En tempos de crise, as voces do ecoloxismo semellan apagarse, á vez que as voces da economía falan cada vez máis alto. E é que, cando a necesidade apreta, custa máis entender que as dúas disciplinas van collidas da man, aínda que coa enorme dificultade de atopar o punto de encontro entre ambas. Un dos grandes exemplos é a fábrica de Ence, en Pontevedra. Sempre de actualidade e sempre polémica, aínda que relevada da primeira plana informativa, Ence sobrevive a protestas, manifestacións e cambios de goberno, aínda que o seu futuro segue a ser incerto.

En Lourizán, en plena Ría de Pontevedra, érguese a fábrica de celulosas de Ence. Sempre en constante actividade, de noite convértese nunha gran mole de cores, có mesmo trafego de ruidos e movementos que en pleno día. (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

A lenda urbana di que a fábrica aproveita a noite e os días nubosos para emitir máis fumes. O que non pode disimular son os cheiros que inundan as inmediacións da fábrica, e que con certas direcións de vento chegan a cubrir toda a cidade de Pontevedra. O conselleiro delegado de Ence acaba de asegurar que o problema dos cheiros pode estar solucionado en 2014. (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Nos arredores da fábrica hai extensas zonas de seca moi ricas para o marisqueo. Sen dúbida este é un dos sectores máis castigados e dos que pagaron un máis alto prezo dende que a fábrica se instalou na Ría. (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)

Nun país como Galicia, onde escasea a industria e que posúe unha tan alta potencialidade madereira, custa rexeitar unha fábrica que da lugar a máis de 800 empregos directos e 4000 indirectos.

Recentemente, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), á que pertence a Asociación Pola Defensa da Ría, esixiron a retidada do selo FSC (Forest Stewardship Council), que garante a explotación sostible do Grupo Ence. Os ecoloxistas aseguran que o monocultivo do eucalipto non cumpre os requerimentos para ser sostible.

Fai anos semellaban evidentes os esforzos de Ence por manter contentos ós seus traballadores, con bos soldos e excelentes condicións. Pero nos últimos tempos, as protestas e as concentracións dos traballadores son constantes. (Imaxe Marcos Cancelas Dozo)

A fábrica leva a cabo constantes procesos de mecanización, o que da lugar a que se prescinda de moitos postos de traballo. Outros empregados son recolocados noutras tarefas, aínda que non sexan a súa especialidade. Desta maneira debilítase a gran defensa de Ence: a creación de emprego. (Imaxe: Marcos Cancelas Dozo)
para reflexionar