A historia da xestación da ponte da Illa de Arousa non deixará nunca de ser, cando menos, chamativa. A ponte requiría un proxecto demasiado ambicioso que moitos consideraban que os catro mil habitantes non o xustificaban suficientemente. Logo dunha intensa reinvindicación marcada pola movilización veciñal e a boa vontade e unidade de diversos políticos e autoridades, chegaba o 14 de setembro de 1985, día da inauguración da ponte.
Aínda que non estivo exento de polémica, foi un día que para sempre a veciñanza lembraría de felicidade, aínda que seguro que ninguén entón podía imaxinar os cambios que por el chegarían á Arousa. Así, os arousáns tiveron que comprobar, case con impotencia, cómo a Illa se enchía de coches e cómo os turistas ateigaban as súas praias, que frecuentemente non coidaban.
Pasado aquel primeiro periodo de adaptación, ninguén pode negar os favorables efectos que a ponte truxo á Illa, que se abriu ó turismo e ofreceu novas posibilidades e facilidades de estudos e traballo para os seus habitantes. E iso sen contar coa razón máis importante que fixo que a Illa mellorara: a saúde, porque o mar deixaba de ser un obstáculo para as urxencias médicas.
A ponte foi construida pola empresa Ferrovial Agroman. Con motivo do seu 25 aniversario, o enxeñeiro xefe da obra, Santiago Pérez-Fadón Martínez, contaba algúns “secretos” sobre a súa realización. Así, soubemos que a ponte foi unha obra pioneira xa que se fixo mediante un taboleiro continuo, sen utilizar máis xuntas de dilatación que as dos extremos. Daquela, o normal era que este tipo de infraestructuras levasen xuntas de dilatación cada 200 metros. Hoxe en día, o uso do taboleiro continuo é maneira máis frecuente de acometer estas obras, aínda que seguro que axudado polo bo resultado obtido na ponte da Arousa.
Pérez-Fadón tamén rebelaba que a forma curva da ponte non responde a ningunha casualidade. A curva da ponte, convertida hoxe nunha das súas grandes señas de identidade, é debida ó aproveitamento de zonas de menor calado e de evitar zonas de ata 15 metros de profundidade, que dificultarían enormemente a obra.
A ponte foi sometida recentemente a unha reforma, obra que foi levada a cabo pola UTE (unión temporal de empresas) Dragados e Fergo Galicia. Durante a reforma foron arranxados elementos que estaban deteriorados, ademáis de incorporar un carril bici. O obxectivo é que a ponte sexa considerado, ademáis dun lugar de tránsito, un lugar para o lecer.
Contra a construción da ponte estaba Alianza Popular de Fraga. Para os demais estaba xustificada, para proba a propia ponte.