AS AMANTES DA TORRE DE SAN SADURNIÑO (II): XOANA DE CASTRO “A DESAMADA”.

Sepulcro de Xoana de Castro na Catedral de Santiago de Compostela. Imaxe: Wikipedia.

Sepulcro de Xoana de Castro na Catedral de Santiago de Compostela. Imaxe: Wikipedia.

En noites de inverno, cando o vento sopra desesperado e se avivan as ondas do mar que buscan á Torre de San Sadurniño, son moitos os que aseguran que alí, perdéndose entre eses sons mariñeiros, escóitanse os choros dunha muller. Uns lamentos inconsolables, que retumban nas pedras de San Sadurniño e se perden na inmensidade do mar. E son, moitos aseguran, as voces de Xoana de Castro, a raíña máis breve de Castela.

Así no lo contaron nos seus escritos Cunqueiro e Otero Pedrayo, e así a lenda desta desgraciada dama chega ata nos. Xoana de Castro era unha viúva nova e fermosa cando coñeceu ó Rei de Castela, Pedro I “O Cruel”, que semella que ben gañado tiña o alcume. Estaba casado con Blanca de Borbón, por motivos estratéxicos, xa que o matrimonio aseguráballe unha alianza con Francia, nun momento de tensión e intrigas, xa que os seus irmáns pretendían asalta-lo trono. Pero cando coñeceu a Xoana todo cambiou. Os dous axiña se namoraron, pero Xoana non prometía máis ata que se celebrara o matrimonio entre eles. Entón, Pedro obrigou ós bispos de Ávila e Salamanca a declarar nulo o seu matrimonio con Blanca de Borbón.

Celebrouse entón a voda, máis, inexplicablemente, ó día seguinte Pedro repudiou a Xoana e non a quixo máis coma esposa. E ninguén coñece o motivo nin que foi o que sucedeu entre aquelas paredes durante a noite. Qué podería ter sido tan grave coma para que o Rei tomara tan drástica decisión? Con todo, malia a brevedade do matrimonio, aínda tiveron un fillo chamado Xoán, a quen o Rei fixo herdeiro ó trono, claro que por detrás dos fillos de outra das súas amantes. A raíña, desconsolada, tomou retiro na Torre de San Sadurniño. E alí segue, como moitos pensan, penando dun lado para outro, cal eterna santa compaña, amparándose no consolo de sentirse raíña, aínda que para ninguén máis o era.

AS AMANTES DA TORRE DE SAN SADURNIÑO (I): MARÍA GÓMEZ, INFANTA DE HUNGRÍA.

A Torre de San Sadurniño en Cambados encerra entre as súas pedras unha chea de misterios, lendas e romances. Comezando pola incertidume do seu ano de construcción e de si todas as historias que se lle atribúen son tan reais como semellan.

A torre que chega ata os nosos días presúmese que formaba parte dunha antiga fortaleza medieval e, coma tal, tivo tamén nas súas estancias a presenza de varias damas que residiron alí, coma auténticas damas do castelo, soñando día tras día debruzadas nas ameas á hora do solpor, a que o seu cabaleiro chegue a buscalas.

A torre de San Sadurniño no barrio mariñeiro de San Tomé, en Cambados

A torre de San Sadurniño no barrio mariñeiro de San Tomé, en Cambados. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

E aínda que as chamamos amantes, nada tiñan que ver con algo así. Pero debemos lembrar que na época dos señores feudais as damas repectables habían de iniciar as súas relacións unha vez chegado o matrimonio. Pero as nosas damas eran libres, independentes e con ideas propias, algo que en moitos casos, acabaría por pasarlles factura.

E a primeira historia que imos contar é a de María Gómez, infanta de Hungría e do seu namorado, Paio Gómez de Soutomaior. Paio pertencía a unha linaxe pobre, pero moi respectables, como eran os Lantaño, de Meis. Era un nobre inquedo e con boas dotes para a diplomacia, polo que o Rei Enrique III de Castela o enviou á rexión da Tartaria. E alí, segundo se conta na “Galicia Feudal” de Victoria Armesto, recibido polo Gran Tamerlán, o cargo máis importante daquelas terras, Paio foi sometido a unha proba. Fronte a unha pedra que suaba sangue cando se mentía, Paio, previo interrogatorio, había de dicir toda a verdade. O caso é que non dixo nin a primeira, e a pedra tampouco suou. E moitos dos alí presentes lle quitaron mérito ó cabaleiro, porque crían que a pedra non suaba porque non entendía galego.

Pero tan convencido e contento quedou o Tamerlán, que lle enviou ó Rei Enrique dúas doncelas húngaras que habían de viaxar con Paio. Máis, durante a viaxe, o cabaleiro galego non puido resistirse ós encantos dunha das mozas. Había tomar en galego o nome de María Gómez. O Rei, ó coñecer a historia, enoxouse moito con Paio, por “tomar” un regalo que era para el. Nembargantes, en lugar dun desenlace tráxico, o Rei Enrique sentenciou que Paio había de casar con María. E así foi, máis Paio, resignado e rancoroso có Rey, con quen xa tiña unha relación moi deteriorada, agardou ó seu falecemento para repudiar a María. E foi enviada ó castelo de San Tomé de Cambados. E en Cambados acabaron os seus días, claro que non tan illada, como contan os romances medievais. Chegou a ter unha filla con Paio, pero a ela, o seu pai, buscoulle un mellor destino.

A MULLER TRABALLADORA DA AROUSA (PERMÍTASE A REDUNDANCIA)

A muller da Arousa sempre levou unha vida moi activa laboralmente, que tentaba  conxugar có seu traballo na casa. Xa fora indo á seca, poñendo patacas, vendendo peixe, como atadoras ou redeiras, etc e todo unido ó difícil pero pouco recoñecido traballo de levar unha casa e criar fillos. Hoxe en día os traballos das mulleres da Arousa son máis diversos, gracias á oportunidade de acceder ós estudos e ó carácter máis independente da muller en xeral. Pero iso non evita que en todo o noso pasado ata onde nos chega a memoria, ser unha muller na Arousa fora sinónimo de ser muller traballadora.

Doli_Doli_Film

Traballadoras da fábrica de Odosa no seu encerro durante o conflito.

Doli, Doli, Doli... as conserveiras

Cartel dun documental que conta a historia do conflito laboral de Odosa.

m1

Traballadoras de Odosa, moitos anos antes do conflito, nun momento de lecer.

m2

Repartidoras de pan.

m3

Mulleres no lavadoiro da Abilleira.

m4

Atadoras ou redeiras no peirao do Chufre.

m4

Sequeira escollendo a ameixa nos anos 60.

m5

Traballadoras da conserva.

m7

Mulleres á porta da antiga lonxa nos anos 60.

sequeiras

Grupo de sequeiras.

Documentación:

 

santiagoturismo.com

Ilha de Arousa 1969-70, de Uxío Outeiro, youtube.com

A Illa de Arousa, un percorrido no tempo. Deputación de Pontevedra.

 

 

FELIZ SOLSTICIO DE INVERNO DENDE QUILMA

Na Arousa as pedras falan, viven e observan. Por iso, cada ano, cando se produce o solsticio de inverno, homenaxeamos algún dos conxuntos máis característicos e impresionantes dos que dispoñemos, que non son poucos, para emular, dalgunha maneira ó Stonehenge. Comezamos o ano pasado có Con do Navío e nesta ocasión, o lugar ó que nos trasladamos foi Quilma, a ese especial monte e ó seu presunto menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Atopámolo nun lugar estratéxico. Por un lado, o muíño de auga e as praias de Carreirón en fronte. Por outro, o Areoso, na que seguramente é a perspectiva máis espectacular que se pode atopar do illote dende terra. Segundo os restos arqueolóxicos, Quilma formaría parte dunha liña que comenza cós restos funerarios do Areoso e que tería alí a súa continuación. De feito, en documentos antigos constátase a existencia do topónimo “Castro de Quilma”, algo que fai máis que probable a antiga existencia dun castro nesta zona.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Especial atención merece unha estructura de catro metros que se alza inclinado alí, o máis parecido a un menhir que podemos encontrar en moitos quilómetros á redonda. De feito, este con chamou a atención do biólogo e xeólogo arousán Juan Poza, que alertou ós expertos sobre isto. E non podía estar moi desencamiñado, pois dende un primeiro momento considerouse que era necesario someter a estudo a rocha. E é que a natureza é ben caprichosa e unha gran parte da súa obra escapa á máis grande imaxinación humana. Aínda así, demasiado perfecta e demasiado trazada semella. Claro que, polo momento, os estudos non chegaron a resultados concluínten do que para nós xa sempre será un menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

 

OS COMENZOS DO CINE NA AROUSA, ANO 1935.

Pode que o lembremos como a época dourada do cine na Arousa o asociemos a heroes tan dispares como Cantinflas, Superman ou Bruce Lee, ademáis dunha velliña có seu pano negro á cabeza, que se apostaba diante das portas dos cines Arosa e Capitol rodeada de lambetadas, onde ían todos os nenos a arremuiñarse. Pero o cine na Arousa tivo unha esplendorosa época nada máis chegar a luz eléctrica, precisamente, cando menos medios se dispuñan.

Rapaces agardando para entrar no Cine Arosa.

Rapaces agardando para entrar no Cine Arosa.

Un artigo publicado no xornal madrileño “La Estampa” cóntanos todo iso en primeira persoa. O xornalista de dito xornal, Lorenzo Carriba, pasou unha tarde na Arousa en marzo de 1935, só uns meses despois de que a Illa “proclamase” o seu estado independente. Os relatos que se suceden ó longo do artigo son unha testemuña excepcional para o presente, polo que sen dúbida non imos tardar en volver moitas veces a este documento.

De entre todas as historias que se van sucedendo ó longo desa tarde, atopamos o relato da nova sensación que percorría toda a Arousa: o cine. A xente cóntalle ó xornalista que dous alemáns (os irmáns Willisch) montaran unha central eléctrica, que estaba a chamar a revolucionar a vida cotiá. Así pois, só un mes despois de que a luz por fin chegara á Arousa, había xa dous cinematógrafos de cine mudo. Un terceiro sonoro inaugurábase, precisamente, a mesma tarde da visita do xornalista. O seu nome pode que lles sexa familar, O Capitol. Para que este funcionara, as luces das casas tiñan que estar apagadas, pero lonxe de importalles iso ós nosos veciños de entón, semella que se prestaban gustosamente.

Maurice Chevalier era o actor de moda na Arousa de 1935.

Maurice Chevalier era o actor de moda na Arousa de 1935.

Foi así como as rapazas da Arousa andaban todas namoradas do galán da época, o actor francés Maurice Chevalier, gracias ó seu filme “El desfile del amor” (“The love parade” na versión orixinal). Unha película ésta do ano 1929, polo que tan só seis anos despois chegaba a proxectarse na Arousa.

Polo tanto, agora coñecemos que, ademáis da época na que conviviron os cines Arosa e Capitol, houbo un tempo no que na Illa eran tres os cines que había. A maxia do sétimo arte ten estas cousas.