ELIA E ARREDORES: NOVAS SENSACIÓNS

Dende 2009 en A Micro Pechado, e agora tamén en Aguamorta.

Un día, como quen non quere  cousa, Elia deixou de fumar. Non lle resultou nada doado, dende logo. Pero pasado un tempo, cando xa ían amainando os soños que tiña polas noites con tabaco, foi descubrindo un mundo totalmente novo. A súa pel semellaba máis limpa e iluminada, sen cambiar a marca da súa crema hidratante. A súa voz era máis fina e suave, polo que lle encantaba pasar o día cantando. Cría que nunca sería capaz de tomarse un café sen un cigarro, pero agora, descubría o sabor do café e o seu aroma, coma se fora un anuncio de televisión. Unha vez, foi ó armario a recuperar roupa que facía tempo que non puña. E toda cheiraba a tabaco e, cando a gardou, non notara absolutamente nada. Sentíase forte. Podía camiñar e camiñar, e aínda lle quedaban folgos para continuar se o desexaba. O día de Sant Jordi, un neno que atopou pola rúa regaloulle unha rosa, “ahhhh…” -pensou- “entón… é así cómo arrecenden as rosas!”


ELIA E ARREDORES: ATA QUE CHEGOU UN VIRUS

Dende 2009 en A Micro Pechado, e agora tamén en Aguamorta.

Hai homes que non toleran que as mulleres saiban máis ca eles de fútbol, coches e computadores. Por iso Elia ocultaba a súa identidade de enxeñeira informática baixo o seu uniforme de camareira. Unha vez, Elia creu coñecer ó home da súa vida (daquel mes, enténdese). Tiña unha tenda de informática e dicía saber moito de computadores, aínda que non soubera nin formatealos. Elia deixábao falar para non desilusionalo. Pero unha noite, estando os dous na casa do rapaz, ocorreu algo: un virus entrara no seu computador. Entón, Elia revelou a súa verdadeira identidade. Apartou ó rapaz do teclado e púxose a investigar por canto menú había. Máis tarde, despois de moita paciencia, Elia conseguiu limpa-lo computador. Pero, para a súa sorpresa, o rapaz non se alegrou, senón que se mostrou entre anoxado e avergonzado. Nunca volveu a chamar a Elia. A ela pouco lle importou iso. O que realmente lle molestou foi que en ningún momento lle dou as grazas.

ELIA E ARREDORES

Dende 2009 en A Micro Pechado, e agora tamén en Aguamorta.


Elia ten trinta e pico anos, é enxeñeira informántica e tivo unha chea de mozos. Pero o seu día a día é o seu traballo nunha cafetería do centro e o seu compañeiro de piso, un enorme mastín. Unha xefa histérica, unha amiga-rival coa que vive unha eterna competición, un vello chegado da aldea convertido no seu filósofo de cabeceira, o omnipresente home da súa vida (de cada mes), un irmán en plena adolescencia,… e moitas máis personaxes e situacións surrealistas compoñen os arredores desta rapaza romántica, pillabana e optimista.