TRAVESÍA POLO AREOSO.

Foi unha xornada única, imposible de esquecer. Claro que, se nada o impide, o acontecemento que tivo lugar o pasado domingo terá a súa edición anual en vindeiras ocasións. Sobre as dez e media da mañá embarcábamos no “Rei do Mar” en calidade de representación do colectivo “Pandulleiros” (toda unha honra). Iniciábamos a travesía en compañía do “Adelino Manuel” e da xeiteira, que debido á súa dependencia do vento, fixo o camiño un pouco por libre. Durante o traxecto non faltaron os golfiños, que moi preto de nos, se puxeron a facer as súas acrobacias. E nos, aínda que moi contentos de que se uniran á causa, non podemos perdoarlles que este ano nos deixaran sen xoubas. Chegados ás inmediacións da Praia de Espiñeiro, vimos ó lonxe a espectacular saída.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

O Areoso observaba nun discreto segundo plano ós participantes, que nin media hora lles fixo falta para chegar onda nos, que xa nos trasladáramos preto do Areoso. Non faltaron as confusións e houbo que sinalarlles ós nadadores por onde tiñan que subir ó barco. Algún estando na auga incluso levantaba a cabeza e nos preguntaba, “… por favor, para o Areoso?”. Por fin chegaron todos e subiron ó “Rei do Mar” e outros ó “Adelino Manuel”. Alí recibiron froita, zumes, barriñas,… para repoñer forzas. E alí foi onde vimos ben ós integrantes do Club de Natación e Salvamento de Vilagarcía: dende nenos e nenas, ata outros máis entrados en anos, pero igualmente cheos de xuventude. Algo que, no noso entender, aínda lle deu máis valor ó acto. Foi entón cando despregamos unha pancarta que dicía: “Salvemos o Areoso”. A continuación a concelleira Lola Folgar lía un manifesto no que se pedía o cumprimento da normativa e a elaboración de medidas de protección, entre outras cousas.

Nadadores subindo a bordo do "Adelino Manuel".

Nadadores subindo a bordo do “Adelino Manuel”.

Así culminaba unha xornada, ante todo festiva e reivindicativa para por en valor unha das maiores riquezas da nosa Arousa. Poucas veces atoparemos nun territorio tan pequeno tal concentración de valor natural, económico e histórico. E nada nos asegura que iso sempre vaia a ser así, de aí a importancia de preservar e protexer un Areoso para todos.

Pancarta e lectura do manifesto.

Pancarta e lectura do manifesto.

CARMEN BARCIA, A HISTORIA DO VELLO VELEIRO ATRACADO EN VILAGARCÍA

Qué triste o destino dos vellos lobos de mar, cando logo dunha intensa vida, chea de travesías, aventuras, cambios de donos, de actividade, non lles queda máis remedio, chegado o final dos seus días, que ficar varado nun peirao, resultando non ser máis ca un estorbo para os seus habituais usuarios.

Carmen Barcia en Vilagarcía de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas

Carmen Barcia en Vilagarcía de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo

É esta a realidade dos barcos abandoados, barcos pantasma que semellan contarnos as súas historias a través dos seus esqueletes de madeira. Coma no caso do motoveleiro Carmen Barcia, deitado na rampa do Cavadelo no porto de Vilagarcía,  permanece agochado detrás de novas e sofisticadas pistas de pádel e do glamour dos barcos de vela lixeira de competición.

O Carmen Barcia foi construido en 1953 nuns asteleiros de Noia. E a partir de entón levou a cabo unha traxectoria que o fixo moi popular e admirado en todos os portos galegos, pois posiblemente, non debeu de haber nin un só no que non deiraxa de ir. Navegaba a vela e con motor auxiliar e eran moitas as travesías que finalizaba. As máis habituais habían de ser hacía o sur, a Andalucía, chegando tamén á costa africana, cara onde trasportaba madeira e de onde regresaba con viño, sal e outros produtos. Tamén eran habituais as súas viaxes a Asturias e Euskadi, a onde levaba tamén madeira, e regresaba con cemento e carbón.

imrama.com

O Carmen Barcia, na súa época dourada. Imaxe: http://www.imrama.com

Logo de anos onde cambiaron os seus donos, así como o motor e incluso tamén o seu nome (chegou a chamarse Ramón del Valle-Inclán), o Carmen Barcia sufriu a súa transformación máis radical en 1975, ano no que se convertiu en draga para extraer area do río Ulla.

Xa no ano 1994, atopándose encallado en Pontecesures, un matrimonio procedente de Madrid dou con el e soñou coa súa restauración. Invertiron niso serias esperanzas e moreas de cartos, para o cal trasladaron o barco ó porto de Vilagarcía. Desgraciadamente, as necesidades do Carmen Barcia eran demasiadas e a restauración non puido ser finalizada. A partir de entón, o barco permenece en Vilagarcía abandoado á súa sorte.

E alí leva xa 20 anos. En 2014 sufriu un afundimento que fixo que tivera que ser reflotado, a partir de entón, permanece la rampa do Cavadelo, molestando para uns, dando mala imaxe para outros e conmocionado coa súa beleza melancólica a moitos. Non deixen de visitalo, o Carmen Barcia ten os días contados porque non lle queda outro destino máis que a demolición.