VIMOS DE TER UN IRMÁN: NACE O BLOG DE MÚSICA “O DIARIO DE BAPHOMET”

odiariodebaphomet.wordpress.com

odiariodebaphomet.wordpress.com

Efectivamente, a familia medra. A persoa que forma o 50% desde espazo, Marcos Cancelas, ven de debutar cun blog en solitario sobre música, “O diario de Baphomet”. A Marcos debémoslle dende aquí a nosa imaxe, ademáis de ser o autor das fotografías máis fermosas que aquí exhibimos, e ata de arrincarse a escribir algún que outro artigo algunha vez.

Gran afecioado á música, xa facía tempo que Marcos quería contar as súas experiencias, labradas a raíz do paso dos anos. Así coñeceremos as sensacións e sorpresas que lle proporcionou a música e o impacto que tiveron no seu día no neno, no adolescente, e aínda hoxe no adulto.

Promete contarnos e falarnos sobre os discos máis excepcionais que ten, incluidos vinilos e edicións especiais, da época na que rebobinábamos as cintas cun bolígrafo e dos accidentados envíos da Discoplay. Así como de persoas, películas e a pura casualidade, que o introduciron a grupos e temas que marcaron a súa vida. Sabemos que non somos moi obxectivos, pero non podemos deixar de recomendalo. Lembren o seu nome: “O diario de Baphomet”.

O FESTIVAL DO NORTE XA ESTÁ NA RÚA

Transformación do aparcadoiro do Bao para acoller os concertos do Festival Do Norte.

Transformación do aparcadoiro do Bao para acoller os concertos do Festival Do Norte.

Oficialmente, un dos grandes acontecementos musicais do verán, o Festival Do Norte, dará comezo o venres a partir das 18:00 horas coa banda White Bats. Pero nas rúas da Arousa, o Festival comeza moitas horas antes. Durante toda a semana fíxose moi evidente o movemento dos operarios do concello apurándose para acondicionar os diferentes espazos ás necesidades do Festival. Na Area da Secada, no coñecido piñeiral da Bouza, limpouse o solo para que os asistenses monten as súas tendas e instaláronse mesas con bancos. Pero a maior transformación sufriuna o aparcadoiro do Bao, no que terán lugar os concertos. Neste mesmo recinto haberá tamén outras actividades, como por exemplo a iniciativa “Ultramarinos”, onde moitos rapaces con inquedanzas artísticas terán a oportunidade de mostrar as súas obras. E é que o Festival é moito máis que concertos de música “indi”, pois máis aló de todo iso, espállase polas rúas da Arousa, cós asistentes ateigando as rúas, supermercados,… como polos concertos gratuitos que terán lugar durante toda a fin de semana. O xoves á noite está previsto un concerto con dj’s e bandas de música a bordo dos galeóns Komaira, Rei do Mar e Presioso (si que vai ser “presiosa” a estampa, non cren?) E durante a fin de semana, terán lugar concertos pola tarde no Auditorio Municipal e ó mediodía estes celebraranse en diversos bares da Arousa. Comenzarán a partir das 12:00 e rematarán ás 15:00 horas, é dicir, cada hora un concerto nun bar. Así pois, vaian preparando o roteiro: o sábado Bar Clube, Campiño e Con do Moucho. E o domingo será a quenda de Fina Viñas, A Kultural e Benalúa. A fin de semana máis musical da Arousa acaba de comezar.

“QUILMA” DEBUTA Ó GRANDE

A banda de Rock Pop-gresivo, como eles mesmos se autodefinen, Quilma, realizou o seu agardado debut o pasado sábado pola noite. O lugar non podía ser outro que o Con do Moucho, xa que os seus responsables sempre se mostran encantados de apoiar iniciativas semellantes, polo que non é de estrañar que os grupos locais sempre a atopen a súa casa no xa mítico pub arousán.

Puxéronse á venta 80 entradas, que se esgotaron cando xa estaba a piques de comezar o concerto. E é que o público non defraudou e acudiu á chamada de Quilma para a súa primeira actuación.

A estrea de Quilma supuxo un gran show, nunha noite emotiva e cargada de sospresas. A primeira, unha “chapa” có logotipo da banda, coa que agasallaron a todos os asistentes. O concerto comezaba ben pasada a medianoite. Un dos seus integrantes, Xose Piñeiro, era o primeiro en pronunciarse para dedicar o concerto ós nosos veciños recentemente falecidos Maite e Tomás, de quenes dixo que eran “dúas persoas que nos deixaron demasiado pronto”, palabras que arrincaron fortes aplausos de todos os asistentes.

quilma1

Durante o concerto, puidemos descubrir (re descubrir) a todo un grandísimo mestre de cerimonas. O cantante da banda, Paulino, fixo de condutor nun espectáculo que ía máis aló da música. Con espectacularidade e gran sentido do humor, Paulino levou consigo ó público aló onde quixo, ó tempo que se sucedían os seus temas xa coñecidos, como “Chavaliño” ou “Alas de Xapón”, intercaladas con versións de outros temas coñecidos internacionalmente.

quilma2

A calidade do son era máis que aceptable, algo que contribueu a que a intrepetación ao vivo dos seus temas incluso mellorasen con respecto ás dos videos que xa todos coñecemos.

Nunha noite cargada de homenaxes e recoñecementos, Paulino quixo lembrarse, xa non da xente que emigra, como adoita suceder, sinon dos que se quedan aquí, por ser eles os que “van levantar o país”. E como non podía ser doutro xeito tamén pediron aplausos para agradecer a labor dos actuais donos do Con do Moucho, Nelo, Xambo e Guille, así como os anteriores donos, Alfredo e Arturo entre outros, por ser quenes iniciaron a oferta cultural de concertos, dos que aínda hoxe podemos disfrutar.

Un público entregado nun concerto que, lonxe de defraudar, superou as espectativas. Así comezaba o camiño de “Quilma”, esperamos que se trate dun camiño longo e de que todos o vexamos.

 

CANTIGAS DE AMIGO, A POESÍA E A MÚSICA DOS CAMIÑOS MEDIEVAIS.

Reprodución dalgúns instrumentos medievais.

Unha muller nova agarda incansable ó seu amado. Namentres, consulta o seu desacougo coa nai ou fala do entorno no que se atopa. Ás veces, nin sequera nos dan a coñecer se o desenlace é feliz ou remata en traxedia, sendo a espera a única trama que se nos relata.

Así eran as cantigas de amigo, obras centrais da literatura galega medieval, que coñeceu un inaudito esplendor durante este periodo. Foron menos de dous séculos, entre o século XIII e o XIV, no que a sociedade da época, dende mendigos ata reises como Alfonso X O Sabio,  se viu seducida por aquela língua doce e musical. Os peregrinos camiñaban xa a Compostela e era alí, aqueles camiños, algúns dos lugares nos que os xograres atopaban o seu público. Pouco ou nada se coñece deles. Haberían de ter vidas apaixoantes e ateigadas de aventuras e seguramente tamén curtas.

De Martín Códax creese que naceu no barrio vigués do Areal, aínda non integrado na cidade na época medieval. As súas andainas polos camiños debérono levar ata as Cortes de Castela e Portugal, e por suposto, tamén en Compostela. Pero xulgando as súas cantigas, espalladas en 98 versos, sempre debeu gardar lembranzas melancólicas de Vigo e do mar, ós que constantemente fai referencia.

De Mendiño, o seu só nome failles pensar ós expertos que se trataba dun mendigo, aínda que tamén podería deberse a unha derivación dalgún topónimo. O que si se da por seguro é que se trata dun alcume e non dun apelido. De Mendiño só se conserva unha única cantiga, aínda que de gran beleza. A ubicación na Illa de San Simón e a revelación dun final tráxico convértena nunha das cantigas máis coñecidas e fermosas:

sedia-me eu na ermida de s simion
e cercaron-mi as ondas que grandes son
eu atendendo o meu amigo
eu atendendo o meu amigo

estando na ermida, ante o altar
cercaron-mi as ondas grandes do mar
eu atendendo o meu amigo
eu atendendo o meu amigo

e cercaron-mi as ondas que grandes son
nen hei barqueiro nen remador
eu atendendo o meu amigo
eu atendendo o meu amigo

e cercaron-mi ondas do alto mar
non hei barqueiro nen sei remar
eu atendendo o meu amigo
eu atendendo o meu amigo

non hei barqueiro nen remador
morrerei fremosa no mar maior
eu atendendo o meu amigo
eu atendendo o meu amigo

nen hei barqueiro nen sei remar
e morrerei fremosa no alto mar
eu atendendo o meu amigo
eu atendendo o meu amigo

Por último, Pero Meogo foi posterior ós dous anteriores. Polo seu nome créese que de era crego e que trocou esa vida polos camiños. Debeu ser da comarca do Ribeiro, polo que o mar xa non forma parte parte dos seus versos, aínda que si os soutos, os cervos e os montes.

As cantigas de amigo, estas pequenas grandes xoias da literatura galega, resultan todo un fito en si mesmas, polo difícil acontecemento a súa conservación ata o día de hoxe. Dalgunhas incluso se conserva a música orixinal coa que os xoglares percorrían Galicia, Portugal e Castela, aínda que a súa lectura só está o alcance de eruditos.

O CEGO DE PADRENDA, O ÚLTIMO XOGLAR DO SALNÉS.

A cotío a nosa idea dos xoglares remóntase a unha imaxe da Idade Media, a aqueles poetas vagabundos que relataban historias acontecidas nos pobos veciños. Malia estar tan preto uns de outros, nada se sabía dos pobos do lado, posto que así de precarias eran as comunicacións. Có tempo, as historias destes xoglares pasaron a converterse nun xénero literario propio, aí temos pois as “cantigas de escarnio e maldicir”.

Fotografía de Francisco Zagala.

Pero máis aló da Idade Media, os xoglares pouco lles faltou para chegar case até os nosos días, perdurando ata primeiros do século XX. Un dos máis célebres foi Eugenio Padín, natural de Padrenda, no concello de Meaño. Este último xoglar foi quen de fascinar ó mesmo Castelao, quen o fixo protagonista dunha das súas ilustracións, hoxe conservada no Museo de Pontevedra.

Pero tamén se conserva unha imaxe real de Eugenio Padín, que data de 1885. É obra do fotógrafo Francisco Zagala e tamén forma parte do patrimonio do Museo de Pontevedra. Na fotografía, podemos ver ó cego de Padrenda coa súa zanfona, elemento fundamental en todas as súas actuacións, apoiado no seu bastón e acompañado polo rapaz que lle facía de guía.

Ilustración de Castelao.

Eugenio Padín causaba gran expectación por toda canta vila ou pobo ía. O seu talento e o estilo persoal das súas composicións facía que constantemente se gañara o recoñecemento popular, polo que sempre eran ducias e ducias de persoas as que se arremuiñaban ó seu redor para escoitar o relato das súas historias. No seu tempo eran moitos os que, igual que el, ían de pobo en pobo cós seus relatos cantados, sempre de propia creación. Así pois, a preservación da memoria do cego de Padrenda é tamén unha homenaxe a moitos xoglares menores.

Recentemente, o cancioneiro do cego de Padrenda foi recollido polo dúo Mini e Mero, antigos compoñentes do mítico grupo Fuxan os Ventos, logo de anos de investigación.