Semellaba que non ía ser unha noite tranquila meteorolóxicamente falando para a noite do 23 de xuño, xa que tanto partes televisivos como aplicacións de móviles auguraban unha noite de chuvia e tronada. Pero nada diso pasou, e noite de San Xoán de 2014 convertiuse nunha noite excepcional para churrascadas e sardiñadas. Iso si, coa debida precaución de manter a leña a salvo das choivas da tarde.
Non é de estrañar. Cunha orixe celta, esta festa sobreviveu a numerosos obstáculos durante milenios e incluso a día de hoxe, ás veces non resulta doada a súa celebración. Sen ir máis lonxe, este ano caeu un luns e ó día seguinte trabállase, coma un día normal. Pero todo iso non impediu a presenza das costumes e tradicións do San Xoán en tódalas casas.

(imaxe: Marcos Cancelas Dozo)
Xa polas 8 da tarde, comezaba a verse o primeiro fume nas paisaxes da Arousa. E, cómo non podía ser menos, ese fume foi a máis a medida que pasaban as horas, ata que unha enorme fumareda cubría a Arousa por zonas. Non debeu ser pequena a sorpresa que se había de levar algún despistado que chegara entón á Arousa e non lembrase a data na que estábamos.
Por tratarse do comezo da semana, en moitas casas optouse por cenas familiares con churrasco e sardiñas, ou máis churrasco e non tantas sardiñas, debido ó prezo e escaseza destas nestas datas. Iso si, sempre con algunha fogueira, aínda que sexa improvisada, que nunca está de máis espanta-las meigas e queimar todo de canto negativo houbo no ano.
A xente nova, pola súa parte, ateiga as praias. A maioría deles, cós compromisos académicos xa solventados e sin traballos ante os que responder ó día seguinte, poden vivir unha das festas das que, de seguro, máis bos recordos terán cando sexan adultos.

Outra das alternativas da noite foi a dos bares, como no caso do Con do Moucho, un pouco máis só este ano, ante o recente peche do Baka. Cun gran ambiente nunha noite ideal para estar na terraza, o Con do Moucho ofreceu unhas tapas de luxo: xureliños e criollos. Tampouco faltou a fogueira nin tampouco, coma sempre, a boa compañía.
Ó día seguinte, é imprescindible lava-la cara coa auga de San Xoán, de receita libre en cada casa, pero que debe pasar a noite ó rocío. Así se comenza unha nova época, con novas enerxías e ánimos renovados. Así foi o San Xoán 2014 na Illa de Arousa. O vran queda oficialmente inaugurado.
Gústame esto:
Gústame Cargando...