Os baluros foron unha raza maldita xa extinta. Pedían esmola para axudar ós peregrinos pobres que visitaban a tumba do Apóstolo Santiago. Pero, en realidade, roubaban todo o que acadaban có único obxectivo de face-lo mal mediante as artes máxicas máis malignas e perigosas. Perseguidos e rexeitados en tódalas vilas ás que acudían, non lles quedou máis que vagar polos montes e refuxiarse na primeira cova que atopaban. Hoxe, pouco queda deles, agás a Balura, a súa única supervivente. De aspecto terrible, ten unha figura extremadamente encurvada, como se sobre ela levara o peso de séculos e séculos de penosa peregrinación. Din que vive na Terra Chá luguesa, onde sorprende ós veciños con tan desagradable visión. Leva roupas mouras e roídas, un gorro de ala ancha e un rudimentario bastón. De pel engurrada e enorme nariz, os seus ollos semellan sempre inxectados en sangue. Nin que dicir ten: cando vexas que te vas cruzar con Balura, cambia axiña de dirección porque de enfrontarse con ela, seguramente terá un resultado fatal.