O anteproxecto da Lei de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo e que é a triste protagonista da nosa actualidade recente, ocupou tamén o lugar máis destacado no enterro do liborio da Arousa, que cada ano organizan as mulleres das Rubas. O enterro foi suspendido no día de onte por temor ó mal tempo, que aínda que non prometía ser mellor no día de hoxe, optouse pola espera coa promesa de que hoxe ía saír o liborio “chovera ou ventara”.
Finalmente a climatoloxía respectou o desfile da comitiva polas rúas da Arousa, se ben os asistentes non se libraron dalgunha que outra nevada unha vez que xa chegaran ó seu destino no Paseo do Naval.
As mulleres das Rubas substituiron nesta ocasión os seus traxes de viúvas desconsoladas por roupas de augas, xa que tanto os seus choros como as súas indumentarias foron este ano máis reinvindicativos que nunca. Unha vez desvelado que a identidade do liborio era a lei máis impopular en décadas, comezou o cortexo que culminou, como é habitual, no Naval.
Unha representante das mulleres das Rubas leu un pequeno manifesto en verso que denunciaba a “espabilación” dos chinos pretendendo facerse coas nosas ameixas “para comelas con arroz”, así como a incomprensión por eses políticos que comparan o salmón coas numerosos e deliciosos mariscos da nosa ría.
E de aí, o liborio, e con el a lei, xa estaba listo para arder. Comezou entón unha fogueira que acabou por reducir a cinzas ó liborio, ó permex, ó botiquín e a todos cantos obstáculos se lle poñen á xente do mar para traballar, ó tempo que a noite nubrada era adornada con fogos artificiais.
E así se daba rematado de maneira oficial o Antroido na Illa de Arousa, con permiso do epílogo do sábado de carrozas, para o que esperamos, que xa o vamos merecendo, que o bo tempo por fin nos acompañe.