ASÍ FOI A NOSA VISITA Á ESCOLA “MAREXADA”

Un momento do noso relato.

Un momento do noso relato.

O venres pasado fomos invitados á escola de verán Marexada para falar cós nenos sobre un episodio da Historia da Arousa: a orixe do Carcamáns. E, por suposto, aceptamos encantados, claro que temos que recoñecer que nun primeiro momento non fomos conscientes do reto que supuña tal cousa. Cómo explicar a nenos nas máis enérxicas idades un relato sobre Historia, ateigado de nomes, datas e fotografías en branco e negro? Pois non sabemos moi ben cómo, pero debemos enorgullecernos de que foron varios os momentos do noso relato no que logramos atraer a atención dos nenos. E non so iso, senón que tamén logramos espertar a curiosidade de moitos nenos que nos preguntaron sobre ese anaco da nosa Historia. Un neno incluso me preguntou se eu mesma estivera na Guerra (da Independencia). Pois si que me fago maior…! En definitiva, foi unha experiencia moi especial e moi recomendable para eses días nos que os niveis de enerxía son baixos, porque os nenos de Marexada son capaces de espertar toda canta adrenalina permanece durmida! Como non podía ser doutro xeito, quixera aproveitar para felicitar ós mestres de Marexada, Thais, Espe, Miguel e Laura, por este verán no que ensinan cousas que nunca se aprenderán nos colexios convencionais. E pola miña parte, un enorme agradecemento por facerme sentir coma na casa.

50 ANOS DE LEMBRANZAS NO “GRUPO”

Qué tantos choros e disgustos causaba nos nenos a primeira vez que ían alí e qué nolstalxia causa anos despois aquel lugar que tanto nos marcou nas nosas vidas. A nosa escola, o Grupo, fai 50 anos. E para celebralo, estes días recréase unha aula moi semellante á de fai 50 anos, ademáis de haber tamén unha exposición que percorre todos aqueles anos a través dos seus estudantes, mediante fotos cedidas polos pais dos estudantes actuais.

Rapaces cós seu mestre, coa casa de Mascareñas detrás.

Rapaces cós seu mestre, coa casa de Mascareñas detrás.

A exposición está aberta para todo o mundo, iso si, recoméndase que acudan mellor polas tardes, para non distraer das súas leccións ós nenos. Por desgracia, temos que denunciar tamén dende aquí as mans largas dalgúns asistentes, que se levaron fotografías e deixaron con ocos valeiros gran parte da exposición. Lembren que son fotografías que ten moita xente, e que é doado conseguilas, sen necesidade de privar a ninguén de observalas.

congreso

Visita ó Congreso nos anos 80.

Con motivo do aniversario tamén se están dixitalizando vídeos  que se poden ver na canle do Youtube do colexio, onde seguramente moitos de vostedes poden atoparse. Gustaríanos lembrarnos de todos os mestres, que son moitos os que marcaron unha época, ou están marcando. Pero ante o risco de cometer imperdoables olvidos, non o imos facer. Sirva na súa representación a figura de Miguel, un mestre novo e estusiasta que chegou ó Grupo nos anos 80 e que agora é xa o máis veterano dos que están alí.

pabillón quinto

Unha clase posando diante do “Pabillón de 5º”

A exposición de fotografías lévanos a unha viaxe no tempo de 50 anos de duración. Imaxes de estudantes e mestres a través de distintas xeneracións. Tampouco falta, como non podía ser doutra forma, a presencia da mítica porteira Luísa, xubilada fai poucos anos. Aparece nos seus anos de estudante, aínda que estes non tiveron lugar no Grupo.

pasillos

Corredor da exposición.

Tampouco falta a presenza de moitos dos que nos deixaron antes de tempo, así como a querida Sor Aurora, ou a nosa entrañable Sor Riquiña, que entre as súas numerosas actividades, tamén estaba a de ser mestra no Grupo. Moitas son imaxes dos Antroidos, datas moi especiais e moi celebradas no colexio, e moitas son tamén de excursións e viaxes, como un mítico realizado nos 80 ó Congreso dos Deputados. Naquela ocasión tratábase dun premio gañado polos estudantes por un traballo realizado.

patio

Patio do “Grupo”

O Grupo tiña tamén a súa particular casa encantada, a casa de Mascareñas. Tratábase dunha casa que ficara dentro das instalacións escolares e que pertencera a un antigo médico chamado Mascareñas. Nas horas dos recreos aquela casa era unha gran atración para moitos rapaces, como escenario das súas aventuras. Có tempo chegou a estar ruinosa chegando a supoñer un grave perigo para os rapaces e un problema inabarcable para os mestres. Finalmente foi derruida para construir no seu lugar o actual Polideportivo.

porteira luísa

A porteira Luísa nos seus anos escolares.

E agora, 50 anos despois, é oda unha gran satisfación ver de novo a nosa escola, mellorada e gozando de gran saúde, e formando ás novas xeneracións de arousáns. Vémonos dentro doutros 50 anos… e máis o que queda.

sor aurora

A sempre querida e lembrada Sor Aurora tamén foi mestra no Grupo.

DESPEDIDA A UN MESTRE

Nestes días, os colexios e institutos viven momentos de moita e especial emoción. Son épocas de despedidas e da fin de moitos ciclos, sobre todo cando se trata dos institutos de Bacharelato. O cambio que se achega cando é o final desa fase é o máis importante e trascendental ó que se enfronta a xente nova ata o momento. Chega entón a hora de tomar a importante decisión sobre o futuro profesional. Comeza aí o camiño da madurez e os rapaces deixan de ser nenos. Durante o longo percorrido que lles fixo chegar até alí moitas influencias e moita xente, de seguro, deixaron unha gran pegada neles. Moitas destas influencias están personificadas nos seus mestres. Por  iso son moitos os mestres que estes días reciben espontáneas homenaxes por parte dos seus alumnos. A nosa Aguamorta achéganos no día de hoxe un gran exemplo diso. Os alumnos de 2ª de Bacharelato do IES A Basella, en Vilanova de Arousa, veñen de realizar un “Harlem Shake” para o seu mestre Xabier, do que se despiden para emprender novos camiños. No vídeo podemos ver, a parte dos estrambóticos bailes de rigor, varias recreacións, interpretadas polos propios alumnos, do que é unha clase normal có seu homenaxeado mestre. Dende aquí mandamos os nosos parabéns ós rapaces pola súa orixinalidade e bó facer. E os nosos parabéns tamén a Xabier e a todos os mestres que, ó mesmo tempo que ensinan, son capaces de inspirar algo así.

O ENSINO SECUNDARIO FARÁ PARO MAÑÁ EN DEFENSA DO GALEGO.

Son máis difíciles as matemáticas se se estudan en galego? Dubidamos que alguén poida probar esta teoría, máis iso non é impedimento para que a Xunta de Galicia, mediante as súas leis, nos dea a entender que si. Trátase dun caso insólito dentro do estado español, pero Galicia é a única rexión con lingua propia que ten prohibido o uso do galego en determinadas materias. E non vaian a pensar que se trata da materia de Lingua Castelá: son as Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía as que obrigatoriamente deben impartirse en castelán.

E é que o actual goberno, que estes días fai tres anos que está na Xunta, nada máis chegar ó poder fixo esplícitos esforzos por empeorar a saúde da língua galega. Lembremos que unha das súas primeiras medidas foi o desmantelamento da Rede Galega de Escolas Infantís, ou Galescolas, así como outras medidas que entraban directamente en conflito con tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, algo que mereceu unha sonora chamada de atención de parte da Unión Europea.

Unha das peores situacións é a que se vive dentro dos centros escolares, onde as horas lectivas en galego víronse reducidas alarmantemente, sendo incluso substituido en moitas ocasións o galego polo inglés. Por iso mañá xoves os alumnos do ensino medio abandoarán momentaneamente as aulas para protagonizar diversas concentracións que terán lugar en toda Galicia. Sendo da propia xuventude de onde procede tal iniciativa, temos a mellor proba de que a saúde do idioma pode e debe mellorar.

A ENSINANZA NA ILLA DE AROUSA. A ESCOLA ANTES DO “GRUPO”.

Ata a construción da escola de ensinanza primaria, que coñecemos como o “grupo” e que foi rematado en 1964, as escolas, que non eran máis que sinxelas e humildes aulas, espallábanse por toda a Arousa.

O contexto histórico, é dicir, a situación baixo un réxime totalitario, influía en gran maneira no desenvolvemento da ensinanza. De feito, nos albores da ditadura moitos mestres, entre os que se atopaban os da Illa, foron suspendidos dos seus postos e non puideron regresar ata que se adaptaron ás “novas condicións”. E é que o réxime coñecía moi ben a vital importancia da educación no desenvolvemento intelectual dos rapaces, algo que non había de resultar moi benvido para o “pensamento único”.

Nenos na escola de Josefa Guillán.

Naqueles anos, a situación non estaba regularizada, polo que a escolaridade dos rapaces era unha determinación case exclusiva dos proxenitores, e é que non todos os nenos, nin moito menos, ían á escola.

Sen dúbida por influencia do réxime, débese a existencia de escolas exclusivas para nenas e para nenos. A escola de Pau, situada no Naval e reconvertida hoxe en día en oficina de correos, era unha escola mixta rexentada pola mestra Tomasa Codesal Calvo, traballo de desenvolvía con gran determinación e para o cal contaba cunha axudante.

Libro de texto utilizado na escola de orientación marítima.

Outra das escolas estaba situada nas inmediacións de O Piorno e era dirixida por Antonio Gestal Rodríguez, quen á súa vez traballaba tamén como contable na fábrica de Paquito Suárez Cores. Existía tamén unha escola de orientación marítima á que só podían acudir nenos.

Naqueles anos eran tamén moi populares as escolas que poñían mestras non funcionarias, como é o caso de Josefa Guillán ou Rosa da Silva. Aínda que foran escolas de pago, en moitas ocasións preferíanse, pois era considerada unha ensinanza máis independente.

Coa construción do novo edificio, con instalacións que ademáis de aulas incorporaban tamén vivendas para os mestres, todas as escolas existentes “agrupáronse” alí, cousa que lle dou o nome polo que o coñecemos ata o día de hoxe.


30 DE XANEIRO. DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA.

Pomba da Paz, de Pablo Picasso.

Hoxe, día 30 de xaneiro, e ó longo de toda a semana, as escolas celebran o día e a semana da paz. En Aguamorta non nos resistimos a unirnos a esta celebración, e máis sendo xa coñecida a nosa debilidade e compromiso có mundo da ensinanza. Conceptos como concordia, solidariedade, respecto polos dereitos humáns ou tolerancia, sen dúbida deberían constituir por si soas toda unha materia de estudo. Do mesmo xeito, algo non vai ben cando teñen que ser lembrados nun día sinalado, en lugar de estar presentes todos os días. E ese día é hoxe, data na que tamén se conmemora a morte de Mahatma Gandhi, en 1948. Así pois, imos aproveitar este día para lembrar unha pequena parte do máis valioso legado que Gandhi nos deixou: as súas palabras.

– Non deixes que morra o sol, sen que morreran os teus rancores.

– Gañamos xustiza máis rapidamente se facemos xustiza á parte contraria.

– Un país, unha civilización pódese xulgar pola forma na que se trata ós seus animais.

– Estou comprometido coa verdade, non coa consistencia.

– O máis atroz das cousas malas da xente mala é o silenzo da xente boa.

– Todo o que se come sen necesidade róubase ó estómago dos pobres.

– A verdade xamáis dana a unha causa que é xusta.

– Os medios violentos darannos unha liberdade violenta.

– A violencia é o medo ós ideais dos demáis.

– Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño.


OS RAPACES DO I.E.S. ILLA DE AROUSA GAÑAN O SEGUNDO PREMIO DE CURTAS NO FESTIVAL DE CINE DE OURENSE

O xefe Seattle

Os rapaces do curso pasado de 4º da E.S.O., do Instituto da Illa de Arousa, fixéronse có segundo premio do Festival de Cine Internacional de Ourense, na categoría de “ensino non universitario”. A curta premiada, titulada “O xefe Seattle, salvaxe?” competía con outras 40 curtas chegadas de institutos de toda Galicia. A curta é unha recreación da carta que o xefe Seattle enviou ó presidente dos Estados Unidos daquel entón, Franklin Pierce, en 1855. A carta é toda unha lección de sabedoría, e curiosamente, é tal a súa actualidade que semella estar escrita recentemente. Así pois, paga a pena visualizar esta curta, tanto pola súa mensaxe de valor incalculable, como polo xenial traballo destes rapaces.