TRAVESÍA POLO AREOSO.

Foi unha xornada única, imposible de esquecer. Claro que, se nada o impide, o acontecemento que tivo lugar o pasado domingo terá a súa edición anual en vindeiras ocasións. Sobre as dez e media da mañá embarcábamos no “Rei do Mar” en calidade de representación do colectivo “Pandulleiros” (toda unha honra). Iniciábamos a travesía en compañía do “Adelino Manuel” e da xeiteira, que debido á súa dependencia do vento, fixo o camiño un pouco por libre. Durante o traxecto non faltaron os golfiños, que moi preto de nos, se puxeron a facer as súas acrobacias. E nos, aínda que moi contentos de que se uniran á causa, non podemos perdoarlles que este ano nos deixaran sen xoubas. Chegados ás inmediacións da Praia de Espiñeiro, vimos ó lonxe a espectacular saída.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

A xeiteira, nunha imaxe que semella de outro tempo.

O Areoso observaba nun discreto segundo plano ós participantes, que nin media hora lles fixo falta para chegar onda nos, que xa nos trasladáramos preto do Areoso. Non faltaron as confusións e houbo que sinalarlles ós nadadores por onde tiñan que subir ó barco. Algún estando na auga incluso levantaba a cabeza e nos preguntaba, “… por favor, para o Areoso?”. Por fin chegaron todos e subiron ó “Rei do Mar” e outros ó “Adelino Manuel”. Alí recibiron froita, zumes, barriñas,… para repoñer forzas. E alí foi onde vimos ben ós integrantes do Club de Natación e Salvamento de Vilagarcía: dende nenos e nenas, ata outros máis entrados en anos, pero igualmente cheos de xuventude. Algo que, no noso entender, aínda lle deu máis valor ó acto. Foi entón cando despregamos unha pancarta que dicía: “Salvemos o Areoso”. A continuación a concelleira Lola Folgar lía un manifesto no que se pedía o cumprimento da normativa e a elaboración de medidas de protección, entre outras cousas.

Nadadores subindo a bordo do "Adelino Manuel".

Nadadores subindo a bordo do “Adelino Manuel”.

Así culminaba unha xornada, ante todo festiva e reivindicativa para por en valor unha das maiores riquezas da nosa Arousa. Poucas veces atoparemos nun territorio tan pequeno tal concentración de valor natural, económico e histórico. E nada nos asegura que iso sempre vaia a ser así, de aí a importancia de preservar e protexer un Areoso para todos.

Pancarta e lectura do manifesto.

Pancarta e lectura do manifesto.

Advertisements

O MEXILLÓN DE GALICIA NA PRENSA FRANCESA (E NA GALEGA)

A finais da semana pasada, unha nova irrompía nas portadas dos principais xornais galegos, “Faro de Vigo” e “La voz de Galicia”. Os dous xornais aseguraban que Francia emitira unha alerta sanitaria despois da intoxicación de 73 persoas por mor, supostamente, do mexillón galego. Puidemos ler titulares como “una partida de mejillón gallego activa la alerta sanitaria en Francia” ou “la xunta arremete contra Francia por lanzar una alerta sanitaria sobre el mejillón gallego sin confirmarla“, estes aparecidos en “La voz de Galicia” ou “la Xunta acusa a Francia de emitir la alerta sanitaria del mejillón” e “Francia atribuye al mejillón gallego una intoxicación alimentaria de 70 personas“, no “Faro de Vigo”.

O simple feito duns titulares tan sentenciadores e rutilantes xa supón algo que está fora da normalidade, xa que con outras novas semellantes, tanto a administración como a prensa adoitan ser máis comedidos, para non perxudicar ó sector en cuestión. Pero, si os titulares eran así aquí en Galicia, cómo serían en Francia, que é onde a xente se intoxicou? Non sería raro atopar unhs titulares demonizando o mexillón galego, xa que 70 persoas intoxicadas son moitas e con menos motivos se encenden os ánimos.

Press review

 Nada máis lonxe da realidade. Utilizando os buscadores dos principais xornais franceses, “Le Monde”, Le Figaro”, “Le Croix”, “Libèration” e “L´Humanité”, e escribindo a frase “moules de Galice” (mexillón de Galicia), descobrimos que que na prensa francesa nin se menciona este episodio, algo realmente raro e incomprensible tratándose dunha alerta sanitaria, e sobre todo comparando coa prensa de aquí. Todos os xornais, repetimos, buscando “moules de Galice”, nos remiten a novas relacionadas coa catástrofe do Prestige e a novas gastronómicas. Todos, agás “Le Figaro”, onde atopamos un pequeno artigo có titular “Alerte aux moules venues d´Espagne” (alerta có mexillón chegado de España) referente ó sucedido en abril de 2013, coa retirada de mexillón galego en Francia. O artigo ten oito comentarios, dos que pouco hai que comentar, salvo dicir que nin se insulta nin se maltrata ó mexillón galego.

Por outro lado, utilizando xa un buscador xeral coa frase “moules de Galice” ou mesmo “moules de Galice intoxication”, vemos que a suposta alerta sanitaria non aparece por ningures, incluso en portais de internet especializados en temas de saúde. O único que atopamos é en relación a abril de 2013. Así, vemos un artigo en”Le Parisien” que ten 11 comentarios. De novo, o respecto polo producto galego é total, aínda que hai quen anima a consumir mexillón francés, algo que, por outra parte, non deixa de ser lóxico. Neste mesmo artigo, incluso, atopamos un comentario que defende o noso producto, ó tempo que se mostra crítico coa xestión francesa sobre o asunto:

gabax 13/04/2013 – 07h52

Les moules de Galice sont les meilleures moules d Europe. C est quand même bizarre qu elles n’intoxiquent que les français. Ensuite ce sera les fraises d Andalousie, les courgettes, et puis quoi encore? Ensuite on présente un démenti, quelques excuses bidon, mais le mal est déjà fait. Bizarre toutes ces histoires…

“O mexillón de Galicia é o mellor de Europa. É moi raro que non intoxiquen máis que ós franceses. Qué será despois, as fresas de Andalucía, os calabacíns? A continuación preséntase un desmentido, algunhas escusas falsas, pero o dano xa está feito. Moi raras todas estas historias…”

unnamed

Así pois, por un lado temos unha boa nova, que é que en Francia o noso mexilón non ten mala prensa, pero, qué sucedeu entón? Un artigo aparecido o 27 de agosto na edición galega do xornal “El Pais” danos as claves do acontecido. En Francia, efectivamente, hai ó redor de 70 persoas intoxicadas, pero as autoridades sanitarias descoñecen de qué. Levando a cabo unha investigación, Francia pideu informes sobre o mexillón galego, unha información confidencial e un feito que nunca debeu saír á luz. Cómo se filtrou á prensa, a día de hoxe, segue sendo un misterio. Francia nunca emitíu unha alerta sanitaria acusando ó mexillón, é máis, lonxe de pechar o mercado con Galicia, está igualando o nivel de ventas con Italia, o principal importador. Como se ve, Francia é un excelente cliente có que non se foi moi xusto estes días, a causa da manipulación.

Namentres, o sector traballa arreo para conseguir a unión de todos os productores. Os frentes abertos aínda son moitos, principalmente, a constante presencia da marea vermella que obriga que cada vez máis polígonos, e cada vez máis tempo, permanezan pechados. Esperemos que administración bote man neste asunto tan enérxica e rápidamente como o fixo coa alerta sanitaria francesa.

DO CAMPO DOS BUFOS Á PRAIA DOS MISTERIOS

Hai lugares que, sin saber moi ben porqué, fannos presentir algo. Están cheos de forza, de vida, e non pasan desapercibidos para ninguén. Na Arousa son moitos os lugares así, cubertos de area, terra, xestas e toxos; pero dos que sabemos, dalgunha forma, que antes alí era o centro da Arousa. Iso é o que ocorre nos arredores do Campelo, xusto baixo onde se supón que se atopaba o Campo dos Bufos.

Os perfís do solo permiten que os cimentos do paseo do faro permanezas á vista.

Os perfís do solo permiten que os cimentos do paseo do faro permanezan á vista.

O Campo dos Bufos era unha necrópole romana, aínda que a súa existencia pode remontarse ata a Prehistoria. Nos anos 50 excavouse alí e atopáronse restos de gran importancia: morea de cerámica, impresións de animais e sinais de antigas fortalezas da Idade de Ferro, Bronce ou Pedra. Desgraciadamente, despois diso, todo ficou no esquecemento e o Campo dos Bufos foi invadido pola maleza. Pero hoxe en día é a praia que se atopta baixo aquel lugar a que ensina unha chea de sorpresas e algunhas, incluso, van máis aló do arqueolóxico.

con curioso

Unha curiosa formación: así é como se aguanta este con da praia do Faro.

O solo en contacto coa praia, racha dunha maneira brusca, o cal permite descubrir grandes curiosidades, como capas de solos formados por cunchas e outros materiais similares. Pero, sen dúbida, o máis impresionante é a aparición dunha formación de pedra, un muro soterrado a carón da area, como aparecido da nada. Os arqueólogos afirman que se trata dun resto dunha antiga fábrica de salagre pertencente nada menos que á época romana.

cons

A praia do Faro está chea de espectaculares formaciós rochosas.

Non menos curioso e inquedante é a aparición de restos de tellas mesturadas coas pedras depositadas na area. Tellas, nun lugar no que non hai casas preto. Pero non son unhas tellas como as que todos coñecemos, son grosas, realizadas cunha especie de cemento formado por varios materias que están á vista. Os restos destas tellas son de formas suaves e redondeadas, debido á abrasión sufrida polo contacto coas pedras e os fenómenos meteorolóxicos. Aparecen soterradas nos perfís do solo, ata que a erosión fai que se desprendan e caian na praia. Supostamente, son tamén de orixe romana.

construcións

Curiosas e resistentes esculturas.

Estes restos, sen dúbida, non se atopan nun lugar doado para a súa conservación. Ademáis de estar sometidos á normativa da Dirección Xeral de Costas, trátase dunha zona meteorolóxicamente salvaxe, con fortes ventos e ondaxes, ademáis da continua cesión do solo. Por sorte, existen colectivos, sobre todo os nosos queridos Pandulleiros, dos que nos sentimos parte, que reivindican constantemente a protección e o estudo destes restos, así como a recuperación do noso pasado.

murete

Muro de pedras do que descoñecemos a súa utilidade.

Aínda que a zona do Campelo sempre foi moi transitada, foi a instalación dunha pasarela, que entronca cun camiño que percorre a zona ata chegar moi preto do Faro, a que fixo que cada día, e máis coa chegada do bo tempo, sexan moitos os paseantes que o percorren. E é que a paisaxe é impagable, desas que nunca se cansa un de ver, ademáis de estar relativamente preto do centro da Arousa.

muro

Detalle dos restos dun posible muro romano.

Pero, como dicíamos antes, a sorpresas e curiosidades da praia  van máis aló do histórico e arqueolóxico. Sen ir máis lonxe, as formas rochosas son caprichosas e espléndidas. Algunhas, incluso resultan ser rocambolescas formas da natureza, como un con que sobresae e que está apoiado nunha pequena pedra, que á súa vez se pousa noutra de forma triangular. Non dunha maneira moi estable, que digamos. Por non falar da ruptura do solo, que nos permite ver, dende os cimentos da pasarela ata o complicado xogo de raíces dunha árbore.

praia

Panorámica da praia.

Outras formas de orixe antrópico non son menos interesantes e curiosas. Unha especie de murete formado por pedras aliñeadas aparece sen que lle poidamos dar algunha explicación. Acaso protexe algo? Pero, o qué? Atopamos tamén na praia formacións que poderíamos chamar “escultóricas”, habituais tamén noutras praias da Arousa. Trásate de pedras pousadas en vertical unha sobre outra sobre un con. Semellas sinxelas, pero estas formacións resistiron todo o enorme inverno pasado coa súa morea de enormes temporais.

raíces

A rotura do solo permite ver o entramado de raíces das árbores.

Esta praia, non cabe dúbida, nunca podería ter sido un lugar coma os demáis, aínda que só sexa por estar situada baixo o Campo dos Bufos. Seguramente, aínda hai alguén alí que se esperta ó amencer, e se pregunta qué serán esas estructuras de madeira que ateigan o mar, ou eses enormes animais mecánicos que sucan o mar ó tempo emiten sons atronadores coas bucinas. Seguramente, esta persoa mira ó seu arredor e se pregunta, igual que nos, qué pasou có seu poboado.

tellas romanas

Posibles tellas romanas.

ADEUS, PRESTIGE

Todos nos lembramos de ónde estabamos, que faciamos, naqueles primeiros momentos nos que os medios de comunicación nos ían informando, tan timidamente naqueles primeiros intres, de que un petroleiro chamado Prestige naufragara fronte as nosas costas.

Daquela, Anxo estaba no seu último curso da carreira en Santiago. Aquela nova, que pretendía pasar desapercibida nos telexornais, puxoo en alerta, ó igual que o resto da poboación. Así comezaron días angustiosos na que a información era sempre escasa e incompleta. Xunto coa súa moza Ana, estudante de xornalismo, trataban de dar con medios de comunicación portugueses, que contaban xa con tal craridade a magnitude da catástrofe. Anxo sempre lembraría o telexornal de Angels Barceló, o único que merecía credibilidade. Foi así cómo Ana e Anxo foron descobrindo datos alarmantes, mapas tinguidos de negro e a pasividade dos políticos, cuia única solución entón foi o uso dunha linguaxe suave na que estaba prohibida a frase “marea negra”.

manifestación santiago

Paseniño, ían aparecendo imaxes, a cada cal máis impactantes. Terribles imaxes de Muxía, coas súas praias cubertas dunha horrible masa negra, que incluso chegaba a invadir o paseo marítimo. Unhas imaxes que reflectían a enorme dor, a dor que todos compartiamos. Pero a ameaza continuaba. O chapapote non tardaría en chegar á Illa de Arousa. Alí, os mariñeiros decidiron que non ían agardar, e simplemente decidiron ir a buscalo. Non sabían ó que se enfrontaban, o nivel de toxicidade, as enfermidades que podería causar,… simplemente pensaron en defender o territorio ó que tanto lle debían. O porto do Chufre convertiuse nun improvisado centro de operacións. Alí estaba todo o pobo axudando no que podía, e alí foi Anxo tamén, era absurdo ficar en Santiago con todo o que estaba pasando. No Chufre, axudar era moi doado, unhas botellas de auga, toallas, capachos,… todo era pouco ante tal magnitude. A situación superaba a todo o mundo, pero a unidade era reconfortante. Anxo sempre lembrará a aqueles homes criados no mar, homes dos que se cría que nunca choraban, saíndo das súas embarcacións con bágoas nos ollos.

Naqueles días, na television irromperon unhas tremendas imaxes. Uns veciños da Arousa tiraban chapapote contra o presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Boiro. Eran só uns poucos veciños, peros falaban por todos. Eran tamén só dous políticos, máis todos recibiron a mensaxe. Anxo soubo entón que por mil anos que pasaran e por mil veces que fora ver esas imaxes, nunca ía poder miralas sen que un arrefrío lle percorrese o corpo. Aquela foi unha pequena victoria. Unha das poucas.

mariñeiros

O presidente da Xunta dalquel entón presentouse en Muxía. Toda unha longa vida detrás dedicaba á política ensináralle cómo chegar a un lugar devastado coma aquel: anunciando a berros que chegaba cós petos cheos de cartos. A pena foi que a súa experiencia non o enganou. Pouco despois celebráronse eleccións municipais e aquelas enormes barrigas que miraban con indiferencia o sucedidos volveron a gañar con maiorías aplastantes. Aquel foi o primeiro xuízo perdido, ratificado once anos despois.

O un de decembro daquel 2002 tivo lugar a memorable manifestación en Santiago. Aquel acontecemento dou lugar a estranos compañeiros de viaxe. Non valían, como en outras ocasións, deixar de ir por plans fallidos cós amigos. Si facía falla íase só, ou con esa persoa á que queres e aprecias ben, pero coa que non pasas demasiado tempo. Anxo foi có seu primo Berto, uns anos maior que el. Anxo ensinoulle Santiago e faloulle da súa vida de estudante alí. Logo foron á Praza do Obradoiro. Non paraba de chover e, por momentos, facíao en grandes cantidades. A xente amoreábase e os paraugas abertos restaban sitio ós asistentes, ata que algúns foron cerrando os seus paraugas e outros acollían a estes baixo ós seus. Namentres, Manuel Rival lía un manifesto.

Unha vez que volveron á Arousa Berto e Anxo camiñaban cara as súas casas. Entón Berto preguntoulle a Anxo, “e agora,… qué vas facer?” E Anxo decatouse de que non o sabía. Axiña remataría a carreira e ía ter que enfrontarse a un futuro incerto e sen esperanza. Acababa de darse un golpe contra a realidade. Agora sabía que aquilo no que cría, aquilo que sustentaba a economía o seu pobo, aquilo que sempre considerara inquebrantable,… estaba exposto a grandes ameazas, estaba en constante perigo e podería ser destruido dun día para outro, sen que ninguén fixera nada por evitalo. “Pois non o sei…” , contestou. “Agora irei comer e despois irei cedo para o bar, que ás cinco xoga o Celta”.

 

LUME EN CON RETELLADO

Unha triste consigna se repite nos últimos anos en relación ós incendios forestais: cando xa o verán chega ó seu fin, e cando podemos comezar a sentirnos afortunados polos poucos incendios declarados durante a época estival, aparecen entón os lumes máis terribles. Iso foi o que aconteceu na xornada de onte domingo, cós lumes do Barbanza e o Salnés.

conrretelladoincendio_002

conrretelladoincendio_003

conrretelladoincendio_006

Na Arousa, a afectada foi a zona arbolada da praia de Con Retellado. O lume comezou a facerse visible sobre as tres e media da tarde, como unha broma pesada, nun día e a unha hora na que tanto a poboación coma os efectivos anti incendios poderían estar nunha actitude máis relaxada. Curiosamente, fai moi poucos meses esta mesma zona sufríu outro incendio, de menor gravidade naquela ocasión, xustamente tamén un domingo e tamén á hora de despois de xantar. Polo tanto, semella xa imposible pensar que o incendio non foi intencioado.

conrretelladoincendio_007

conrretelladoincendio_008

Afortunadamente, un camión de bombeiros non tardou en aparecer no lugar. E case ó mesmo tempo fixo o propio un helicóptero anti incendios. O feito de atoparse nunha praia fixo posible que se actuara con gran rapidez. Alí mesmo lle colocaron unha cesta e alí, á carón do incendio puido recoller auga. En poucos minutos, o incendio dábase por controlado,

conrretelladoincendio_009

conrretelladoincendio_012

Ó mesmo tempo, fumos tamén testemuñas do gran perigo que encerran estas labores anti incendios. Por unha parte e obviamente, os bombeiros que se enfrentan cara a cara coas lapas. Pero tamén o helicóptero, pois precísase dunha gran destreza para achegarse o máximo posible ó lume, e máis cando a presencia de árbores obriga a voar entre eles, coma foi o caso de Con Retellado, có gran perigo que iso supón.

conrretelladoincendio_013

conrretelladoincendio_014

conrretelladoincendio_015

O lume en Con Retellado interrompeu as plácidas sobremesas domingueiras dos veciños da zona. Moitos deles non dubidaron en achegarse até alí para contemplar con horror aquel feo espectáculo, aínda que tamén a xente se mostraba asombrada e agradecida pola rapidez coa que os efectivos lograron controlar a situación.

conrretelladoincendio_016

conrretelladoincendio_017

Agora só nos queda esperar que todos estes actos de terrorismo ecolóxico sexan investigados e castigado coma se merecen, todo o contrario do que estivo sucedento ata agora.

CHEGAN AS FESTAS DA AROUSA… SEN A NOITE DOS QUINTOS.

A do Día dos Quintos, será unha ausencia moi notable dentro das Festas do Carme.

A desaparición do “Día dos Quintos” do coñecido como “Libro das Festas” da Illa de Arousa foi a principal fonte e inspiración do seguinte artigo. Semella que uns esforzos finais lograron que este día finalmente se celebre. Algo que en Aguamorta nos alegra, así pois, parabéns á quinta do 94!

A crise fai ferida en todo, e tamén na organización das Festas do Carme da Illa. Desta vez, os maiores afectados serán os rapaces da quinta do 94, que ficarán sen a súa noite, ó non contar cunha celebración oficial. Xa o ano pasado os problemas de finaciamento eran evidentes, pero ó final lograron conseguir unha parte dos cartos, sendo o resto aportado pola Comisión de Festas, có que organizaron un concerto no Campo no que actuaban grupos locais.

Esta alternativa, que tanto éxito tivo o ano pasado, xa non será posible. Este ano, o Día dos Quintos, simplemente desaparece da programación das Festas. Segundo nos contan, os rapaces quintos buscaron outras maneiras de levar a cabo a celebración, como poñer música con altavoces, tamén na zona do Campo, pero semella que non conseguiron o permiso do axuntamento.

O Día dos Quintos nace cando se instaura o servizo militar obrigatorio. Os rapaces que facían18 anos eran chamados a filas. Era un periodo longo e realizado moitas veces baixo durísimas condicións, polo que antes de marchar, tiñan o seu día, no que levarían á Virxe do Carme por toda a Arousa e na que tería lugar unha gran troula coma despedida daquel paso de “neno a home”.

Festa meramente masculina, pouco a pouco fóronse incorporando tamén as rapazas, reinvindicando o seu dereito á troula. Os rapaces que este ano fan 18 anos pouco saberán xa nada daquela nostálxica “mili”. E é que malia a súa desaparición en 2004, o Día dos Quintos seguiuse celebrando coma se nada cambiara. E seguro que axiña volverá a celebrarse, e que así continuará durante moitos anos. Porque os tempos difíciles, coma os que vivimos actualmente, poden facer que non poidamos pagar as tradicións, pero non poderán facer que as esquezamos.

FOTODENUNCIA – ILLA DE AROUSA: O POSTE QUE MURMURABA ÓS USUARIOS.

Cando os postes telefónicos, da luz, auga, etc… teñen calquera tipo de problema adoita ser moi difícil dar con algunha solución. As empresas responsables normalmente non contan con ningunha oficina á que ir reclamar. Así pois, só queda a vía telefónica para expoñer o problema, o que conleva unha chea de reviravoltas, ata que finalmente nos propoñen unha solución vaga, que tarda moito en chegar e que, en ocasións, nunca chega.

Namentres, a realidade amosa cousas como a da imaxe. Un poste situado na Rúa Valle Inclán, cunha grande e evidente inclinación sobre a rúa. Como todas as da Arousa, é unha rúa xa estreita de por si, aínda que moito máis agora, coa presenza desta particular Torre de Pisa de madeira.

Lembremos que, aínda por riba, trátase do principal acceso a lugares tan frecuentados como o campo de fútbol ou a distintas praias, principalmente a Area da Secada, ademáis de ser lugar de tránsito de transporte pesado. Pero sen dúbida, a peor parte é para os veciños, pois son os que máis posibilidades teñen de quizáis ver algún día a caída deste poste. Por desgraza, se iso sucede, ninguén nos asegura que se vaia tratar dunha anéctoda sen máis.