UN LUGAR ONDE SEGUE SENDO 1982

la-foto-1

Pasa desapercibido, pois a súa imaxe forma xa parte da rúa na que está. Pero esa ventá segue contando unha historia que pensabamos que ficara rematada en 1982. Trátase dun anuncio dun coñecido refresco de cola, de seguro, unha edición especial para o maior evento celebrado en España na súa recente Transición, o Mundial de Fútbol. Alí non falta, non podía ser doutra forma, o entrañable e querido personaxe de “Naranjito”, acompañando o logotipo do acontecemento e o eslogan escollido pola marca: “la sonrisa del Mundial”. Xa adiviñaron onde está esta pegatina con case 35 anos ás súas costas? Efectivamente, é unha ventá da Sala Capitol que da coa antiga Libraría Rúa, na concorrida Rúa do Con do Moucho. Seguramente a súa presencia está vencellada ó antigo cine Capitol, no se que se servían bebidas e lambetadas. Como se adoita dicir, 35 anos non son nada, polo menos a xulgar polo bo estado do anuncio, que case nin perdeu a súa cor vermella. Seguro que o optimismo dese sorriso fai que vaia a por outros 35 anos máis, polo menos.