A súa duración foi tan só dunhas cantas horas, motivo suficiente para que en moitos eidos fora considerada unha simple anécdota e desterrada dos libros de historia. Pero iso non quita o feito de que en Galicia a vindeira república que veña será xa a segunda. A súa proclamación tivo lugar o 27 de xuño de 1931, no medio dun contexto tenso e inestable.
As condicións eran favorables ó republicanismo, logo da fuxida do rei español Alfonso XIII e da instauración da II República Española o 14 de abril de 1931. Pero no referente a Galicia o descontento e a desilusión coa nova situación non tardou en aparecer.
Toda a situación se agravou coa decisión do goberno de suspender as obras do ferrocarril da nova liña Zamora-Coruña, que deixaba sen traballo a 12.000 obreiros. Comezaron a xurdir voces de intelectuais e activistas galegos, denunciando que os problemas de Galicia só se poderían resolver en Galicia. Iniciouse entón un paro no que os traballadores estiveron apoiados por comerciantes e pola pequena burguesía galega. Xa o 25 de xuño os manifestantes ocuparon o axuntamento de Ourense e proclamaron a República.
Dous días despois, en Santiago de Compostela produciuse un mítin masivo na Alameda. Entre os oradores estaba o que ía ser o presidente daquela breve República, Antón Alonso Ríos, que emigrara a Arxentina onde dirixira a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) de Casares Quiroga. Os asistentes dirixíronse despois ó Pazo de Raxoi para ocupar as dependencias municipais.
Pero o goberno central foi moi rápido nos seus movementos, e axiña reanudou as obras do ferrocarril. Este feito logrou que o movemento non se expandira polas distintas comarcas galegas e que a República fora pouco a pouco deixando de ter apoios, ata o punto de desaparecer en poucas horas. A historia da Primeira República Galega é insólita pola súa brevidade, pero responde a unha realidade social e a un descontento que non pasaron desapercibidos. Realmente se pode falar dunha simple anécdota?