HISTORIA DUNHA IMAXE: A ANTIGA PRAZA DO REGUEIRO

Porque unha imaxe vale máis ca mil palabras, e porque destas imaxes non se pode dicir que son simples fotografías. Da que falamos hoxe é un bo exemplo de todo iso. Trátase dunha imaxe, das moitas que hai, da antiga praia do Regueiro, concretamente a finais dos anos 50. Si, xuventude, antes no Regueiro había mar.

recheo2

A vida cotiá da Arousa está ateigada do pulso que a terra sempre mantivo có mar, na loita incansable dunha pequena Illa por reafirmarse e afianzarse diante do todopoderoso mar. Recheos similares ós do Regueiro, que hoxe en día fanse cunha infinidade de estudios técnicos previos e que son realizados por multitude de enxeñeiros, na Arousa fíxose de maneira espontánea. Por suposto o resultado non foi bo, sendo un terreo moi inestable e as consecuencias aínda as estamos pagando hoxe en día coa constante degradación da zona.

Simplemente, os veciños comezaron a tirar alí o lixo das casas e as fábricas facían o propio coas cunchas de mexilón. Pouco a pouco, os desperdicios que se foron depositanto alí foron cada vez máis grandes, dende colchóns ou calquera cousa que sobrara na casa ata incluso piornos. E non un ou dous. Semella que ata uns dez piornos.

Versión da imaxe nunha pintura de Ernesto Barreiro.

Versión da imaxe nunha pintura de Ernesto Barreiro.

Posteriormente, e antes de ser asfaltado, o Regueiro convertiuse nun prado no que pastaban as vacas. Si, xuventude, antes na Arousa había vacas.

Seguro que moitos de vostedes, observando a imaxe, saben que lles resulta familiar, pero igual non son capaces de situala concretamente. Para iso contamos coa inestimable axuda dos amigos de A Illa dos Carcamáns, que mediante o seu facebook nos agasallan esta comparativa, coa que non cabe dúbida algunha da ubicación.

Comparen, por exemplo, as casas frontais. As dúas botaron un piso máis para arriba, pero os seus tellados conservan a mesma forma.

Quén lle ía dicir ó rapaz que estaba sentado ó sol naquel momento na praia, que a súa presencia ía axudarnos, máis de 60 anos despois, a recuperar por un intre aquela Arousa que tanto facemos a menos. Seguramente era un día de primavera ou de verán. Un día deses nos que sae o sol logo de moito tempo. Iso é o que podemos supor ó ver unha alfombra colgando nunha casa e as ventás abertas de par en par noutra. Unh día pola mañá, e xulgando as sombras nas casas, ata nos poderíamos aventurar a dicir de cara o mediodía. Unha mañá cálida e fermosa, pero cotiá. Un pequeno intre que, pola maxia dunha imaxe, chegou no día de hoxe ata nós.

 

 

 

O LAVADOIRO DE PALMEIRA, RECANTO DUN PASADO RECENTE

Os lavadoiros son construcións típicamente galegas que foron aparecendo a comezos do século XX. Eran lugares públicos moi necesarios, en épocas nas que non existía a lavadora, que facían un pouco máis cómoda a dura actividade de lavar a roupa. Con razón as nosas avoas din que a lavadora é o mellor invento da historia. Imaxínense o enorme traballo que había de ser acarretar a roupa ó lavadoiro, fregala contra a lousa inclinada sen descanso, e levala despois de volta para a casa.

palmeira_01

Para a construción dos lavadoiros aproveitábase a existencia dunha fonte. E, na Arousa precisamente, será por fontes. Aquí coñecemos tres lavadoiros, o do Río, cuio rego foi desafortunadamente cuberto con cemento, malia o cal segue sendo un dos nosos currunchos máis especiais; o lavadoiro das Laxes, reformado polo obradorio Nordés en 2009; e o lavadoiro de Palmeira, sen dúbida, o mellor conservado.

E é que este lavadoiro é unha das pertenzas máis importantes do patrimonio arquitectónico da Arousa. Deberon de ser moitas as tardes de cantos, risas e contos, sempre entre murmurios, que nunca se sabe quén había de estar preto, que habían de ter transcorrido durante anos. Xa décadas despois, ía aparecer o mellor invento do século, que habían de amainar considerablemente as duras xornadas de traballo destas mulleres incansables.

palmeira_03

Paseniño, o lavadoiro de Palmeira foi deixando de ser frecuentada para o seu uso. Aínda ata finais da década dos 80 e principios dos 90, aínda había quen ía alí a lavar alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos. Si que tivo ata ben pouco un uso de fonte. Pois era de obriga para todos, pero sobre todo para os nenos e sobre todo no verán, desviarse un pouco do camiño acordado para parar a beber en Palmeira. Tamén eran moitos os veciños que ían esplícitamente para encher as súas botellas de auga, pois era dunha excelente calidade, sempre fresquiña, tanto no verán coma no inverno.

palmeira_02

Hoxe en día non se pode garantir nada diso, e un cartel indícanos que a auga non é potable e que non é apta para o consumo. Polo tanto, Palmeira perdeu xa toda a utilidade coa que se contaba no momento da súa construción. Claro que nin sequera o precisa, convertido xa o lavadoiro nun dos lugares máis emblemáticos e con máis encanto da Arousa, Palmeira é parte importante, como dicíamos, do noso patrimonio, con espírituo de servizo público dende os seus inicios e con visos do pasado recente escrito alí. Un deses lugares que tan escasos son e dos que tanto precisamos.

A PONTE DA ILLA DE AROUSA. ENXEÑERÍA Ó SERVIZO DUN POBO.

A historia da xestación da ponte da Illa de Arousa non deixará nunca de ser, cando menos, chamativa. A ponte requiría un proxecto demasiado ambicioso que moitos consideraban que os catro mil habitantes non o xustificaban suficientemente. Logo dunha intensa reinvindicación marcada pola movilización veciñal e a boa vontade e unidade de diversos políticos e autoridades, chegaba o 14 de setembro de 1985, día da inauguración da ponte.

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Aínda que non estivo exento de polémica, foi un día que para sempre a veciñanza lembraría de felicidade, aínda que seguro que ninguén entón podía imaxinar os cambios que por el chegarían á Arousa. Así, os arousáns tiveron que comprobar, case con impotencia, cómo a Illa se enchía de coches e cómo os turistas ateigaban as súas praias, que frecuentemente non coidaban.

Pasado aquel primeiro periodo de adaptación, ninguén pode negar os favorables efectos que a ponte truxo á Illa, que se abriu ó turismo e ofreceu novas posibilidades e facilidades de estudos e traballo para os seus habitantes. E iso sen contar coa razón máis importante que fixo que a Illa mellorara: a saúde, porque o mar deixaba de ser un obstáculo para as urxencias médicas.

A ponte foi construida pola empresa Ferrovial Agroman. Con motivo do seu 25 aniversario, o enxeñeiro xefe da obra, Santiago Pérez-Fadón Martínez, contaba algúns “secretos” sobre a súa realización. Así, soubemos que a ponte foi unha obra pioneira xa que se fixo mediante un taboleiro continuo, sen utilizar máis xuntas de dilatación que as dos extremos. Daquela, o normal era que este tipo de infraestructuras levasen xuntas de dilatación cada 200 metros. Hoxe en día, o uso do taboleiro continuo é maneira máis frecuente de acometer estas obras, aínda que seguro que axudado polo bo resultado obtido na ponte da Arousa.

Pérez-Fadón tamén rebelaba que a forma curva da ponte non responde a ningunha casualidade. A curva da ponte, convertida hoxe nunha das súas grandes señas de identidade, é debida ó aproveitamento de zonas de menor calado e de evitar zonas de ata 15 metros de profundidade, que dificultarían enormemente a obra.

A ponte foi sometida recentemente a unha reforma, obra que foi levada a cabo pola UTE (unión temporal de empresas) Dragados e Fergo Galicia. Durante a reforma foron arranxados elementos que estaban deteriorados, ademáis de incorporar un carril bici. O obxectivo é que a ponte sexa considerado, ademáis dun lugar de tránsito, un lugar para o lecer.

O TERREMOTO QUE DEVASTOU LISBOA EN 1755.

O 1 de novembro de 1755 amencía en Lisboa un día tranquilo e normal. Era o día de Todos os Santos e, xa dende moi cedo, as igrexas estaban ateigadas de xente e os principais focos de actividade comezaran xa o seu funcionamento. Nada axudaba a presaxiar que pouco despois, ó redor das nove e media da mañá, tería lugar un dos maiores terremotos rexistrados da Historia, cunha magnitude de 8,6 na escala Richter.

As testemuñas da época relataron cómo o chan se abría ós seus pes. O tremor abrira grandes fendas nos edificios ata ter lugar o seu derrubamento, incluidas as igrexas, sendo a trampa mortal de milleiros de fieis que estaban alí por mor da festividade de Todos os Santos. Os derrubamentos provocaron, á súa vez, a propagación dun enorme incendio, causado por velas entre outras cousas, que devorou obras de arte e arquivos históricos.

Lisboa estaba sumida nunha incipiente fin do mundo. Foron moitos os que correron a refuxiarse á praia. Alí viron asombrados cómo a marea baixaba de súpeto, sorprendendo ós peixes e deixando varados os barcos na area. Entón, unha enorme e mortal onda de 20 metros de altura precipitouse sobre eles, chegando a penetrar no centro da cidade. Diversos tsunamis de diferente intensidade fóronse reproducindo ata ben entrada a tarde. Foron demasiadas e excepcionais feitos fatais. En cuestión de horas, Lisboa estaba completamente derruida.

Os feitos commocionaron ó resto de Europa. A cidade estaba totalmente devastada e perdera a unha terceira parte da súa poboación. Entrou entón en xogo a capacidade de reacción do primeiro ministro, o marqués de Pombal. Organizou á xente para enterrar ós mortos e, xa dende ese día, entrou en conversas con varios arquitectos para reconstruir a cidade, para o que utilizarían o investimento económico do ouro das colonias brasileiras. Só un ano despois, Lisboa alzábase de novo, e, aínda que non volveu a ser a mesma, a súa Historia comezou outra vez.

GOLDEN GATE: 75 ANOS CONTEMPLAN A ENXEÑERÍA MODERNA.

O pasado 27 de maio, o Golden Gate de San Francisco conmemoraba o 75 aniversario da súa apertura á circulación, algo que a cidade californiana celebrou en medio de grandes fogos de artificio.

O Golden Gate comezou a construirse en 1933 e rematouse en abril de 1937, baixo as ordes do enxeñeiro xefe Joseph Strauss. Dende o seu primeiro deseño, a ponte levaba impreso grandes pretensións de innovación: a cor alaranxada, a armónica elegancia e por ser a ponte colgante máis longa (2,7 quilómetros) da época.

Cada ano a ponte é visitada por millóns de persoas, que acoden alí expresamente para vela, polo que, á súa función de lugar de paso, úneselle a de monumento de interese turístico.

Aínda que supervivente de terremotos, o Golden Gate tivo que ser cerrado tres veces nestes 75 anos por mor de fortes ventos. Ten tamén a dubidosa honra de ser o lugar que máis adoitan escoller os suicidas para quitarse a vida, dos que se contan xa máis de 1400. Pero tamén é un recurrente escenario de cine  e todo un emblema para a súa cidade.

A continuación, deixámoslles con imaxes da construción desta obra de arte da enxeñería moderna.