ACHÉGASE O SOLSTICIO DE INVERNO E O CELEBRAMOS EN NIÑO DE CORVO

Achégase un dos acontecementos máis especiais do ano, a cabalo entre o natural, o espiritual e o máxico. Porque o solsticio de inverno é o momento no calendario no que todo chega ó seu lóxico final para comezar axiña con novas esperanzas. Prodúcese entre o 21 e o 23 de decembro, e é aí cando o sol está nunha posición máis alonxada do Hemisferio Norte. Polo tanto, é cando menos luz recibimos en todo o ano, e a partir de aí os días son máis longos e a vida, no seu habitual ciclo, volve a ser un neno acabado de nacer con moitas e ilusionantes cousas por diante que lle han de suceder. Así chega esta tradición até nós, dende a sabedoría dos nosos antepasados Celtas, quenes celebraban unhas das súas festividades máis importantes nestas datas.

lightpainting en Niñi de Corvo, Illa de Arousa

Lightpainting en Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

Na Arousa todo o ano toda ela é un Stonehenge en si, como non podía ser doutra maneira, debido ós nosos cons, ós espectaculares conxuntos rochosos que arredor dela se erguen. Aquí, as danzas e os asubíos do vento mestúranse coas voces das pedras, e si así o fan sempre, canto máis será durante o máxico momento do solsticio.

Nocturna niño de Corvo, Illa de Arousa

Nocturna Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

Por iso desta vez imos a escoitar as pedras a un dos conxuntos máis impoñentes da nosa xeografía, en Niño de Corvo. O impresionante con, situado preto do Igafa e de camiño á praia da Area da Secada, entra no mar formando unha pequena península. E semella observar atentamente ás bateas de en fronte, e tamén ós temporais, cando se achegan lentamente polo mar. Porque Niño de Corvo, sen dúbida, é dos lugares da Arousa onde máis se poden apreciar os contrastes de luz e os espectaculares xogos de cores froito dos caprichos do ceo ou da lúa. Niño de Corvo falaranos durante este solsticio e todo aquel que queira fechar os ollos, sentir e escoitar será o que saiba todo o que ten que dicir.

CARNAVRAN, MALIA TODO

Pouco faltou para que, neste ano, no Antroido de inverno houbese mellor tempo que no de verán. Pero finalmente, a choiva foi compasiva nesta ocasión e dou unha pequena tregua durante a noite, que non na madrugada, do sábado. Con todo, o Carnavrán consolídase, nesta súa terceira edición, como unha das datas imprescindibles do verán.

carnavran1

Non podemos deixar de agradecer ós nosos queridos MDA, os mosos da Arousa, que doaron a súa recadación do Antroido para a celebración do Carnavran, así como a colaboración do Concello e, sobre todo, os esforzos dos bares organizadores.

Pasaban xa das 11 da noite cando os dj de Kioto FM, comezaban a súa actuación e xa sobre a media noite a praza do Regueiro aparecía xa invadida por unha enorme masa de xente.

carnavran2

Como non podía ser doutro xeito, os disfraces máis populares nesta ocasión volveron a ser de temática do verán. Hawaianos, trogloditas, rapazas dos anos 50, deportistas,… e ata unha especie de bonecos similares ós que nos ensinaban na escola para aprender os músculos do corpo. E é que a imaxinación non tivo límites, pois non foron tamén poucos os disfraces improvisados, que finalmente acaban sendo tamén os que mellor resultado dan.

Agora, unha vez rematada xa a festa, só nos queda agardar a que este ano, ó contrario do ano pasado, tivera beneficios, pois non debemos esquecer a importancia dos números. Longa vida ó Carnavran!

CRÓNICA DUNHA MÁXICA NOITE DE SAN XOÁN.

Semellaba que non ía ser unha noite tranquila meteorolóxicamente falando para a noite do 23 de xuño, xa que tanto partes televisivos como aplicacións de móviles auguraban unha noite de chuvia e tronada. Pero nada diso pasou, e noite de San Xoán de 2014 convertiuse nunha noite excepcional para churrascadas e sardiñadas. Iso si, coa debida precaución de manter a leña a salvo das choivas da tarde.

Non é de estrañar. Cunha orixe celta, esta festa sobreviveu a numerosos obstáculos durante milenios e incluso a día de hoxe, ás veces non resulta doada a súa celebración. Sen ir máis lonxe, este ano caeu un luns e ó día seguinte trabállase, coma un día normal. Pero todo iso non impediu a presenza das costumes e tradicións do San Xoán en tódalas casas.

san xoán2

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Xa polas 8 da tarde, comezaba a verse o primeiro fume nas paisaxes da Arousa. E, cómo non podía ser menos, ese fume foi a máis a medida que pasaban as horas, ata que unha enorme fumareda cubría a Arousa por zonas. Non debeu ser pequena a sorpresa que se había de levar algún despistado que chegara entón á Arousa e non lembrase a data na que estábamos.

Por tratarse do comezo da semana, en moitas casas optouse por cenas familiares con churrasco e sardiñas, ou máis churrasco e non tantas sardiñas, debido ó prezo e escaseza destas nestas datas. Iso si, sempre con algunha fogueira, aínda que sexa improvisada, que nunca está de máis espanta-las meigas e queimar todo de canto negativo houbo no ano.

A xente nova, pola súa parte, ateiga as praias. A maioría deles, cós compromisos académicos xa solventados e sin traballos ante os que responder ó día seguinte, poden vivir unha das festas das que, de seguro, máis bos recordos terán cando sexan adultos.

san xoán1

Outra das alternativas da noite foi a dos bares, como no caso do Con do Moucho, un pouco máis só este ano, ante o recente peche do Baka. Cun gran ambiente  nunha noite ideal para estar na terraza, o Con do Moucho ofreceu unhas tapas de luxo: xureliños e criollos. Tampouco faltou a fogueira nin tampouco, coma sempre, a boa compañía.

Ó día seguinte, é imprescindible lava-la cara coa auga de San Xoán, de receita libre en cada casa, pero que debe pasar a noite ó rocío. Así se comenza unha nova época, con novas enerxías e ánimos renovados. Así foi o San Xoán 2014 na Illa de Arousa. O vran queda oficialmente inaugurado.

 

O CARNAVRAN FAISE MAIOR

ImaxeO pasado sábado a Arousa celebraba a segunda edición do Carnavran, organizado polos bares dos arredores do Regueiro. Se ben a primeira edición estivo marcada por certa improvisación, con disfraces máis caseiros e apañados, na segunda puidemos apreciar a madurez desta cita, desmarcada xa e totalmente independente do seu irmá maior de inverno.

Nesta ocasión, os disfraces estaban máis acorde coas altas temperaturas. Os bazares asiáticos baleiraron os seus almacéns, pois ó contrario do que ocorre no inverno, a xente optou por apartar a agulla e o fío para decantarse pola opción rápida de mercar un disfraz a prezo módico. As propostas eran todas moi variadas e fresquiñas, pero de haber un gañador, este sería sen dúbida o disfraz de “hawaiano”.

Pero o grande éxito da noite veu da man da discoteca móvil Ebabilon, que cos seus DJs e bailaríns, con concursos de bicos e disfraces incluido,  mantivo en pe e bailando toda a noite a todos os novos da Arousa, é tamén ós non tan novos.

E é que o Carnavran podería semellar estar enfocado á xuventude, a eses rapaces que á mínima festa que hai na Arousa, prefiren ficar e non marchar fóra. Ese enfoque, cómo diciamos, é todo un erro, pois non foi pouca a madurez que se enfundou o seu disfraz (e tamén sen el, todo hai que dicilo), para bailar sen parar ata altas horas da madrugada.

Con isto, podemos estar seguros que o primeiro obxectivo do Carnavran está máis que conseguido. Agora agardamos que o resto dos obxectivos se cumpriran tamén, como revitalizar a zona do Regueiro en favor da hostelería, algo fundamental para a  celebración de vindeiros Carnavrans. Namentres, agardamos xa o próximo ano no que esperamos ver xa un Carnavran consagrado como unha data habitual e imprescindible todos os veráns.

OS RAPACES VOLVEN A SAÍR ÁS RÚAS DA AROUSA NO “DÍA DE PEDIR”.

A Plaza recibíu tamén a visita dos rapaces.

O día amencía un tanto raro na Illa de Arousa, pois semellaba por intres, que ameazaba un temporal xulgando o mar revolto. Pero finalmente, a climatoloxía deu tregua e permiteu que trancorrise con normalidade unha das tradicións máis inmemoriais e divertidas da Arousa. Foi, ó mesmo tempo, unha mañá de traballo rutinario. A actividade no Xufre era semellante ó de outros días laborais e as mariscadoras baixaban á praia ás dez e media. Pero dende moi cedo, sobre as nove e pico, comenzáronse a ver ós primeiros nenos, ataviados como é costume, con bolsas e mochilas ó lombo, a cada cal máis grande, coa esperanza de non ter maiores problemas para enchelas. Moitos nenos ían en grupos de catro ou cinco. Outros, en cambio, ían acompañados polas súas nais, seguro que encantadas de lembrar así as súas propias infancias. Cando se trata de casas particulares, os nenos só acoden ás casas de familiares ou amigos moi achegados. Pero cando se trata dos comercios, ningún dubida en ir alí. Así pois, en certos momentos, vimos a un Merca Más un tanto “invadido” pola visita dos nenos, ó igual que os bares, librarías e demáis. Seguro que nestes lugares a moitos se lles pasou o de pronunciar aquilo de “unha limosniña polos difuntiños que van alá…” frase imprescindible neste día. O que obtiveron os nenos en cada un destes lugares, queda para o arquivo do “secreto profesional”. Do que estamos seguros e de que ningún regresou á casa coas mans valeiras e, o mais importante de todo, que o “Día de Pedir” volveu ser unha xornada tan festiva e divertida coma sempre.