Sen dúbida, o acontecemento que impulsou a Barcelona cara a cidade que hoxe coñecemos foi a Exposición Universal de 1888. Ese evento dou lugar a toda unha transformación urbanística e escultórica, incluso maior que a producida nos Xogos Olímpicos de 1992. Foi a época na que aparecen a Estatua de Colón, a Praza de Cataluña e o Arco do Triunfo, entre outros elementos, hoxe convertidos en auténticos símbolos da cidade. Supuxo tamén a apertura de Barcelona ó exterior, aproveitando por primeira vez todas as súas potencialidades cosmopolitas.
O que moi pouca xente sabía, sobre todo até fai pouco, é que o visionario impulsor deste proxecto era galego. Eugenio Serrano de Casanova naceu na vila ferrolá de Neda, en 1841. Durante un tempo exerce como militar carlista, ata que se traslada a París e traballa como xornalista e escritor. Participa en diversas exposicións europeas de formas moi diferentes, ata que vai xestando a idea de facer unha exposición universal en Barcelona.
O proxecto nace como unha iniciativa privada, polo que tiña que ser rendible. Serrano consegue un convenio có axuntamento, polo cal a exposición tería lugar no Parque da Ciutadella e a súa entrada sería o Arco de Triunfo. O alcalde de Barcelona daquel entón, Francesc Rius i Taulet non tarda en decatarse da envergadura daquel acontecemento. Cada vez sube máis o presuposto, ata que se fai inasumible para Serrano de Casanova, que se ve na obriga de abandonar o proxecto. Cando isto sucede, a maior parte da infraestructura xa está montada. Aínda así, a figura do ex militar galego cae no esquecemento e o alcalde Rius i Taulet acapara todos os méritos da Exposición, que acabará sendo todo un éxito. Cando falece Serrano de Casanova, en 1920, é enterrado nunha fosa común en Montjuic.
Fai agora arredor de dous anos, a publicación de diversos libros e biografías fixo que o seu nome saíra á luz. Nun intento de subsanar dalgunha maneira a inxustiza histórica, Barcelona quere recoñecer agora a aportación deste visionario na súa conversión na “cidade dos prodixios”.
interesante