RAMÓN NETO GAÑA UN NOVO CERTAME LITERARIO

descarga

Estas datas especiais comenzan cunha gran nova, xa que o poeta Ramón Neto ven de gañar un novo concurso literario, o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro. Un galardón que se une a unha carreira literaria imparable. Ramón, nado na Illa de Arousa en 1975 reside dende moitos anos en Bruselas, onde exerce como docente. A súa traxectoria literaria comenzou en 2009, cando se proclamou gañador do XXII Premio Nacional de Poesía Pérez Pallaré có poemario “Estación única dunha illa”. En 2012 gañou o XVI Premio Miguel González Garcés pola súa obra “As lavandas adáptanse a todo erro de navegación” e en 2013 gañou o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas por “Dominio Público”.

Facía xa tempo que dende Aguamorta queríamos facer unha homenaxe ós poetas arousáns, tanto os de onte coma os de hoxe, porque é unha gran fortuna que o noso pobo teña os seus poetas. Comezamos así con esta humilde pero merecida homenaxe a Ramón, un amigo ó que admiramos e cunha gran traxectoria á que seguiremos moi atentos. Moitos parabéns!

 

LILITH, A PRIMEIRA E DESCOÑECIDA MULLER DE ADÁN.

“Lady Lilith”, de Dante Gabriel Rossetti.

Cando Eva decidíu probar a mazá e a maiores, convencer a Adán de que tamén a probase logo de comprobar o boa que estaba, rematou cun mundo idílico e paradisíaco e liberou todos os males do mundo e a propia Eva foi condenada a parir con dor.

O filósofo alemán Niestche, reflexionando sobre iso, pregúntase, entre outras cousas, porqué habendo un ser supremo castiga este a curiosidade de Eva, ó ser a curiosidade unha das virtudes máis importantes que definen a un bo científico e, na mesma liña, pregúntase qué beneficio tería para a ciencia a pasibidade e desinterese de Adán.

Malia todo iso, a imaxe da muller como a personaxe que desencadena todos os males do mundo está sempre moi presente en todas as tradicións antigas. Na mesma tradición hebrea, aparece na historia de Adán e Eva unha personaxe anterior e pouco coñecida, nada máis e nada menos que a primeira muller de Adán. A diferencia de Eva, que naceu dunha costela de Adán, Lilith era exactamente igual que o home. Debido a esa igualdade, Lilith tomaba as súas propias decisións e non adoitaba obedecer ó seu compañeiro, pois non cría que tivera a obriga de tal. Incomodado por esas reaccións, Adán, coa axuda do Creador, desterrou a Lilith ó Mar Roxo. Era aquela unha terra considerada de demos e alí Lilith, brava e seductora, enxendrábaos cada día.

Logo, o Creador quixo compensar a Adán cunha muller máis sumisa e creada a partir de si mesmo, pero finalmente (todos coñecemos a historia) as cousas non saíron como agardaban, como se algo da díscola personalidade de Lilith ficara en Eva. As dúas quedáronse sen paraíso, pero a cambio, tiveron a oportunidade de pensar, aprender e evolucionar.

O CEGO DE PADRENDA, O ÚLTIMO XOGLAR DO SALNÉS.

A cotío a nosa idea dos xoglares remóntase a unha imaxe da Idade Media, a aqueles poetas vagabundos que relataban historias acontecidas nos pobos veciños. Malia estar tan preto uns de outros, nada se sabía dos pobos do lado, posto que así de precarias eran as comunicacións. Có tempo, as historias destes xoglares pasaron a converterse nun xénero literario propio, aí temos pois as “cantigas de escarnio e maldicir”.

Fotografía de Francisco Zagala.

Pero máis aló da Idade Media, os xoglares pouco lles faltou para chegar case até os nosos días, perdurando ata primeiros do século XX. Un dos máis célebres foi Eugenio Padín, natural de Padrenda, no concello de Meaño. Este último xoglar foi quen de fascinar ó mesmo Castelao, quen o fixo protagonista dunha das súas ilustracións, hoxe conservada no Museo de Pontevedra.

Pero tamén se conserva unha imaxe real de Eugenio Padín, que data de 1885. É obra do fotógrafo Francisco Zagala e tamén forma parte do patrimonio do Museo de Pontevedra. Na fotografía, podemos ver ó cego de Padrenda coa súa zanfona, elemento fundamental en todas as súas actuacións, apoiado no seu bastón e acompañado polo rapaz que lle facía de guía.

Ilustración de Castelao.

Eugenio Padín causaba gran expectación por toda canta vila ou pobo ía. O seu talento e o estilo persoal das súas composicións facía que constantemente se gañara o recoñecemento popular, polo que sempre eran ducias e ducias de persoas as que se arremuiñaban ó seu redor para escoitar o relato das súas historias. No seu tempo eran moitos os que, igual que el, ían de pobo en pobo cós seus relatos cantados, sempre de propia creación. Así pois, a preservación da memoria do cego de Padrenda é tamén unha homenaxe a moitos xoglares menores.

Recentemente, o cancioneiro do cego de Padrenda foi recollido polo dúo Mini e Mero, antigos compoñentes do mítico grupo Fuxan os Ventos, logo de anos de investigación.

MERLÍN, LENDAS E MISTERIOS DO MAGO POR EXCELENCIA.

A personaxe do mago Merlín foise xerando ó longo dos séculos na literatura, ata dárllelo perfil que hoxe coñecemos, quizais coma ese ancián de longa e branca barba vestido con capirote e túnica de estrelas.

O primeiro en falar de Merlín foi o escritor e relixioso do século XII Geoffrey de Monmouth. A súa inspiración chegaba de lendas de tradición oral e celta, debido á súa orixe galesa. Tanto é así que incluso se coñece a personaxe a partir da cal creou a Merlin, orixinariamente chamado Myrddin.

A literatura conta historias extraordinarias sobre Merlín, mesturando a fantasía con espacios reais. Así, en certa ocasión, Merlín sendo un neno foi levado fronte un rei da Bretaña para ser sacrificado, pero o seu gran poder profético salvouno. Conta tamén que foi o mesmo Merlín o responsable da misteriosa construción megalítica de Stonehenge, ó trasladar as pedras dende Irlanda grazas ás súas artes máxicas, ata formar o círculo sagrado.

Stonehenge

Xa antes do nacemento do Rei Arturo, Merlín exercía de conselleiro do seu pai. Cando Arturo nace, Merlín entrégallo a un nobre que o coidará coma o seu fillo. Ata que un día, consegue sacar a espada Excalibur dunha pedra, feito que o sinala como o escollido para ir na busca do Santo Grial e que o consagra coma rei, declarado así polo mesmo Merlín.

Todas as aventuras e episodios que da literatura en canto á historia do Rei Arturo, lle dan un lugar especial e privilexiado ó mago Merlín. É o seu protector e conselleiro, ademáis de aportar un trasfondo de maxia e misterio ás historias bélicas e románticas que se suceden en Camelot. Merlín, asimesmo, está prensente nos sucesos máis importantes; dende a idea de facer unha mesa redonda ata nos triunfos dos cabaleiros nas contendas.

Curiosamente, as pasaxes románticas na historia literaria do mago Merlín, chegan cando xa é ancián. E é que se namora dunha rapaza moi nova á que vai instruindo nas súas artes. Pouco a pouco vaille ensinando todos os seus feitizos coma nunca antes fixera con ningún outro discípulo, ata que a rapaza aproveita un deles para poñer preso ó vello mago nunha cova. E din que alí, de cando en vez, aínda hoxe se escoitan os seus quixumes.

O “SAXO TENOR” DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO VOLVERÁ A SOAR O DÍA DAS LETRAS 2013.

Cartel de “Saxo tenor” (1993)

A RAG ven de anunciar que Roberto Vidal Bolaño será o próximo homenaxeado no Día das Letras 2013. Foi unha candidatura na que, de seguro, pesou moito o sector teatral. E é que o autor santiagués é unha figura fundamental para comprender o teatro galego tal e como hoxe o coñecemos, profesional e de calidade, así coma un viveiro de grandes actores.

Falecido en 2002 con só 52 anos de idade, Vidal Bolaño foi todo un polifacético home de teatro. Foi fundador do grupo “Abrente”, participou no “Teatro do Estaribel” e foi director da compañía “Teatro do Aquí” así como do Centro Dramático Galego. Traballou en dirección, produción e iluminación. E tamén foi produtor audiovisual e, por suposto, guionista e actor.

Pero a súa labor como dramaturgo, merece unha mención aparte. Era o autor das obras que posteriormente se levarían á escena. Iso implicaba que o seu traballo como autor de teatro se vira sometida á presión de ter que estrear unha obra cada ano, e iso nunca restou nin un pouco de calidade ás súas creacións. Nos anos noventa chegaron os premios literarios, algo que foi imprescidible para que as súas obras foran publicadas e para que Vidal Bolaño fose recoñecido coma un escritor que retrata unha época e unha sociedade.

“Laudamuco, señor de ningures” (1976), “Bailadela da morte ditosa” (1980), “Agasallo de sombras” (1992), “Días sen gloria” (1992) ou “As actas escuras” (1994), só só un exemplo no conxunto da súa obra.

En “Saxo tenor” (1993) o autor mergúllanos nunha noite onde se misturan diversas personaxes de vidas miserentas. Unha noite que, por momentos, pode que nos faga lembrar á noite que viveu Max Estrella nas “Luces de bohemia” de Valle-Inclán. Sórdida, pero conmomvedora, “Saxo tenor” amósanos a Galicia dos suburbios urbanos, do sufrimento, onde as patéticas verdades van aflorando pouco a pouco, mentres un saxo soa ó fondo.

TARDE DE CONVERSA.

Coa chegada do bo tempo, dos días grandes, é moi habitual que a xente se anime a sair. As rúas aparecen ateigadas e as terraciñas énchense, e máis con iso de que xa non se permite fumar dentro dos bares, de amigos que arranxan o mundo mentres se toman un café.

E iso é o que lles ocorre ós nosos protagonistas, que cada día, serán tras serán, reúnense onda o Café Moderno de Pontevedra. Un café acompaña unha conversa incansable, “con moita arte e un pouquiño de amor”. Nunha mesa, Alexandre Bóveda está a piques de aplaudir. Ó seu carón, có seu característico semblante e quizáis abstraído polos seus pensamentos, Castelao observa fixamente ó artista. Noutra mesa, sentan xuntos Valentín Paz-Andrade, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras, e o poeta da raza, Ramón Cabanillas, mentres que Carlos Casares se achega nese intre para unirse a eles. Todos observan ó xenial violinista pontevedrés Manuel Quiroga, que se atopa en plena actuación.

Qué andarán a dicir, ó longo de tantas tardes? De seguro, nas súas conversas non falta a prima de risco ou o movemento 15-M. A saber qué sátira sae das súas cabezas, pois na análise dos problemas que circulan pola rúa, boa falta fai sempre unha boa dose de humor. Pero quizáis espertan o seu pesimismo, porque a saber qué cousas lles resultan incomprensibles,… Cómo quedaría todo iso reflectido na vida e na obra de todos e cada un deles? Mágoa que nunca o sabremos, pois xa se sabe que esas conversas que arranxan o mundo fican para sempre na intimidade dun café.

VALENTÍN PAZ-ANDRADE, TESTEMUÑA DO SÉCULO XX GALEGO.

Moi habitual é atopar, entre os homenaxeados no Día das Letras, persoeiros moi polífacéticos, aínda que poucas veces o rango será tan amplo coma no caso de Valentín Paz-Andrade (Pontevedra, 1898 – Vigo, 1987). Posuía dende un privilexiado olfato para os negocios, como unha gran sensibilidade poética. Avogado, viaxeiro, xornalista, político,…  todas estas inquedanzas, nas que non había un límite disciplinar, deron lugar a que Valentín Paz-Andrade estivera presente nos grandes feitos do século XX, e todos eles marcaron o rumbo e a Historia de Galicia. Entre outras cousas, foi candidato ás Cortes Constituintes, xunto con Ramón Cabanillas e Castelao e formou parte da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia (1931). Pero unha das grandes aportacións de Paz-Andrade está no ámbito da economía. Adquiriu un importante compromiso coas actividades pesqueiras, sobre as que escribiu seis libros sobre as súas problemáticas e potencialidades. Era a súa unha visión dende un punto de vista empresarial e galeguista, destinado ó desenvolvemento económico do territorio galego. Unha personalidade visionaria e comprometida que, mal que nos pese, non é moi habitual en Galicia.