O ALMANAQUE DA COFRADÍA: A FOTO QUE ACOMPAÑA 2016.

almanaque

Almanaque da Cofradía 2016.

Existe un dos clásicos do Nadal da Arousa que chega nesas datas para quedarse. Trátase do xa tradicional almanaque da cofadría, que durante décadas ven ilustrando as mareas e as fases da lúa con diferentes imaxes. Este ano, tal e como pasou o ano pasado, o autor da fotografía é Dani Gondar Rial. De novo trátase dunha foto nocturna, pero esta vez da ponte retratada dende a praia. A parte da beleza en si mesma, a escena está cargada de interesantes detalles, como o cartel reinvindicativo e xa clásico da Arousa, o famoso “prohido mariscar”, que contrasta coa apariencia de noite tranquila na que a elegante curva da nosa ponte traza o seu percorrido. E tampouco falta un dos habituais pescadores que asiduamente ateigan a ponte, xa que ha de ser difícil atopar o noso viaducto sen algún deles. En todo caso, unha fermosa e representativa fotografía pola cal non podemos deixar de felicitar a Dani. Unha imaxe da que non nos chegará 2016 para aburrirnos dela.

TEMPORAIS DOUTROS TEMPOS

temporais2

Temporais. Fotografía de Antonio Gil.

A fotografía que hoxe traemos até aquí é unha desas imaxes que deixa plasmada toda unha época, xa que neste caso, semella toda unha homenaxe ós anos 80. É dicir, que tampouco fai tanto tempo, relativamente, dende que foi tomada, pero as diferencias coa actualidade son notables.

Si xa nos nosos días, cando hai temporal, non deixa de sorprender ata onde chegan as ondas e todas as algas, e o que cadre, que enchen o paseo marítimo do Campo, cómo había de ser aquilo cando non existía esa protección. Pois esta fotografía, tomada no momento xusto, é o que nos conta. Primeiramente, a liña entre a rúa e a praía era realmente moi fina, ata o punto de que os aparellos de traballo como os raños case que se amoreaban na rúa.

Nin por mencioar esa ondaxe salvaxe que empurraba a praia á porta das casas, unha imaxe que pouco vai sorprender ós nosos maiores, que a meirande parte da súa vida o viron así.

E cantos son os detalles de nolstalxia que nos deixa esta foto! Por un lado, dúas son as chemineas presentes na paisaxe, testemuña dun pasado conserveiro que aínda chegaba a aqueles anos; o modelo antigo de furgoneta de traballo, aparcando e aguantando como podía as embestidas da salitre; e o  mítico cartel da “Mirinda”, hoxe desaparecido dos bares.

Un cartel que, por certo, se debía á presencia do antigo “Café Moderno”, que non debía o seu nome a un capricho, senón porque era un café como os clásicos coñecidos con ese nome, cós seus grandes ventanais e o seu aspecto elegante. O café, ó contrario do que sucede có bar actual, non se atopaba no piso de abaixo, senón no segundo. Polo tanto, había que subir por unhas escaleiras para chegar a el, supoñendo unha gran incomodidade para os pais, xa que os nenos, antes ou despois, sempre acababan por baixar a xogar á rúa.

Volvendo ó valor visual desta fotografía, non podemos deixar de felicitar ó autor, Antonio Gil. Unha das copias da imaxe orixinal está no bar Saratoga e outra no despacho da Policía Local. Xa na era dixital, non temos máis que clicar todas as veces que faga falta, e aínda así, é doado que non logremos retratar a ondaxe na súa máxima expresión. Pero iso non ocorre nesta foto, xa que nun preciso segundo é capaz de falarnos de toda unha época.

ACHÉGASE O SOLSTICIO DE INVERNO E O CELEBRAMOS EN NIÑO DE CORVO

Achégase un dos acontecementos máis especiais do ano, a cabalo entre o natural, o espiritual e o máxico. Porque o solsticio de inverno é o momento no calendario no que todo chega ó seu lóxico final para comezar axiña con novas esperanzas. Prodúcese entre o 21 e o 23 de decembro, e é aí cando o sol está nunha posición máis alonxada do Hemisferio Norte. Polo tanto, é cando menos luz recibimos en todo o ano, e a partir de aí os días son máis longos e a vida, no seu habitual ciclo, volve a ser un neno acabado de nacer con moitas e ilusionantes cousas por diante que lle han de suceder. Así chega esta tradición até nós, dende a sabedoría dos nosos antepasados Celtas, quenes celebraban unhas das súas festividades máis importantes nestas datas.

lightpainting en Niñi de Corvo, Illa de Arousa

Lightpainting en Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

Na Arousa todo o ano toda ela é un Stonehenge en si, como non podía ser doutra maneira, debido ós nosos cons, ós espectaculares conxuntos rochosos que arredor dela se erguen. Aquí, as danzas e os asubíos do vento mestúranse coas voces das pedras, e si así o fan sempre, canto máis será durante o máxico momento do solsticio.

Nocturna niño de Corvo, Illa de Arousa

Nocturna Niño de Corvo, Illa de Arousa. Imaxe: Marcos Cancelas Dozo.

Por iso desta vez imos a escoitar as pedras a un dos conxuntos máis impoñentes da nosa xeografía, en Niño de Corvo. O impresionante con, situado preto do Igafa e de camiño á praia da Area da Secada, entra no mar formando unha pequena península. E semella observar atentamente ás bateas de en fronte, e tamén ós temporais, cando se achegan lentamente polo mar. Porque Niño de Corvo, sen dúbida, é dos lugares da Arousa onde máis se poden apreciar os contrastes de luz e os espectaculares xogos de cores froito dos caprichos do ceo ou da lúa. Niño de Corvo falaranos durante este solsticio e todo aquel que queira fechar os ollos, sentir e escoitar será o que saiba todo o que ten que dicir.

FELIZ SOLSTICIO DE INVERNO DENDE QUILMA

Na Arousa as pedras falan, viven e observan. Por iso, cada ano, cando se produce o solsticio de inverno, homenaxeamos algún dos conxuntos máis característicos e impresionantes dos que dispoñemos, que non son poucos, para emular, dalgunha maneira ó Stonehenge. Comezamos o ano pasado có Con do Navío e nesta ocasión, o lugar ó que nos trasladamos foi Quilma, a ese especial monte e ó seu presunto menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Atopámolo nun lugar estratéxico. Por un lado, o muíño de auga e as praias de Carreirón en fronte. Por outro, o Areoso, na que seguramente é a perspectiva máis espectacular que se pode atopar do illote dende terra. Segundo os restos arqueolóxicos, Quilma formaría parte dunha liña que comenza cós restos funerarios do Areoso e que tería alí a súa continuación. De feito, en documentos antigos constátase a existencia do topónimo “Castro de Quilma”, algo que fai máis que probable a antiga existencia dun castro nesta zona.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Especial atención merece unha estructura de catro metros que se alza inclinado alí, o máis parecido a un menhir que podemos encontrar en moitos quilómetros á redonda. De feito, este con chamou a atención do biólogo e xeólogo arousán Juan Poza, que alertou ós expertos sobre isto. E non podía estar moi desencamiñado, pois dende un primeiro momento considerouse que era necesario someter a estudo a rocha. E é que a natureza é ben caprichosa e unha gran parte da súa obra escapa á máis grande imaxinación humana. Aínda así, demasiado perfecta e demasiado trazada semella. Claro que, polo momento, os estudos non chegaron a resultados concluínten do que para nós xa sempre será un menhir.

Punta Quilma

Punta Quilma, Illa de Arousa (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

 

O BARRIO MARIÑEIRO DE PEDRASERRADA

pedra7

lanchas (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Non hai vila ou cidade que non teña o seu propio barrio mariñeiro, coma no caso do Berbés en Vigo ou Santo Tomé en Cambados. Este último, incluso, era unha poboación propia que acabou uníndose á vila natal de Ramón Cabanillas.

pedra6

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Claro que, falar dun barrio mariñeiro na Illa de Arousa pode resultar un tanto raro, pois toda ela é mariñeira. Pero hai algo diferenciador na zona de Pedraserrada, algo que pode entroncar con outros clásicos barrios mariñeiros. Pedraserrada foi uns dos primeiros barrios da Arousa, algo que ven demostrado pola presenza de casiñas de pedra antigas, nunha concentración máis alta que no resto da Arousa. Moitas destas casas foron restauradas, pero tamén é certo que é unha zona que vive unha gran degradación, sobre todo na súa parte costeira.

pedra5

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Pedraserrada constrúese a base dun enmarañado de rúas estreitas e pedregosas, con laxes asomándose no chan e nos camiños. Fai non moitos anos eran habituais alí as tabernas, como “a de Monchita”, moi recordada entre os veciños. Unha circunstancia que reforza, e moito, a súa condición mariñeira.

pedra4

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Outro dos seus elementos diferenciadores é a presenza de piornos. Estas construcións tipicamente galegas eran, e seguen sendo, moi habituais en toda a Arousa. A principios de século dicíase que había un en cada casa. A particularidade dos de Pedraserrada é que moitos deles se atopan á beira do mar, unha circunstancia esta pola que é coñecido e admirado o fermoso pobo de Combarro, no que si se levou a cabo unha remodelación e restauración dos seus elementos arquitectónicos. Non é doado en xeral pescudar a data de construción dun piorno, pero segundo nos conta un veciño, e poñendo como referencia ó pai e ó avó, podemos dicir que no último cuarto do século XIX o piorno da súa casa xa estaba en pé.

pedra3

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

E xa achegándonos á costa, vemos unha paisaxe en Pedraserrada onde os piornos se asoman ó mar e conviven con embarcacións amarradas a uns ganchos que ateigan os cons. Ó ser zona de traballo, vemos tamén unha gran acumulación de lixo derivado dos traballos do mar. Algo que agocha en moitos aspectos a gran xoia patrimonial que existe en Pedraserrada, unha das zonas máis emblemáticas da Arousa.

pedra2

Pedra Serrada (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

pedra1

Piorno (imaxe: Marcos Cancelas Dozo)