Unha triste consigna se repite nos últimos anos en relación ós incendios forestais: cando xa o verán chega ó seu fin, e cando podemos comezar a sentirnos afortunados polos poucos incendios declarados durante a época estival, aparecen entón os lumes máis terribles. Iso foi o que aconteceu na xornada de onte domingo, cós lumes do Barbanza e o Salnés.
Na Arousa, a afectada foi a zona arbolada da praia de Con Retellado. O lume comezou a facerse visible sobre as tres e media da tarde, como unha broma pesada, nun día e a unha hora na que tanto a poboación coma os efectivos anti incendios poderían estar nunha actitude máis relaxada. Curiosamente, fai moi poucos meses esta mesma zona sufríu outro incendio, de menor gravidade naquela ocasión, xustamente tamén un domingo e tamén á hora de despois de xantar. Polo tanto, semella xa imposible pensar que o incendio non foi intencioado.
Afortunadamente, un camión de bombeiros non tardou en aparecer no lugar. E case ó mesmo tempo fixo o propio un helicóptero anti incendios. O feito de atoparse nunha praia fixo posible que se actuara con gran rapidez. Alí mesmo lle colocaron unha cesta e alí, á carón do incendio puido recoller auga. En poucos minutos, o incendio dábase por controlado,
Ó mesmo tempo, fumos tamén testemuñas do gran perigo que encerran estas labores anti incendios. Por unha parte e obviamente, os bombeiros que se enfrentan cara a cara coas lapas. Pero tamén o helicóptero, pois precísase dunha gran destreza para achegarse o máximo posible ó lume, e máis cando a presencia de árbores obriga a voar entre eles, coma foi o caso de Con Retellado, có gran perigo que iso supón.
O lume en Con Retellado interrompeu as plácidas sobremesas domingueiras dos veciños da zona. Moitos deles non dubidaron en achegarse até alí para contemplar con horror aquel feo espectáculo, aínda que tamén a xente se mostraba asombrada e agradecida pola rapidez coa que os efectivos lograron controlar a situación.
Agora só nos queda esperar que todos estes actos de terrorismo ecolóxico sexan investigados e castigado coma se merecen, todo o contrario do que estivo sucedento ata agora.