O MAPA DA ILLA DA GUERRA DA INDEPENDENCIA. RETRATO DA AROUSA DE 1811

Son nas grandes contendas onde se desenvolven con maior rapidez a ciencia e a tecnoloxía. De feito, hai quen asegura que tanto os mapas como os GPS non terían existido se non fose por motivos bélicos. E iso mesmo sucedeu na Guerra da Independencia, o acontecemento que dou lugar á aparición dos “carcamáns”. Durante a Guerra, na que os exércitos español e inglés se uniron para derrotar ós franceses, tivo lugar unha enorme proliferación de mapas, gracias á creación do “Corpo do Estado Maior”, que impulsou unha maior planificacion estratéxica. A Illa tivo tamén un papel importante nestes episodios, pois dende a Illa levouse a cabo unha resistencia que subministraba por mar comida, roupa e armas ós combatentes en Vigo.

Con motivo do bicentenario da contenda, o Ministerio de Defensa ven de publicar unha recopilación de documentos relacionados coa Guerra da Indepencia, e pertencentes ós tres exércitos implicados. Entre eles, unha morea de mapas, entre os que se atopa un específico da Illa de Arousa, toda unha xoia en formato dixital, á disposición de todos.

Mapa da Arousa de 1811

Mapa da Arousa de 1811

O mapa leva o nome de “Memoria topográfica militar de Ysla de Arosa”, e o seu autor é o Tenente Coronel de Enxeñeiros Manuel de Otermin, con data do 6 de agosto de 1811. O mapa que vemos na imaxe é unha copia realizada por Luís Ibáñez de la Rentería, en 1822. Aínda que o seu valor cartográfico é escaso, ten un valor histórico incalculable, pois é o máis parecido a unha fotografía que poderiamos ter da Arousa daquela época, ademáis da gran axuda informativa que nos ofrece a lenda do mapa.

No mapa saen destacados os principais accidentes xeográficos da Illa, o que desvela unha toponimia que xa existía dous séculos atrás: Niño de Corvo, Punta Barbafeita, o Campelo,… A lenda tamén nos informa da existencia de 115 casas, nas que se reparten os 400 habitantes que se estima que tiña a Arouna naquela época, todas concentradas na parte máis estreita da Illa. A lenda conta tamén a existencia de cultivos de trigo, cebada e millo, así como viñas e piñeiros de escasa altura. Aparece tamén un muíño, sen especificar se é de vento ou de mareas, aínda que nos apostamos por este último, tanto pola antiguedade como pola súa ubicación.

Detalle da lenda.

Detalle da lenda.

Como non podía ser de outro xeito, no mapa tamén se situan fontes, elementos caracterísiticos e abundantes na Arousa, indicando que son “de boa auga”. Tamén aparecen promotoiros de area, moitos dos cales de seguro foron no futuro aproveitados para que a Illa lle gañase terreo ó mar, así como praias das que se destaca que continuamente atracan embarcacións chegadas de todas partes.

E así é como pouco a pouco se vai configurando o retrato daquela Illa que a piques estaba de converterse en carcamana, un retrato no que, de seguro, todos repararemos en algo diferente. Era unha Arousa moi distinta á que agora coñecemos, cunha enorme cantidade de terreo virxe e moi pouco habitada, pero que se gañou un espazo na Historia por moitos motivos, un deles, o seu papel na Guerra da Independencia.

HISTORIAS DO CEO DE VERÁN

Imaxe

ImaxeNesta época do ano, son moitas as miradas que nas apacibles noites de verán, se dirixen ó ceo. Na maior parte das ocasións débese á esperanza de ver as célebres “choivas de estrelas”, aquelas que cando eramos nenos pensabamos que ían ser coma centos de luceciñas máxicas que caían sen cesar do ceo.

Como ben sabido é, esa actividade require moita máis paciencia e algún que outro coñecemento. O caso é que o ceo é todo un espectáculo do que moitas veces nos esquecemos, para o cal só necesitamos un espacio aberto ó aire libre e os nosos propios ollos, e a súa observación pode resultar moito máis entretida do que nos podería parecer nun principio.  A saber:

A parte das estrelas e constelacións habituais, ollando o ceo de verán podemos tentar localizar os planetas que máis preto están da Terra. Neste senso, Mercurio resulta máis esquivo, pero Venus adoita ser máis visible, aínda que tamén depende da época do ano.

Un dos elementos máis numerosos que imos atopar van ser os satélites. Se observamos fixamente calquera punto do ceo, de seguro que atopamos, de entre as estrelas, un punto brillante pero que non cintila, que percorre unha traxectoria continua. Eses son os satélites, esas naves espaciais fabricadas na Terra que teñen cada un a súa función, e que fan que a nosa vida diaria sexa moito máis sinxela. Poden ser centos deles, dos que os máis coñecidos son a Estación Espacial Internacional (ISS), o Telescopio Espacial Hubble (HST) ou os satélites de comunicación Iridium.

Non podían faltar nesta listaxe, xa as mencioamos antes, as estrelas fugaces que, malia as consabidas datas de agosto que se lles atribúen, poden aparecer calquera noite e en calquera momento. O que ocorre e que é tan curta a súa duración que pode que só as vexamos de reollo, ou que a súa visión sexa tan repentina que aquel desexo que tiñamos preparado para cando as viramos, se esqueza por completo mentres observamos esa efémera explosión de luz.

Tamén podemos probar a atopar as diferentes e numerosas constelacións. Para iso necesitaremos máis tempo e paciencia, así como mapas do ceo ou aplicacións de telefonía axeitadas. En todo caso, toda esa busca de constelacións empeza pola localización da Osa Maior e a Osa Menor (tamén coñecidas coma os “cazos”) e a estrela polar que se atopa entre elas.

Tamén é importante a localización da estrela polar para a realización dun “experimento” fotográfico chamado “startrail”, como a que nos amosa hoxe a nosa Aguamorta, realizada no ceo da Arousa. Aproveitando o movemento de rotación da Terra, imaxinamos que o fai sobre un eixo, que será a estrela polar. Iso xunto cunha longa exposición dará lugar a unha fotografía na que semella que as estrelas se moven. Claro, non se moven, facémolo nós.

Como diciamos, pode que o ceo sexa o lugar máis máxico e misterioso que poidamos observar, sobre todo tendo en conta que, pola súa condición de infinito, nunca acabaremos por coñecelo todo, nin sequera o suficiente. A observación pode resultar apaixoante e hipnótica, porque nunca podemos evitar, aínda que non o recoñezamos,  que temos a esperanza de que o descoñecido, o non identificado, se amose algún día diante dos nosos ollos.

O CON DE TRES PÉS: OUTRAS MIRADAS.

ÓNDE ESTÁN AS BOLBORETAS?

 

En Manchester, no século XIX, a especie de bolbereta predominante alí, a bolboreta do bidueiro, tiña as ás brancas, polo que podía camuflarse perfectamente nas árbores dos bosques próximos á cidade. Pero coa chegada da máquina de vapor e da Revolución Industrial, déronse enorme niveis de polución. Esta polución fixo que as árbores se tinguisen paseniño dunha cor cada vez máis escura. Iso rematou cunha gran parte da poboación de bolboretas, aínda que axiña comezaron a aparecer outras de cor escuro, que podían seguir camuflándose nas árbores. Estas foron as que sobreviviron. Por iso, a bolboreta do bidueiro é un dos grandes exemplos que aparecen cada vez que se fala da selección natural de Darwin.

E é que a bolboreta é a gran supervivinte do planeta Terra, sendo a segunda especie máis abondosa do mundo. As bolboretas das que falamos son diurnas, pero a maioría son nocturnas e case non se deixan ver. As diurnas son as máis coñecidas e as máis fermosas tamén, pois non deixa de fascinar ver cómo un pequeno insecto é capaz de desenvolver unhas cores tan complexas e espectaculares.

Semellan fráxiles e delicadas, ó que contribue o feito de que teñan tantos depredadores. Pero son moitas as fortalezas das que dispoñen, por exemplo, teñen unha gran resistencia ás baixas temperaturas e ás grandes alturas, por non falar da rapidez do seu voo, que adoita ser determinante á hora de esquivar ó inimigo. De feito, son grandes voadoras, pois algunhas especies fan migracións de ata varios miles de quilómetros.

Pero, por riba de todo, as bolboretas son excelentes bioindicadores. Así pois, lugares como a Serra do Courel ou as Fragas do Eume, concentran un gran número de especies diferentes. Precisan a presenza de gran variedade de vexetais e plantas en bo estado e que a súa floración sexa abondosa. No caso tanto da Illa de Arousa coma do resto das Rías Baixas, a reducción da poboación de bolboretas fíxose evidente nun periodo de so 25 anos aproximadamente. A explicación a este feito atopámola na diminución de espazos verdes que tivo lugar durante estes anos, polo que son moitos menos os lugares nos que as bolboretas poden cubrir as súas necesidades.

Pero debemos estar tranquilos, pois a súa supervivencia semella asegurada, aínda que cada vez sexa máis difícil observalas a carón da casa. Non debemos esquecer que a súa fraxilidade é so aparente e que posúe infinidade de mecanismos para a súa defensa. E non as subestimemos tampouco, pois xa se sabe que un simple movemento de ás dunha mariposa en Toquio, pode provocar un furacán na outra parte do mundo.

RÍAS BAIXAS: CAUSAS E EFECTOS DO PERFIL DE GALICIA.

Galicia mira ó mar. E faino mediante eses saíntes recortados que penetran no Atlántico, que coñecemos como rías. As rías conforman a silueta máis recoñecible e característica do contorno de Galicia, unha silueta que se complica a medida que se avanza cara o sur, e que chamamos “Rías Baixas”.

De feito, as Rías Baixas supoñen un conxunto moi específico e non sempre é doado atopar estructuras semellantes noutras costas. Quizáis, e salvando as distancias, poderían ser semellantes ós fiordos escandinavos. Neste caso, case todos os investigadores coinciden en sinalar que a causa da súa formación foron os enormes glaciares, que erosionaron o que en principio foron vales que posteriormente foron cubertos polo mar.

A formación das Rías Baixas, en cambio, non está tan clara. Comenzan no Monte Louro, na Ría de Muros e Noia e rematan no estuario do Miño. Cara occidente, chegan ata a Depresión Meridiana. En principio e case que por lóxica, poderíase pensar que son debidas ós seus ríos. Pero nin Tambre, Ulla e Umia, Lérez e Oitavén e Verdugo (ríos das rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, respectivamente) teñen a suficiente forza e entidade para formar tales estructuras, aínda que si contribuiron.

As Rías Baixas foron, ante todo, causadas por unha tectónica particular. Durante a Era Cuaternaria, todo o territorio galego estaba cuberto de xeo. Os ríos de xeo encaixáronse na litoloxía e formaron fracturas. Iso, xunto có xogo de levantamentos e afundimentos do terreo causados polos movementos tectónicos deron lugar a esas formas caprichosas.

Aparte desas insólitas siluetas que son o punto de atención en calquera mapa, as Rías Baixas conforman tamén espacios abrigados, protexidos das rigurosidades do océano, que os converten, xunto con outros factores, nuns espacios óptimos para o desenvolvemento da riqueza tanto vexetal como animal, así como un espacio inmellorable para o asentamento da vida humana.