Qué triste o destino dos vellos lobos de mar, cando logo dunha intensa vida, chea de travesías, aventuras, cambios de donos, de actividade, non lles queda máis remedio, chegado o final dos seus días, que ficar varado nun peirao, resultando non ser máis ca un estorbo para os seus habituais usuarios.
É esta a realidade dos barcos abandoados, barcos pantasma que semellan contarnos as súas historias a través dos seus esqueletes de madeira. Coma no caso do motoveleiro Carmen Barcia, deitado na rampa do Cavadelo no porto de Vilagarcía, permanece agochado detrás de novas e sofisticadas pistas de pádel e do glamour dos barcos de vela lixeira de competición.
O Carmen Barcia foi construido en 1953 nuns asteleiros de Noia. E a partir de entón levou a cabo unha traxectoria que o fixo moi popular e admirado en todos os portos galegos, pois posiblemente, non debeu de haber nin un só no que non deiraxa de ir. Navegaba a vela e con motor auxiliar e eran moitas as travesías que finalizaba. As máis habituais habían de ser hacía o sur, a Andalucía, chegando tamén á costa africana, cara onde trasportaba madeira e de onde regresaba con viño, sal e outros produtos. Tamén eran habituais as súas viaxes a Asturias e Euskadi, a onde levaba tamén madeira, e regresaba con cemento e carbón.

O Carmen Barcia, na súa época dourada. Imaxe: http://www.imrama.com
Logo de anos onde cambiaron os seus donos, así como o motor e incluso tamén o seu nome (chegou a chamarse Ramón del Valle-Inclán), o Carmen Barcia sufriu a súa transformación máis radical en 1975, ano no que se convertiu en draga para extraer area do río Ulla.
Xa no ano 1994, atopándose encallado en Pontecesures, un matrimonio procedente de Madrid dou con el e soñou coa súa restauración. Invertiron niso serias esperanzas e moreas de cartos, para o cal trasladaron o barco ó porto de Vilagarcía. Desgraciadamente, as necesidades do Carmen Barcia eran demasiadas e a restauración non puido ser finalizada. A partir de entón, o barco permenece en Vilagarcía abandoado á súa sorte.
E alí leva xa 20 anos. En 2014 sufriu un afundimento que fixo que tivera que ser reflotado, a partir de entón, permanece la rampa do Cavadelo, molestando para uns, dando mala imaxe para outros e conmocionado coa súa beleza melancólica a moitos. Non deixen de visitalo, o Carmen Barcia ten os días contados porque non lle queda outro destino máis que a demolición.