O tempo que Valle-Inclán viviu en Cambados non é o máis longo, nin o máis coñecido, nin o máis relatado na súa obra. Pero, de seguro, foi unha das épocas que máis marca deixarían no xenial autor. En Cambados, Valle-Inclán levou unha vida familiar, xunto coa súa dona, a actriz Josefina Blanco, e os seus catro fillos. Era unha vida agrícola e campestre, movida quizais polo seu espírito bohemio, e que compaxinaba coa realización dos seus escritos. Alí quedaron para sempre, no cemiterio de Santa Mariña de Dozo, as tumbas do seu fillo Joaquín María, nado en 1914 e que só viviría uns meses, e de Josefina Blanco. Santa Mariña, ou as ruínas dun antigo templo gótico do século XV, é hoxe en día un fermoso cemiterio, cunha suceción de arcos, convertidos xa en todo un símbolo. Un lugar ateigado tanto de beleza coma de misterio, onde parte da memoria do autor de “Luces de Bohemia” descansa en paz.