Non son poucas as ocasións nas que as mareas nos traen grandes sorpresas que se quedan despois na area. Nestes días, sen ir máis lonxe, o que semellaba unha enorme raia apareceu sobre os seixos da praia do Bao, baixo a ponte. Pero en realidade non se trataba do gran peixe tan aprezado nas nosas mesas, senón máis ben, dunha versión mala do mesmo.
Trátase do chamado “carneiro”, que nin se come e que aínda por riba resulta moi perigoso debido ó pico que ten na súa cola. De feito, coñecemos casos de mergulladores que foron atacados por este animal, con consecuentes enormes feridas e longos e duros procesos de recuperación.
Cando adquiren tamaños máis grandes reciben o nome de “ouxas”. Poden chegar a ser enormes, habitan nos fondos mariños e adoitan alimentarse, entre outras cousas, de ameixas, causando graves danos nos nosos bancos marisqueiros.
Neste caso, a ouxa, ou máis ben carneiro, aparecida no Bao presentaba a cola seccionada. O que puido ter pasado non entra máis que en conxeturas. Semella pouco probable que tratara de ser capturada. Quizáis un mergullador lle cortou a cola para defenderse ou quizáis tamén debido a un accidente. En todo caso, o carneiro non sobreviveu a esa circunstancia e foi empuxada pola marea ata chegar á terra.