Os lavadoiros son construcións típicamente galegas que foron aparecendo a comezos do século XX. Eran lugares públicos moi necesarios, en épocas nas que non existía a lavadora, que facían un pouco máis cómoda a dura actividade de lavar a roupa. Con razón as nosas avoas din que a lavadora é o mellor invento da historia. Imaxínense o enorme traballo que había de ser acarretar a roupa ó lavadoiro, fregala contra a lousa inclinada sen descanso, e levala despois de volta para a casa.
Para a construción dos lavadoiros aproveitábase a existencia dunha fonte. E, na Arousa precisamente, será por fontes. Aquí coñecemos tres lavadoiros, o do Río, cuio rego foi desafortunadamente cuberto con cemento, malia o cal segue sendo un dos nosos currunchos máis especiais; o lavadoiro das Laxes, reformado polo obradorio Nordés en 2009; e o lavadoiro de Palmeira, sen dúbida, o mellor conservado.
E é que este lavadoiro é unha das pertenzas máis importantes do patrimonio arquitectónico da Arousa. Deberon de ser moitas as tardes de cantos, risas e contos, sempre entre murmurios, que nunca se sabe quén había de estar preto, que habían de ter transcorrido durante anos. Xa décadas despois, ía aparecer o mellor invento do século, que habían de amainar considerablemente as duras xornadas de traballo destas mulleres incansables.
Paseniño, o lavadoiro de Palmeira foi deixando de ser frecuentada para o seu uso. Aínda ata finais da década dos 80 e principios dos 90, aínda había quen ía alí a lavar alfombras e outros obxetos igualmente aparatosos. Si que tivo ata ben pouco un uso de fonte. Pois era de obriga para todos, pero sobre todo para os nenos e sobre todo no verán, desviarse un pouco do camiño acordado para parar a beber en Palmeira. Tamén eran moitos os veciños que ían esplícitamente para encher as súas botellas de auga, pois era dunha excelente calidade, sempre fresquiña, tanto no verán coma no inverno.
Hoxe en día non se pode garantir nada diso, e un cartel indícanos que a auga non é potable e que non é apta para o consumo. Polo tanto, Palmeira perdeu xa toda a utilidade coa que se contaba no momento da súa construción. Claro que nin sequera o precisa, convertido xa o lavadoiro nun dos lugares máis emblemáticos e con máis encanto da Arousa, Palmeira é parte importante, como dicíamos, do noso patrimonio, con espírituo de servizo público dende os seus inicios e con visos do pasado recente escrito alí. Un deses lugares que tan escasos son e dos que tanto precisamos.
hai mais lavadoiros, o do Charco, onda a fábrica de Alipio, o da Abilleira có seu pozo,