ALÉN ROCK 97. A AROUSA SULAGADA.

No verán de 1997 tivo lugar na Illa de Arousa un fito, porqué non dicir histórico, para a xuventude, e non tan xuventude, tanto da Arousa coma dos seus arredores. Tratábase da celebración dun festival de rock á maneira do Festimad e de Benicassim, daquela aínda emerxentes, pero á beira da casa.

O proxecto xurdía dos propietarios do Alén, en Cambados, pub sempre lembrado e de referencia, e que marcou unha época por si solo. O Alén tiña un serio compromiso cós grupos locais, ós que sempre apoiou e ós que sempre lles ofreceu un escenario no que actuar e darse a coñecer. O Alén Rock supuña un avance neste compromiso, iso si, dando un paso de xigante.

Os vigueses "Killer Barbies", entre os grupos que actuaron no Alén Rock.

Os días previos á celebración do festival, comezaron a chegar á Arousa xente nova dende diferentes puntos de Galicia e España. “Heavies“, “hippies“, “punkies” e xente inclasificable ateigaron tendas e bares. Non había quen volvera á casa sen unha anécdota que contar sucedida con algún destes visitantes.

Durante tres días actuaron 80 grupos repartidos en tres escenarios instalados no campo de fútbol da Bouza. Entre os cabezas de cartel atopábanse Los Enemigos, Reincidentes, La Marabunta, Killer Barbies e Dover, estes últimos xusto antes da súa explosión de éxito a nivel nacional.

Proximidades da Bouza, onde se instalaban as tendas.

Gran parte da xuventude nativa actuou como voluntaria, efectuando unha gran labor, sen a cal sería imposible que o festival se levara a cabo. Pero unha importante porcentaxe optou por ser un asistente máis, nalgúns casos incluso instalando as súas propias tendas nos lugares habilitados, que eran auténticamente privilexiados por ter, por un lado os escenarios, e por outro a praia da Area da Secada. Iso si, eles tiñan a nada insignificante opción de poder ir a durmir e a ducharse á comodidade do fogar.

A xente que vivía nas casas máis próximas de camiño á Bouza, adoitaba atoparse coa sorpresa dun estraño durmindo no seu portal. Houbo quen ata lles puxo unha manta por riba e lles ofreceu café, para facerlles máis levadeira a resaca. E é que iso da hospitalidade arousana non é ningunha lenda urbana.

Pero o Alén Rock non se librou de notas negativas. Xa durante a primeira noite, ben entrada a madrugada, un grupo de persoas logrou romper as barreiras de arame e acceder ó recinto sen pagar a entrada, o cal non beneficiou en nada ós problemas de rendibilidade que saldrían á luz unha vez rematado o festival.

O Alén Rock foi un éxito social pero un fracaso económico, o cal impediu a súa continuidade, aínda que se chegou a celebrar unha segunda edición. Foi unha exaltación de música e de xuventude. Un acontecemento no que puido participar todo o mundo e que brindou un privilexio único a todos os que o viviron, algo só comparable ó Arousa Folk de 1976. Así pois, como tódalas xeracións teñen o seu dereito, confiamos en que as vindeiras teñan a oportunidade de vivir algo semellante. Agardamos pacientemente.


7 respostas a “ALÉN ROCK 97. A AROUSA SULAGADA.

  1. Si non me lembro mal Faber ten a razón.Tocara S.A o ano que foi toda a marabunta,e recordo de entrar a toda ostia mentras chovían as pedradas daqueles que querían pasar sen pagar un can.Metinme nos baños prefabricados e sentíanse as pedradas.Ata que escampou non salín de alí.Non sei se tocara Fermin Muguruza ou Senser tamén…

  2. Mïtico festival si señor!!

    Contaba eu con 18 anos e na miña vida estivera nun evento de semellantes características. Alí estaban todos os grupos os cales idolatrábamos e que, por primeira vez, podíamos ver en direito (magoa de S.A.)

    Como anécdota sempre lembrarei que, pouco despois de que unha abella lle picara a un amigo a primeiras horas da mañá, fun a unha das barras a pedir xeo e mo negaron, 5 segundos despois de darme a volta escoitei un forte ruido procedente da carpa da barra e vin como o vento a medio desmoronou mentres o camareiro dicia: “Que mala hostia meu, se o sei douche o xeo…”. O karma funcionou.

  3. interesante a crónica, pero permitídime que aclare unha cuestión.
    O da invasión da xente que se colou, foi na segunda edición, ano 98, a eso das 4 da mañán, estando a piques de acabar os grupos e a piques de empezar os DJ´s.
    Foi por iso, que se chegou a conclusión por parte das forzas de seguridade, organización e o máximo responsable do evento (un servidor) para deixalos pasar e non engadar a un posible conflicto (que porsuposto se estaba preparado para poder afrontalo)
    UN SAUDO

  4. Tiñase que volver a celebrar, naquel momento eu so tiña 10 anos, e por suposto non podía ir. O que si recordo, e que un domingo paseando con meus avos, preguntaronlle o segurata si podían entrar a mirar, e él moi amable deixounos pasar. Foi o máis emocionante que fixera ata aquel momento.

  5. Eu fun á edición do 98. Teño a esperanza de que algunha promotora se anime a retomar a idea, desde logo o entorno da para un festival de 1ª división.

Deixar un comentario