OS COMENZOS DO CINE NA AROUSA, ANO 1935.

Pode que o lembremos como a época dourada do cine na Arousa o asociemos a heroes tan dispares como Cantinflas, Superman ou Bruce Lee, ademáis dunha velliña có seu pano negro á cabeza, que se apostaba diante das portas dos cines Arosa e Capitol rodeada de lambetadas, onde ían todos os nenos a arremuiñarse. Pero o cine na Arousa tivo unha esplendorosa época nada máis chegar a luz eléctrica, precisamente, cando menos medios se dispuñan.

Rapaces agardando para entrar no Cine Arosa.

Rapaces agardando para entrar no Cine Arosa.

Un artigo publicado no xornal madrileño “La Estampa” cóntanos todo iso en primeira persoa. O xornalista de dito xornal, Lorenzo Carriba, pasou unha tarde na Arousa en marzo de 1935, só uns meses despois de que a Illa “proclamase” o seu estado independente. Os relatos que se suceden ó longo do artigo son unha testemuña excepcional para o presente, polo que sen dúbida non imos tardar en volver moitas veces a este documento.

De entre todas as historias que se van sucedendo ó longo desa tarde, atopamos o relato da nova sensación que percorría toda a Arousa: o cine. A xente cóntalle ó xornalista que dous alemáns (os irmáns Willisch) montaran unha central eléctrica, que estaba a chamar a revolucionar a vida cotiá. Así pois, só un mes despois de que a luz por fin chegara á Arousa, había xa dous cinematógrafos de cine mudo. Un terceiro sonoro inaugurábase, precisamente, a mesma tarde da visita do xornalista. O seu nome pode que lles sexa familar, O Capitol. Para que este funcionara, as luces das casas tiñan que estar apagadas, pero lonxe de importalles iso ós nosos veciños de entón, semella que se prestaban gustosamente.

Maurice Chevalier era o actor de moda na Arousa de 1935.

Maurice Chevalier era o actor de moda na Arousa de 1935.

Foi así como as rapazas da Arousa andaban todas namoradas do galán da época, o actor francés Maurice Chevalier, gracias ó seu filme “El desfile del amor” (“The love parade” na versión orixinal). Unha película ésta do ano 1929, polo que tan só seis anos despois chegaba a proxectarse na Arousa.

Polo tanto, agora coñecemos que, ademáis da época na que conviviron os cines Arosa e Capitol, houbo un tempo no que na Illa eran tres os cines que había. A maxia do sétimo arte ten estas cousas.

XANEIRO

Un resumo do mes de xaneiro non podería ser doutra maneira, pois, ó igual que o final do ano, foi un mes marcado polos temporais. Iso si, por fortuna, unha das poucas treguas que nos concedeu esta salvaxe climatoloxía foi no Día do Patrón. Algo de agradecer, sen dúbida. Por fin, unha xornada festiva coa chuvia contida e, incluso, con algo de sol. Iso si, non ía durar moito.

Xaneiro foi tamén, e non sen tempo, o mes no que se estabilizou a situación das biotoxinas nas bateas. O día 21 abría o Faro (Cambados B), sendo o último polígono que pasaba a esta situación, logo dun interminable baile de aberturas e peches que, en moitas ocasións collían por sorpresa ó sector. Aínda que a marea bermella é un episodio que e repite ano tras ano, esta vez foi especialmente duro. Tanto foi así que, ó remate do mesmo chega a hora de preguntarse moitas cuestións, por exemplo, como a necesidade dunhas normas tan estrictas e futuro do sector.

Mapa dos polígonos mexilloeiros da Arousa (www.intecmar.org)

Mapa dos polígonos mexilloeiros da Arousa (www.intecmar.org)

E si protagonistas foron os temporais (agora chamados cicloxénesis) non o foron menos as súas consecuencias. Sen ir máis lonxe, tiveron moito que ver na prolongación dos episodios de biotoxinas. O mar enfurecido expulsou á terra elementos pouco comúns, polo menos ata agora. Sen dúbida o máis inesperado foi a chegada o día 5 de restos humáns a unha praia de Carreirón. Tratábase dun tronco con algúns osos das extremidades que corresponden a unha muller. Días despois tamén aparecía unha mandíbula.

botellas

Tamén sorprendente foi a chegada en masa dunhas estrañas botellas de plástico. Semella que se utilizan para capturar pulpos, cunha práctica que aquí está prohibida, polo que se supón que deben chegar de Portugal. Pero a súa presencia non deixa de entrever un misterio, porque son moitas, demasiadas, e chegaron a moitas partes da costa da Arousa. Se nunca antes as vimos, porqué chegan agora moreas delas?

E, por último, unha gran nova, unha vez máis, relacionada coa cultura, algo que xa nos sitúa como referente en toda a Ría. En xaneiro consolidouse o cinema no Auditorio Municipal, inaugurado o pasado ano con documentais sobre o Prestige. Unha programación de calidade a un precio inmellorable. En Xaneiro proxectouse a película de animación (que tristemente pasou desapercibida nos cinemas e nos medios de comunicacón) “O Apóstolo”. Pero haberá máis.

 

 

VICTOR DE AVEYRON, VIVENCIAS DO “NENO SALVAXE”.

Victor de Aveyron non foi o primeiro nin o último “neno salvaxe”. De feito, dos primeiros nenos criados así foron os mesmos Rómulo e Remo, fundadores da capital do Imperio Romano, que sobreviviron nun bosque grazas a seren aleitados por unha loba. Lonxe das lendas, a historia de Victor de Aveyron é o caso máis estudado.

Un momento do filme “L´enfant Sauvage”, de François Truffaut.

Preto do ano 1800, o neno que posteriormente sería chamado Víctor, aparecía preto dun bosque no departamento francés de Aveyron. Fora capturado varias veces, pero sempre conseguira escapar. Ata que o riguroso inverno de 1800 fixo que se fora achegando ás casas na busca de alimento. O neno, que había de ter dez ou doce anos, andaba curvado, gabeaba polas árbores, estaba esaxeradamente suxo e só comía alimentos crus. Non falaba, non se facía entender, nin mostraba ningún timpo de sentimento, polo que axiña se supuxo que debera de ser abandonado polos seus pais sendo aínda moi cativo.

En psicoloxía, chámase “periodo crítico ou sensible”, ó momento no que un ser humano en evolución, é dicir na infancia, ten maior facilidade para aprender habilidades como a linguaxe, movementos e comportamentos. Fora deste periodo, a apredizaxe de tales habilidades será máis difícil ou ata imposible.

O médico Jean Itard, un inquedo novo que por aquel entón só contaba con 26 anos de idade, interviu no caso de Víctor de Aveyron para investigar nesta cuestión. Levou ó neno a vivir á súa casa, onde foi sometido a unha intensa aprendizaxe, para o que Itard utilizaba diversos métodos.

Os primeiros resultados foron alentadores. Víctor chegou a escribir rudamente, a expresar desexos e a mostrar afecto, neste caso, pola gobernanta da casa de Itard, a señora Guérin. Nembargantes, agás pola emisión dalgún que outro son, nunca aprendeu a falar.

A pesar dos progresos iniciais, a apredizaxe do neno foise estancando paseniño, ata chegar a ser imposible en canto acadou a pubertade. As investigacións levadas a cabo con Víctor levaron a Jean Itard a lograr grandes avances na educación especial e de nenos xordomudos e cegos, disciplinas nas que foi todo un pioneiro. Pero por Víctor non puido facer nada máis. Xa non era aquel neno capaz de sobrevivir so no bosque, agora non podía valerse por si mesmo. O neno viveu coa señora Guérin ata a súa morte, cando tiña ó redor de 40 anos.

A historia de Víctor de Aveyron foi levada ó cine polo xenial director francés François Truffaut en 1960, baixo o título de “L´enfant Sauvage” (o pequeno salvaxe).

OS MISTERIOS DE COMBARRO

Poucos son os pobos que, coma o pontevedrés Combarro, son capaces de conservar nas súas rúas as pegadas doutros tempos. A persoa que chega a Combarro deixa axiña de sentirse un visitante, e pasa a converterse nunha daquelas xentes mariñeiras de séculos pasados, e instintivamente, un vese na obriga de baixar as empinadas costas, como si a nosa humilde gamela nos estivera agardando na beira. Pois, aínda sendo tan fermoso o pobo de Combarro, estando alí, sempre se acaba mirando para o mar.

En poucas ocasións veremos un pobo tan adaptado á topografía do lugar. O suave granito aflora nas rúas e ata dentro das casas. A marea sube e chega a cubrir as patas dos hórreos, que semellan flotar no mar. Non se molestaron en facer suaves baixadas nas rúas perpendiculares que caen no mar, porque si a costa é abrupta, Combarro tamén o é.

As rúas son estreitas e tortuosas, pero concentran, en tan pouco espazo, unha enorme cantidade de exemplos da arquitectura das casas galegas, cós seus característicos balcóns e soportais; hórreos, cruceiros en cada esquina,… e data todo entre os séculos XVII e XIX.

Dende novembro de 1972, esta zona histórica foi recoñecida coa declaración de conxunto histórico artístico nacional. Este feito dou lugar ó seu desenvolvemento como punto turístico, axudado polo empuxe do veciño Sanxenxo. Tamén foi fundamental para a súa conservación e rehabilitación. Agora que se cumplen corenta anos da declaración, Combarro celébrao con diversas actividades culturais que terán lugar ó longo do ano baixo o emblema “Combarro Conxunto Histórico. 1972-2012”.

Pola nosa parte, queremos lembrar a película “Dagon: la secta del mar”. Trátase dunha produción española dirixida por Stuart Gordon en 2001 e protagonizada por Paco Rabal, na que é unha das súas últimas aparicións cinematográficas. O filme comeza cunha presentación de medo e misterio, reforzada polas paisaxes de Combarro, pois o pobo é o auténtico protagonista no principio. Debemos advertir, iso si, que a medida que avanza a película resulta, cando menos, arriscada, por non dicir disparatada.

CAMBADOS EN PANTALLA GRANDE: CINEMA PARA A LEMBRANZA

A fermosa e monumental vila de Cambados foi ó longo dos anos retratada en diversas ocasións dentro do mundo audiovisual, en calquera das súas formas. Así pois, hoxe imos facer un pequeno percorrido polas aparicións de Cambados no cinema, para o cal teremos como guía o libro de Sabela Pillado “O cine en Cambados”.

Momento do filme "Luna de miel", extraído de "O Cine en Cambados", de Sabela Pillado, ed: Asociación de Ensinantes do Salnés-CANDEA, 2009.

A cambadesa Sabela Pillado, axudante de dirección e crítica de cine, leva a cabo neste libro unha intensa investigación no referente á relación de Cambados có mundo do cinema, en todos os seus eidos: dende os nostálxicos cines ata os profesionais cambadeses no audiovisual.

No caso das longametraxes, non son moitos nos que aparece a paisaxe cambadesa. Pero hainos, concretamente oito:

La Casa de la Troya (Alejandro Pérez Lugín e Manuel Noriega, 1924)

Odio (Richard Harlan, 1933)

Polizón a bordo (Florián Rey, 1941)

La Tempestad (Javier de Rivera, 1944)

El Hereje (Francisco Borja Moro, 1957)

Luna de Miel (Michael Powell, 1958)

A contratiempo (Óscar Ladoire, 1981)

Agallas (Samuel Martín Mateos e Andrés Luque, 2009)

Como se pode supoñer, os lugares que máis aparecen nestes filmes son a Praza de Fefiñáns, as ruínas de Santa Mariña de Dozo e a Torre de San Sadurniño.

Desafortunadamente no caso de Odio e de La Tempestad, non se conservan copias. En cambio, Luna de miel supón, a día de hoxe, toda unha xoia para a lembranza, ó ser moitas as zonas do Cambados daquel 1958 que aparecen no filme.

Airbag (1997)

No caso de outras longametraxes, como Airbag (Juanma Bajo Ulloa, 1997) Cambados aparece nomeado. Así, seguro que moitos lembran ó personaxe interpretado por Manuel Manquiña dicindo: “Ay Carmiña, tú en Cambados y yo en el País Vasco!” Caso insólito é o do filme Sabela de Cambados (Ramón Torrado, 1948), xa que, agás no título, Cambados non aparece de ningunha outra forma. Nin se rodaron escenas alí nin aparece nomeado, polo que resulta dificil explicarse o motivo de tal título.