O MAPA DA ILLA DA GUERRA DA INDEPENDENCIA. RETRATO DA AROUSA DE 1811

Son nas grandes contendas onde se desenvolven con maior rapidez a ciencia e a tecnoloxía. De feito, hai quen asegura que tanto os mapas como os GPS non terían existido se non fose por motivos bélicos. E iso mesmo sucedeu na Guerra da Independencia, o acontecemento que dou lugar á aparición dos “carcamáns”. Durante a Guerra, na que os exércitos español e inglés se uniron para derrotar ós franceses, tivo lugar unha enorme proliferación de mapas, gracias á creación do “Corpo do Estado Maior”, que impulsou unha maior planificacion estratéxica. A Illa tivo tamén un papel importante nestes episodios, pois dende a Illa levouse a cabo unha resistencia que subministraba por mar comida, roupa e armas ós combatentes en Vigo.

Con motivo do bicentenario da contenda, o Ministerio de Defensa ven de publicar unha recopilación de documentos relacionados coa Guerra da Indepencia, e pertencentes ós tres exércitos implicados. Entre eles, unha morea de mapas, entre os que se atopa un específico da Illa de Arousa, toda unha xoia en formato dixital, á disposición de todos.

Mapa da Arousa de 1811

Mapa da Arousa de 1811

O mapa leva o nome de “Memoria topográfica militar de Ysla de Arosa”, e o seu autor é o Tenente Coronel de Enxeñeiros Manuel de Otermin, con data do 6 de agosto de 1811. O mapa que vemos na imaxe é unha copia realizada por Luís Ibáñez de la Rentería, en 1822. Aínda que o seu valor cartográfico é escaso, ten un valor histórico incalculable, pois é o máis parecido a unha fotografía que poderiamos ter da Arousa daquela época, ademáis da gran axuda informativa que nos ofrece a lenda do mapa.

No mapa saen destacados os principais accidentes xeográficos da Illa, o que desvela unha toponimia que xa existía dous séculos atrás: Niño de Corvo, Punta Barbafeita, o Campelo,… A lenda tamén nos informa da existencia de 115 casas, nas que se reparten os 400 habitantes que se estima que tiña a Arouna naquela época, todas concentradas na parte máis estreita da Illa. A lenda conta tamén a existencia de cultivos de trigo, cebada e millo, así como viñas e piñeiros de escasa altura. Aparece tamén un muíño, sen especificar se é de vento ou de mareas, aínda que nos apostamos por este último, tanto pola antiguedade como pola súa ubicación.

Detalle da lenda.

Detalle da lenda.

Como non podía ser de outro xeito, no mapa tamén se situan fontes, elementos caracterísiticos e abundantes na Arousa, indicando que son “de boa auga”. Tamén aparecen promotoiros de area, moitos dos cales de seguro foron no futuro aproveitados para que a Illa lle gañase terreo ó mar, así como praias das que se destaca que continuamente atracan embarcacións chegadas de todas partes.

E así é como pouco a pouco se vai configurando o retrato daquela Illa que a piques estaba de converterse en carcamana, un retrato no que, de seguro, todos repararemos en algo diferente. Era unha Arousa moi distinta á que agora coñecemos, cunha enorme cantidade de terreo virxe e moi pouco habitada, pero que se gañou un espazo na Historia por moitos motivos, un deles, o seu papel na Guerra da Independencia.

A FERVENZA DO TOXA

RÍAS BAIXAS: CAUSAS E EFECTOS DO PERFIL DE GALICIA.

Galicia mira ó mar. E faino mediante eses saíntes recortados que penetran no Atlántico, que coñecemos como rías. As rías conforman a silueta máis recoñecible e característica do contorno de Galicia, unha silueta que se complica a medida que se avanza cara o sur, e que chamamos “Rías Baixas”.

De feito, as Rías Baixas supoñen un conxunto moi específico e non sempre é doado atopar estructuras semellantes noutras costas. Quizáis, e salvando as distancias, poderían ser semellantes ós fiordos escandinavos. Neste caso, case todos os investigadores coinciden en sinalar que a causa da súa formación foron os enormes glaciares, que erosionaron o que en principio foron vales que posteriormente foron cubertos polo mar.

A formación das Rías Baixas, en cambio, non está tan clara. Comenzan no Monte Louro, na Ría de Muros e Noia e rematan no estuario do Miño. Cara occidente, chegan ata a Depresión Meridiana. En principio e case que por lóxica, poderíase pensar que son debidas ós seus ríos. Pero nin Tambre, Ulla e Umia, Lérez e Oitavén e Verdugo (ríos das rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, respectivamente) teñen a suficiente forza e entidade para formar tales estructuras, aínda que si contribuiron.

As Rías Baixas foron, ante todo, causadas por unha tectónica particular. Durante a Era Cuaternaria, todo o territorio galego estaba cuberto de xeo. Os ríos de xeo encaixáronse na litoloxía e formaron fracturas. Iso, xunto có xogo de levantamentos e afundimentos do terreo causados polos movementos tectónicos deron lugar a esas formas caprichosas.

Aparte desas insólitas siluetas que son o punto de atención en calquera mapa, as Rías Baixas conforman tamén espacios abrigados, protexidos das rigurosidades do océano, que os converten, xunto con outros factores, nuns espacios óptimos para o desenvolvemento da riqueza tanto vexetal como animal, así como un espacio inmellorable para o asentamento da vida humana.

A AMEAZA DA SECA.

Galicia é unha das rexións máis chuviosas de Europa Occidental. Recibe unha media de 1.800 mm de auga ó ano, unha moi boa cantidade, polo que non é doado explicarse porqué cada ano ten perigo de sufrir seca. A razón está en que as precipitacións en Galicia son abondosas, pero de maneira estacional. É dicir, hai meses nos que chove moito, en inverno, e meses nos que non chove nada, en verán.

Por outra parte, en gran parte do territorio galego, como nas Rías Baixas, os solos son porosos, polo que toda a auga se infiltra e se absorbe rapidamente. Así pois, esa imaxe estereotipada da Galicia chuviosa e encharcada tradúcese no verán en solos secos e quebrados.

A situación, polo tanto, agrávase cando os invernos son secos, como ocorre na actualidade. Aínda que se diga que este é o inverno máis seco en anos ou en décadas, non debemos tomalo como algo relevante, senón como unha anécdota. Lembremos que só existen rexistros meteorolóxicos tomados con rigurosidade científica dende os anos setenta. Trátase dun periodo de tempo demasiado curto como para que teñan lugar marcas de importancia. Malia todo, non cabe dúbida de que a situación non é, nin moito menos, boa.

A escaseza de auga é un problema ó que poucas solucións  ofrece o mundo da ciencia e da tecnoloxía. Aínda hoxe en día, a auga por si soa condiciona boa parte da vida económica, por exemplo, na gran dependencia da chuvia en canto determinados cultivos se estraguen ou non.

Dende os anos 50 popularizouse a construción de encoros. Os encoros solucionaron moitos problemas de abastecemento, aínda que a costa do gran sacrificio dos nosos ríos, que sufriron enormes deterioros. A auga, en todo caso, é un ben escaso que cómpre utilizar con intelixencia.

Polo momento, aínda queda un mes de inverno. Ou no seu defecto, confiemos nunha primavera chuviosa. E é que todo semella indicar que por moito que avance o progreso, sempre imos depender da natureza e que sempre imos ter que mirar ó ceo. Pode que iso sexa sempre o que condicione a nosa dipoñibilidade de auga.

AS CAUSAS DA RIQUEZA DAS RÍAS BAIXAS: O PROCESO DE AFLORAMENTO

O afloramento mariño é un proceso mediante o cal as augas superficiais son substituidas polas augas profundas. Estas augas profundas son máis ricas en sales nutrientes (fundamentais para o ciclo alimenticio das especies) que as superficiais, polo que son vitais para a concentración de vida natural, para a existencia dunha complexa cadea trófica e para a vida de abundantes especies que fagan sustentable actividades económicas como a pesca e o marisqueo.

O afloramento é debido ó Efecto Coriolis, que ven sendo unha desviación das correntes mariñas debidas ó movemento de rotación da Terra. Así, as augas profundas ascenden á superficie. Son augas frías e con elevadas doses de nutrientes. Pouco a pouco van aumentando as súas temperaturas, ó tempo que se vai restablecendo o equilibrio das masas mariñas.

O vento xoga un papel excepcional no proceso de afloramento costeiro, debido ó seu poder de arrastre das capas superficiais e profundas. Este proceso ten lugar no verán, principalmente no mes de agosto, cando as aguas afloradas se introducen no interior das rías. Por este motivo a temperatura da auga do mar descende no mes de agosto.