temas coñecidos internacionalmente.

quilma2

A calidade do son era máis que aceptable, algo que contribueu a que a intrepetación ao vivo dos seus temas incluso mellorasen con respecto ás dos videos que xa todos coñecemos.

Nunha noite cargada de homenaxes e recoñecementos, Paulino quixo lembrarse, xa non da xente que emigra, como adoita suceder, sinon dos que se quedan aquí, por ser eles os que “van levantar o país”. E como non podía ser doutro xeito tamén pediron aplausos para agradecer a labor dos actuais donos do Con do Moucho, Nelo, Xambo e Guille, así como os anteriores donos, Alfredo e Arturo entre outros, por ser quenes iniciaron a oferta cultural de concertos, dos que aínda hoxe podemos disfrutar.

Un público entregado nun concerto que, lonxe de defraudar, superou as espectativas. Así comezaba o camiño de “Quilma”, esperamos que se trate dun camiño longo e de que todos o vexamos.

 

CRÓNICAS DE MARZO: DO ANTROIDO Ó FESTIVAL DO NORTE

Marzo, por riba de todo, foi o mes do Antroido, que tanto e tan ben festexamos aquí na Arousa. A comparsa máis irreverente, os Mosos Da Arousa, volveron á carga máis reivindicativos que nunca para apoiar os dereitos das mulleres. Para iso, disfrazáronse do colectivo feminista Femen, e certamente, non se lles vía moi incómodos neste papel. O mércores de cinza saía dende as Rubas o director de Novacaixa Galicia para recibir o merecido que non recibe na vida real polo escándalo das preferentes.

A principios de marzo coñecíamos tamén a historia de Eloy Poza, un rapaz da Arousa de 14 anos que, malia súa xuventude xa tivo que enfrontarse a unha grave enfermidade con só un ano de vida. As consecuencias da súa enfermidade non son ningunha pega para que Eloy sexa considerado un dos mellores xogadores galegos de baloncesto, algo que só é posible gracias ó seu esforzo e determinación. Eloy, por motivos propios, é todo un exemplo para os seus compañeiros e para todos nos.

Os MDA invandindo a de "Fina Viñas".

Os MDA invandindo a de “Fina Viñas”.

A mediados de mes, o lobo mariño “Raciño”, que pasou un periodo de recuperación no Igafa, despedíase da Illa de Arousa para retomar a súa vida alá polo Gran Sol. Unha despedida feliz, debido ós grandes resultados obtidos.

Pola súa parte, o sector do mexilón recibíu algunha que outra boa nova neste mes. Por unha parte, a chegada ó Grove do equipo do programa de Televisión Española “Master Chef”, no que o mexilón será o elemento esencial dos pratos dos concursantes. Por outra parte, na Voz de Galicia aparecía a nova do alto aumento das vendas do mexilón galego, debido ós problemas que afronta o mexillón chileno. Claro que estas boas novas hai que tomalas con precaución, posto que acaban de aparecer novos brotes de toxina, o que obrigou ó peche dalgúns polígonos.

Eloy Poza.

Eloy Poza.

E marzo remataba cunha gran nova no eido social e cultural: o inesperado traslado do Festivas do Norte á Illa de Arousa. Xa facía tempo que dende este mesmo lugar soñábamos cun festival de música para as novas xeracións, que tamén teñen dereito. Pois aquí está. Atentos ós días 3, 4 e 5 de xullo, porque pode que vexan a Arousa coma nunca antes a viran.

 

CRÓNICAS DA AROUSA: FEBREIRO

Febreiro comezaba non moi ben dende o punto de vista meteorolóxico, pois unha inaudita sucesión de temporais anegáronnos case todo o mes. Petra, Qumaira, Ruth, Stephanie, Ulla,… trouxeron nefastas consecuencias, como bateas á deriva e a aparición de animais mortos nas praias. Os barcos víronse na obriga de abandonar o seu habitual amarre no Xufre na busca de outros destinos máis abrigados no Cabodeiro ou Vilanova. Pero, como moi ben se adoita dicir, “nunca choveu que non escampara”, e aínda que as choivas e o vento se resistan a deixarnos definitivamente, o sol semella que comeza a sair.

IMG_6216

O mes de febreiro trouxo tamén consigo unha desagradable sorpresa: un novo imposto que grava ás embarcacións da pesca de baixura. Como adoita ser habitual, este novo imposto saído da nada foi aprobado con nocturnidade e alevosía o 24 de xaneiro e entrou en vigor só dous días despois. Un impedimento máis para o desenvolvemento da clase traballadora, que neste caso atinxe ó  importante e fundamental sector mariñeiro.

E como a Arousa é unha Illa ateigada de misterios, o mes de febreiro non podería quedar sen un. Na madrugada día 11 ó 12, unha chama de teléfono alertaba da caída e dúas persoas dende a ponte. O helicóptero de Salvamento de Pesca axiña se puxo en marcha, sen que se atoparan resultados. Posteriormente sóubose que a chamada non tiña demasiada credibilidade, por ser debida a unha persoa desorientada, presumiblemente, por causa dalgunha medicación.

Pero o mes que nos ven de deixar é o mes por exelencia dos preparativos do Antroido. Unhas das festas máis celebradas na Arousa por fin están aquí. Quedan abertas as apostas para saber qué disfraces serán os triunfadores neste ano, qué temas serán os máis relevantes nas “letrillas” das comparsaas e nas carrozas, así como quen será aquel que as mulleres das Rubas queimen sen piedade, ainda que despois de chorarlle moito. Pero iso xa o contaremos o próximo mes.