UN LUGAR ONDE SEGUE SENDO 1982

la-foto-1

Pasa desapercibido, pois a súa imaxe forma xa parte da rúa na que está. Pero esa ventá segue contando unha historia que pensabamos que ficara rematada en 1982. Trátase dun anuncio dun coñecido refresco de cola, de seguro, unha edición especial para o maior evento celebrado en España na súa recente Transición, o Mundial de Fútbol. Alí non falta, non podía ser doutra forma, o entrañable e querido personaxe de “Naranjito”, acompañando o logotipo do acontecemento e o eslogan escollido pola marca: “la sonrisa del Mundial”. Xa adiviñaron onde está esta pegatina con case 35 anos ás súas costas? Efectivamente, é unha ventá da Sala Capitol que da coa antiga Libraría Rúa, na concorrida Rúa do Con do Moucho. Seguramente a súa presencia está vencellada ó antigo cine Capitol, no se que se servían bebidas e lambetadas. Como se adoita dicir, 35 anos non son nada, polo menos a xulgar polo bo estado do anuncio, que case nin perdeu a súa cor vermella. Seguro que o optimismo dese sorriso fai que vaia a por outros 35 anos máis, polo menos.

A LONTRA DO CHUFRE: A REALIDADE DA LENDA URBANA

Pode que algún día, si se atopan no peirao do Chufre nunha tranquila noite, se lles dea por observar o mar hipnótico e se sorprendan cós saltos dos muxes, mentres ó fondo se escoita un guindastre sacando mexillón para a fábrica. Pode que entón, non sería vostede o primeiro, pode que aviste algo que polas súas dimensións non debería estar alí. Pode que lle lembre a un crocodilo, pola súa cabeza e pescozo alongados aparecendo na superficie. Pero despois, a lontra mostrará a súa cola arqueada e entón seguramente nos recorde máis a un pequeno dinosaurio.

chufre

Imaxe: Marcos Cancelas Dozo

Non é pouco o tempo que se leva falando da existencia destes animais mamíferos en diversas zonas de Arousa, pero en concreto no Chufre, os avistamentos aumentan considerablemente. Xa fai moitos anos que se leva falando da súa presencia alí. De feito, un día do Carme pola noite, a lontra fixo acto de presencia quitándolle todo o protagonismo ós fogos de artificio que despedían as nosas festas do vran. E xa non se trata só dunha lontra solitaria, senón tamén de pequenas crías ás que viron nadando tranquilamente onde antes tamén o facía a súa nai.

nutria1

Este é o aspecto da lontra que vive no Chufre. http://www.wikifauna.com

As lontras prefiren os ambientes marítimos e ata poden permanecer mergullados seis minutos. A súa dura pel fai que lles sexa doado soportar baixas temperaturas, polo que lles resulta posible esta maneira de vida. A súa presenza no Chufre, polo xa dito, non semella accidental de ninguna maneira, é máis, foi avistada tamén en outras zonas da Arousa, entre outras Carreirón.

Seguramente sexa máis fácil vela do que se supón nun principio, polo que lles pedimos, que seguro que non fará falta, que sexan uns bos anfitrións e sexan respectuosos con este espectacular animal. Iso si, cando lles toque vela, non fagan coma nos e, por favor, consigan a foto.

 

 

 

 

UNHA OUXA VARADA NO BAO

Non son poucas as ocasións nas que as mareas nos traen grandes sorpresas que se quedan despois na area. Nestes días, sen ir máis lonxe, o que semellaba unha enorme raia apareceu sobre os seixos da praia do Bao, baixo a ponte. Pero en realidade non se trataba do gran peixe tan aprezado nas nosas mesas, senón máis ben, dunha versión mala do mesmo.

ouxa1

Trátase do chamado “carneiro”, que nin se come e que aínda por riba resulta moi perigoso debido ó pico que ten na súa cola. De feito, coñecemos casos de mergulladores que foron atacados por este animal, con consecuentes enormes feridas e longos e duros procesos de recuperación.

Cando adquiren tamaños máis grandes reciben o nome de “ouxas”. Poden chegar a ser enormes, habitan nos fondos mariños e adoitan alimentarse, entre outras cousas, de ameixas, causando graves danos nos nosos bancos marisqueiros.

ouxa2

Neste caso, a ouxa, ou máis ben carneiro, aparecida no Bao presentaba a cola seccionada. O que puido ter pasado non entra máis que en conxeturas. Semella pouco probable que tratara de ser capturada. Quizáis un mergullador lle cortou a cola para defenderse ou quizáis tamén debido a un accidente. En todo caso, o carneiro non sobreviveu a esa circunstancia e foi empuxada pola marea ata chegar á terra.

A LEI DE ACUICULTURA ARDE NO ENTERRO DO LIBORIO

O anteproxecto da Lei de Acuicultura que a Xunta de Galicia pretende levar a cabo e que é a triste protagonista da nosa actualidade recente, ocupou tamén o lugar máis destacado no enterro do liborio da Arousa, que cada ano organizan as mulleres das Rubas. O enterro foi suspendido no día de onte por temor ó mal tempo, que aínda que non prometía ser mellor no día de hoxe, optouse pola espera coa promesa de que hoxe ía saír o liborio “chovera ou ventara”.

liborio1

Finalmente a climatoloxía respectou o desfile da comitiva polas rúas da Arousa, se ben os asistentes non se libraron dalgunha que outra nevada unha vez que xa chegaran ó seu destino no Paseo do Naval.

As mulleres das Rubas substituiron nesta ocasión os seus traxes de viúvas desconsoladas por roupas de augas, xa que tanto os seus choros como as súas indumentarias foron este ano máis reinvindicativos que nunca. Unha vez desvelado que a identidade do liborio era a lei máis impopular en décadas, comezou o cortexo que culminou, como é habitual, no Naval.

liborio2

Unha representante das mulleres das Rubas leu un pequeno manifesto en verso que denunciaba a “espabilación” dos chinos pretendendo facerse coas nosas ameixas “para comelas con arroz”, así como a incomprensión por eses políticos que comparan o salmón coas numerosos e deliciosos mariscos da nosa ría.

E de aí, o liborio, e con el a lei, xa estaba listo para arder. Comezou entón unha fogueira que acabou por reducir a cinzas ó liborio, ó permex, ó botiquín e a todos cantos obstáculos se lle poñen á xente do mar para traballar, ó tempo que a noite nubrada era adornada con fogos artificiais.

E así se daba rematado de maneira oficial o Antroido na Illa de Arousa, con permiso do epílogo do sábado de carrozas, para o que esperamos, que xa o vamos merecendo, que o bo tempo por fin nos acompañe.

O ALMANAQUE DA COFRADÍA: A FOTO QUE ACOMPAÑA 2016.

almanaque

Almanaque da Cofradía 2016.

Existe un dos clásicos do Nadal da Arousa que chega nesas datas para quedarse. Trátase do xa tradicional almanaque da cofadría, que durante décadas ven ilustrando as mareas e as fases da lúa con diferentes imaxes. Este ano, tal e como pasou o ano pasado, o autor da fotografía é Dani Gondar Rial. De novo trátase dunha foto nocturna, pero esta vez da ponte retratada dende a praia. A parte da beleza en si mesma, a escena está cargada de interesantes detalles, como o cartel reinvindicativo e xa clásico da Arousa, o famoso “prohido mariscar”, que contrasta coa apariencia de noite tranquila na que a elegante curva da nosa ponte traza o seu percorrido. E tampouco falta un dos habituais pescadores que asiduamente ateigan a ponte, xa que ha de ser difícil atopar o noso viaducto sen algún deles. En todo caso, unha fermosa e representativa fotografía pola cal non podemos deixar de felicitar a Dani. Unha imaxe da que non nos chegará 2016 para aburrirnos dela.